Arthur Schopenhauer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arthur Schopenhauer

Arthur Schopenhauer, nado en Gdańsk o 22 de febreiro de 1788 e finado en Frankfurt o 21 de setembro de 1860, foi un filósofo polaco-alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Arthur Schopenhauer naceu preto da cidade báltica de Danzig (Polonia), fillo de Heinrich Floris Schopenhauer e Johanna Schopenhauer, unha familia mercantil de clase media de orixe holandesa. Parecía destinado á carreira comercial do seu pai, con quen fixo longas viaxes por Francia e Inglaterra. En 1793, cando a cidade é anexionada por Prusia, a familia múdase a Hamburgo. Morto o pai en 1805 abandonará os estudos de comercio e comezará a estudar medicina en Göttingen, que abandona finalmente pola filosofía aconsellado por Gottlob Schulze, que lle recomenda ler a Platón, Aristóteles e Kant.

En 1811 trasladouse a Berlín, onde amosou certo interese polas disertacións de Schleiermacher e de Fichte. En 1813, tras unha breve estadía na casa familiar de Weimar, na que coñece a Goethe -amigo de súa nai, tamén escritora- e ó orientalista Friedrich Majer, encérrase en Rudolstadt, onde acaba de redactar a súa tese doutoral, A cuádruple raíz do principio da razón suficiente (1813), que presentaría para o título de doutor na universidade de Jena. Trala tese, durante os catro anos que residiu en Dresde, compoñerá a súa obra principal (O mundo como vontade e representación), que non tivo o éxito que lle prevía, pero que coñecerá dúas novas edicións en vida do autor (a 2ª en 1844, con 50 novos capítulos, e a 3ª en 1859).

En 1820 consegue ser profesor da universidade de Berlín, onde leccionará criticamente sobre Hegel, sen éxito, durante seis meses. Viaxa por toda Italia visitando Florencia, Roma, Nápoles e Sicilia ata que, de volta en Berlín, decide retirarse a Frankfurt do Meno en 1831, onde levaría unha existencia burguesa, célibe e apracible, durante case trinta anos. En 1836, publica Sobre a vontade da natureza e en 1851 unha colección de ensaios e aforismos, Parerga e Paralipómena, que por fin lle dan sona en vida. De carácter intransixente e pouco favorable ó contacto humano, gañou unha merecida fama de irredutible misántropo. Morreu por mor dunha pleurite.

Ideas filosóficas[editar | editar a fonte]

Na súa obra máis famosa O mundo como vontade e representación, Schopenhauer afirmaba a vontade como chave da razón. A súa idea de que sen vontade non hai nada é xeralmente vista como unha expresión clásica do pesimismo filosófico. É criticado por adoptar e defender unha especie de pesimismo de corte romántico que entende a vida como sufrimento. Non obstante, conforme á filosofía oriental, en particular o budismo, a súa obra predica a salvación, a entrega, e a anulación do sufrimento na contemplación estética, na simpatía polos demais, e na vida ascética. Neste sentido recoñecía a superioridade do budismo e do misticismo hindú sobre a teoloxía cristiá dominante na Europa da súa época. A súa admiración por Kant corría en paralelo co desprezo polos idealistas da época. Para el, a representación é a dimensión aparencial da realidade, mais por baixo aparecerá a vontade se se trata de descubrir o que agocha, froito de intuír a vontade propia, irracional na súa propia natureza. A propia vontade non é máis ca un caso da Vontade que invade o mundo (algo así como a entropía da física) e que se manifesta dende os seres inorgánicos ata no ser humano, onde conflúen vontade e representación. A cuestión é que a vontade que busca a súa propia conservación é egoísta, por iso é necesaria a existencia do Dereito para coutala. O coñecemento da realidade posibilita superar o egoísmo e simpatizar co resto da Natureza, nunha sorte de identificación nirvánica.

Influencia da súa obra[editar | editar a fonte]

As súas ideas románticas e irracionais influenciaron os eidos da filosofía (e.g. Nietzsche, Bergson e Wittgenstein), da psicoloxía (Freud e Jung, por exemplo), da literatura (Thomas Mann, Hermann Hesse, Marcel Proust, Michel Houellebecq e un longo etcétera) e a música (Wagner).

Listaxe de obras[editar | editar a fonte]

  1. Sobre a raíz cuádrupla do principio da razón suficiente (Über die vierfache Wurzel des Satzes vom zureichenden Grunde), 1813.
  2. Sobre a vida e as cores (Über das Sehn und die Farben), 1816
  3. O mundo como vontade e representación (Die Welt als Wille und Vorstellung)(1818-1819).
  4. A arte de ter sempre razón, 1830-1831.
  5. Sobre a vontade na natureza Über den Willen in der Natur, 1836.
  6. Ensaio sobre o libre arbitrio (Über die Freiheit des menschlichen Willens), 1839
  7. Sobre os alicerces da moral (Über die Grundlage der Moral), 1840
  8. Os dous problemas fundamentais da Ética (1841).
  9. Parerga e Paralipómena (Parerga und Paralipomena), 1851.
  10. Nachlassband von Julius Frauenstedt, 1864
  11. Aforismos sobre a sabedoría na vida (Aphorismen zur Lebensweisheit), 1886

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Arthur Schopenhauer
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Arthur Schopenhauer

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]