Epicuro de Samos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Epicuro")
Epicuro de Samos (341 a.C. - 270 a.C.)

Epicuro de Samos foi un filósofo grego do período helenístico. O seu pensamento chegou a ser moi difundido e desenvolvéronse numerosos centros epicuristas en Xonia, Exipto e, a partir do século I, en Roma, onde Lucrecio foi o seu maior divulgador.

Vida[editar | editar a fonte]

Epicuro naceu en Atenas, en -341 a.C., mais aínda moi novo partiu coa familia para Samos. Retornou á terra natal no 323 a.C..

Xa en Atenas, consta que Epicuro ouviu o filósofo académico Pánfilo. Con Nausífanes de Teo, discípulo de Demócrito de Abdera, Epicuro tería entrado en contacto coa teoría atomista, da cal reformulou algúns puntos. Epicuro ensinou filosofía en Lampsaco, Mitilene e Colofón ata que en 306 a.C. fundou a súa propia escola filosófica, chamada O Xardín. Ensinou na súa escola ata a morte, en 270 a.C., rodeado de amigos e discípulos.

Filosofía e obra[editar | editar a fonte]

Das numerosas obras escritas polo filósofo só restaron tres cartas que versan sobre a natureza, sobre os meteoros e sobre a moral, e unha colección de pensamentos. Estas cartas e os fragmentos foron recompilados por Hermann Usener baixo o título de Epicurea, en 1887.

A certeza[editar | editar a fonte]

Segundo Epicuro, para atinxir a certeza é necesario confiar naquilo que foi recibido pasivamente na sensación pura e, por consecuencia, nas prenocións ou ideas xerais que se forman no espírito (como resultado dos dados sensíbeis recibidos pola faculdade sensitiva).

O atomismo[editar | editar a fonte]

Epicuro defendía ardorosamente a liberdade humana e a tranquilidade do espírito. O atomismo, cría o filósofo, podería garantir ambas as cousas desde que foi modificado. A representación vulgar do mundo, cos seus deuses, o medo dos cales fixo que se cometesen os peores actos, é obstáculo á serenidade. Todas as doutrinas filosóficas, salvo o atomismo, participan desas supersticións.

No sistema epicurista, os átomos atópanse fortuitamente e esta é a gran modificación en relación ao atomismo de Demócrito (onde o encontro dos átomos é necesario). É este encontro fortuíto o que garante a liberdade (se así non fose, todo estaría baixo o xugo da Natureza) e garante a explicación dos fenómenos, a súa elucidación, facendo que poidan ser explicados racionalmente. Así, ao comprender como opera a Natureza, o home pode librarse do medo e das supersticións que aflixen o espírito.

O pracer[editar | editar a fonte]

A doutrina de Epicuro entende que o sumo ben reside no pracer e, por iso, foi unha doutrina moitas veces confundida co hedonismo. O pracer do que fala Epicuro é o pracer do sabio, entendido coma a quietude da mente e o dominio sobre as emocións e, por tanto, sobre si mesmo. É a propia Natureza a que nos informa que o pracer é un ben. Este pracer, porén, apenas satisfai unha necesidade ou aquieta a dor. A Natureza condúcenos a unha vida simple. O único pracer é o pracer do corpo e o que se chama pracer do espírito é apenas lembranza dos praceres do corpo. O máis alto pracer reside no que chamamos saúde. A función principal da filosofía é liberar ao home.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Epicuro de Samos

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]