Baruch de Spinoza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Baruch Spinoza")
Baruch de Espinoza.

Benedictus de Spinoza, tamén coñecido como Baruch de Espinoza, Bento de Espinoza ou Bento d'Espiñoza, nado en Ámsterdan o 24 de novembro de 1632 e finado na Haia o 21 de febreiro de 1677, foi un filósofo neerlandés, un dos grandes racionalistas da filosofía moderna canda a René Descartes e Gottfried Wilhelm Leibniz. Está considerado o fundador da crítica bíblica moderna.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia de orixe xudea procedente de Portugal. É coñecido polas súas posicións panteístas e o seu monismo neutro, e por escribir a súa Ethica baixo a forma de postulados e definicións, como se fose un tratado de xeometría. No verán de 1656, a comunidade xudía excomungouno polas súas afirmacións de que Deus é o mecanismo da natureza e do universo, que carece de personalidade, e a Biblia é un traballo metafórico e alegórico que se usou para ensinar a natureza de Deus, dúas proposicións baseadas nunha argumentación cartesiana. Despois da súa excomuñón adoptou o primeiro nome Benedictus (o equivalente en latín ao seu nome orixinal, Baruch). Logo da edición do seu Tractatus Theologico-Politicus deixou de publicar ao non recibir críticas favorables ao seu tipo de cartesianismo. A Ethica publicouse despois da súa morte, na Ópera póstuma editada polos seus amigos.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Deus sive Natura[editar | editar a fonte]

Spinoza defendeu que Deus e Natureza eran dous nomes para a mesma realidade, a única substancia da que consiste o universo e do cal todas as entidades menores constitúen modalidades ou modificacións. El afirmou que ese "Deus sive Natura" ("Deus ou Natureza") era un ser de infinitos atributos, entre os cales a extensión e o pensamento eran dous. A súa visión da natureza da realidade, entón, parece tratar os mundos físicos e mentais como dous diferentes, submundos paralelos; que nin se sobrepoñen nin interactúan. Esta formulación é unha solución panpsíquica historicamente significativa ao problema do corpo espírito coñecido como o monismo neutro.

Determinismo[editar | editar a fonte]

Spinoza cría profundamente no determinismo, que propuña que absolutamente todo o que acontece ocorre a través da operación da necesidade. Para el, mesmo o comportamento humano está totalmente determinado, a liberdade é a nosa capacidade para saber que somos determinados e comprender porque actuamos como actuamos. Deste xeito, liberdade non é a posibilidade de dicir "non" a aquilo que nos acontece, mais si a posibilidade de dicir "si" e comprender completamente porque as cousas deberán acontecer dese xeito.

Ética[editar | editar a fonte]

A filosofía de Spinoza ten moito en común co estoicismo, mais difire moito dos estoicos nun aspecto importante: rexeitou a afirmación de que a razón pode dominar a emoción. Polo contrario, defendeu que unha emoción pode ser sobrepasada soamente por unha emoción maior. Para el, a distinción crucial era entre as emocións activas e pasivas, sendo as primeiras aquelas que son comprendidas racionalmente e as outras as que non o son.

O desexo e a afectividade[editar | editar a fonte]

Para Spinoza todo ser particular (todo individuo) é unha expresión (un modo) da substancia. Polo que todo ser prolonga por si mesmo a forza desbordante da Natureza creadora, é dicir, trata de perseverar no seu ser, de afirmarse e realizarse cada vez máis. O ser humano non escapa a esta lei. Por iso Spinoza puido dicir que "a esencia do home é o desexo".

A afectividade non é outra cousa que a modulación do desexo: cando o desexo, entendido como potencia individual de existir cada vez máis de acordo coa natureza propia de cada un, exprésase e realízase, sentimos alegría; cando se ve contrariado, expresamos tristura. Todos os matices da afectividade consisten na diferenciación interna desas dúas tonalidades fundamentais que son a alegría e a tristura. Así o bo para un ser é o que lle permite existir cada vez máis en conformidade coa súa natureza e que experimenta como unha necesidade positiva. Unha necesidade e unha forza cuxa fonte última é a propia Natureza-Deus-Substancia. Spinoza di que "non desexamos unha cousa porque sea boa, senón o contrario: porque a desexamos dicimos que é boa".

Aquí o xerme dun individualismo moral radical, pero é mester coidarse de interpretalo superficialmente. En efecto, debe estar orientado polo coñecemento verdadeiro de si mesmo. O saber filosófico supremo que permite a cada un recoñecerse como expresión da substancia; esta é o último obxecto e a fonte primeira do desexo humano.

Obras[editar | editar a fonte]

Varios[editar | editar a fonte]

Albert Einstein cando en 1921 lle preguntou ao rabino H. Goldstein, de Nova York, se cría en Deus, respondeu: “Creo no Deus de Spinoza, que se revela por si mesmo na harmonía de todo o que existe, e non no Deus que se interesa pola sorte e polas accións dos homes”

O retrato de Spinoza estaba impreso nos antigos billetes de 1000 floríns, a moeda oficial dos Países Baixos ata á introdución do euro no 2002.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Baruch de Spinoza
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baruch de Spinoza

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]