John Dewey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Selo americano coa imaxe de John Dewey

John Dewey, nado en Burlington (Vermont) o 20 de outubro de 1859 e finado en Nova York o 1 de xuño de 1952, foi un filósofo, psicólogo e pedagogo estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

John Dewey foi fillo de Archibald Sprague Dewey e Lucina Artemisa Rich. A súa nenez e adolescencia está marcada polo calvinismo da súa nai e o gusto pola literatura británica do seu pai. Dewey volveuse un ávido lector de periódicos progresistas, cuxos colaboradores propuñan distintas versións do evolucionismo: o positivismo e o agnosticismo. Máis tarde graduouse en Artes na Universidade de Vermont e doutorouse en filosofía na Universidade John Hopkins.

Coñeceu á que foi a súa muller, Harriet Alice Chipman, entre os seus primeiros alumnos en Míchigan. Casaron o 28 de xullo de 1886 e tiveron sete fillos. Deixou Míchigan para aceptar a cátedra de filosofía en Minesota pero ao pouco tempo regresou para facerse cargo da dirección da Universidade de Michigan.

Orientación filosófica[editar | editar a fonte]

Para Dewey ten moita importancia a experiencia nun dobre sentido, por unha parte ensaiar e por outra experimentar. A experiencia é clave para comprender a realidade, pois comprende tanto a proba coma o coñecemento. Relaciona a verdade ou valor co que se ensaia e o seu resultado. A experiencia non conduce a verdades e valores absolutos e definitivos. Ensaiar é unha invasión do futuro e os resultados están ocultos pola néboa da incerteza.

Dewey relaciona a prioridade da continuidade social coa necesidade da flexibilidade do individuo, xa que afirma que a experiencia colectiva dunha sociedade democrática é a fonte para resolver problemas futuros.

O primeiro criterio para establecer unha meta da educación é que debe nacer das actividades propias do neno. O neno nunca debe permitir que a súa elección do fin se convirta nun proxecto ríxido. Os fins deben ser medios elásticos para tratar diferentes circunstancias. Dewey critica os fins educativas doutros pedagogos. Di que os mestres impoñen aos nenos fins educativos sen consultalos, pero as metas que son impostas polos mestres son impostas polos seus superiores. Tamén afirma que a educación abstracta non ten fins. Só as persoas teñen fins e téñennos porque se encontran comprometidos nas actividades concretas da vida e deben asumir o labor de guialas ata unha conclusión.

Dewey a pesar disto cre necesarios os fins e despois de analizar a natureza da educación conclúe que esta é un proceso de desenvolvemento. Preocupoulle que o desenvolvemento estivera subordinado a unha fin inflexible e estática.

Teoría pedagóxica[editar | editar a fonte]

Dewey, comprometido coa reforma pedagóxica, trata de buscar un lugar intermedio ente dúas escolas de pedagoxía en conflito. O punto de vista de William Torrey Harris que sostén que os nenos debían ser instruídos na sabedoría acumulada pola humanidade mentres que G. Stanley Hall argumenta que o contido é secundario con respecto á expresión natural dos impulsos. Defendeu que a educación debe adaptarse tanto aos estados evolutivos do neno como á contorna do neno fóra da clase. O seu método de abstraer os mellores elementos dos puntos de vista opostos e reconstruír a partir deles novas alternativas converteuse máis tarde no seu selo distintivo.

Pensaba que a educación tradicional era autoritaria e que se fundaba en que o alumno tiña necesariamente que depender da mente e vontade doutro. O que o fixo foi crear unha nova escola, a chamada "Escola de Dewey" establecida en 1892 en Chicago, que tomou como punto de partida actividades ordinarias nas que esta comprometido.

A fin desta escola non é extraer ao neno dalgún medio ou desenvolvelo de acordo con algún modelo distante, senón axudalo a resolver os problemas que se ían presentando dentro do ambiente físico e social que o rodea.

Os contidos escolares son un instrumento que axuda ao neno. Por iso os primeiros anos de educación baséanse nas necesidades do neno, a lectura e a escritura eran sinxelos instrumentos. Dewey sostén que o defecto da educación antiga é que separan o saber do facer.

Os factores que motivan as ideas pedagóxicas son: a democracia, a Revolución Industrial e a ciencia moderna.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Psicoloxía (1887).
  • Esbozo dunha teoría crítica da ética (1891).
  • Syllabus para o estudo da ética (1894).
  • O meu Credo pedagóxico (1897).
  • A escola e a sociedade (1889).
  • O neno e o currículo (1902).
  • As condicións lóxicas para un tratamento científico da moral (1903).
  • Estudos sobre a lóxica (1903).
  • Cómo pensamos (1910).
  • A influencia de Darwin e outros ensaios sobre o pensamento contemporáneo (1910).
  • As escolas do mañá (1915).
  • Democracia e Educación (1916).
  • A reconstrución na filosofía (1920).
  • Natureza humana e conduta (1922).
  • Experiencia e Natureza (1925).
  • A busca da certeza (1929).
  • A arte como ciencia (1934).
  • Unha fe común (1934).
  • Experiencia e Educación (1938).
  • Lóxica: a teoría da pregunta (1938).
  • A teoría do valor (1939).
  • A educación de hoxe (1940).
  • A Ciencia da Educación (1940).
  • Problemas do home (1946).
  • O coñecer e o coñecido (1949).