Psicoloxía da relixión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A psicoloxía da relixión é a póla da psicoloxía aplicada e da ciencia da relixión que trata as cuestións psicolóxicas vencelladas á práctica relixiosa. Estuda as crenzas, actividades e experiencias relixiosas dende o punto de vista psicolóxico, no que se distingue, por exemplo, dunha disciplina afín, a neuroteoloxía.

A psicoloxía da relixión responde as preguntas e reaccións do ser humano sobre o sentido último da súa existencia neste mundo e máis aló da morte. É unha procura que sitúa ó home ante unha realidade superior distinta del, que adoita concibir como persoal e transcendente e coa que entra en relación mediante a fe. Ocúpase da orixe e natureza do misticismo ou sentimento relixioso, e da orixe da relixión como tal.

Algúns consideran á relixión como unha proxección patolóxica do ser humano que necesita curación. Os psicólogos da relixión interésanse pola relación que existe entre a personalidade e o desenvolvemento da actitude e o comportamento relixiosos. Tamén estuda as manifestacións que adopta a relixiosidade popular, así como as novas formas de relixiosidade que xurdiron en Occidente. Pode axudar a comprender o relixioso no home.

Historia[editar | editar a fonte]

Os pasos iniciais na fundación da psicoloxía da relixión, como póla da psicoloxía, remóntanse á iniciativa de Friedrich Schleiermacher na súa obra Psychologie do ano 1862. O primeiro gran clásico da especialidade foi William James coa súa obra "As variedades da experiencia relixiosa" (The varieties of religious experience) do ano 1902. A escola psicanalítica fundada por Sigmund Freud deu un pulo decisivo á disciplina. Dentro da mesma menciónanse xeralmente a Carl Jung, Alfred Adler e máis recentemente a Erich Fromm, aínda que en moitos aspectos difiren do enfoque inicial de Freud. A partir do século XX desenvolvéronse estudos psicométricos, o enfoque evolutivo e as teorías evolucionistas.