Sexto Empírico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sexto Empírico.

Sexto Empírico (ca. 160 - ca. 210), médico e filósofo grego, un dos máis importantes representantes do escepticismo e fonte da maioría dos datos referidos a esta corrente filosófica.

Biografía[editar | editar a fonte]

Ignórase a súa orixe, inda que si se sabe que residiu en Atenas, Alexandría e Roma. O seu alcume non provén das súas concepcións filosóficas mais, esencialmente, pola súa práctica médica. Este feito contrasta, curiosamente, coa orientación totalmente escéptica que adoptou na súa obra filosófica.

Obra filosófica[editar | editar a fonte]

Os seus escritos, moi influenciados polos de Pirrón de Élide e Enesidemo, cuestionan a pretensión dogmática de alcanzar a verdade absoluta, tanto na moral coma nas ciencias.

Conservamos Esbozos pirrónicos e Contra os matemáticos, tamén chamada Contra os profesores (Adversus mathematicos, hoc est, adversus eos qui profitentur disciplinas), tradicionalmente dividida en dúas partes: Adversus mathematicos -tamén-, libros I-VI, e Adversus dogmaticos, libros VII-XI (inda que existen dúbidas sobre se son unha mesma obra ou obras diferentes ou se están completas).

Adversus mathematicos en formato DjVu.

En Esbozos pirrónicos (Πυῤῥώνειοι ὑποτύπωσεις, Pyrrhōneioi hypotypōseis) define escepticismo como "a facultade de opor os fenómenos e os noúmenos de todos os xeitos posibles e de aí, a causa do equilibrio das cousas e das razóns opostas (isostenía) chegamos primeiro á suspensión do xuízo (epoché) e logo á indiferenza (''ataraxia'')".

En Contra os profesores ataca a outros profesionais doutras ciencias: oradores, gramáticos, xeómetras, aritméticos, astrónomos e músicos. En Contra os dogmáticos rebate a lóxicos, físicos e moralistas. No último libro, contra os éticos, discute que exista unha ciencia do bo vivir ou dun sentido final para a vida humana.

Nega calquera "criterio de verdade", nega calquera certeza sobre que é o ben e que é o mal, e tamén que exista un "arte de saber vivir" ou "saber morrer". Todo é relativo e opinable.

A importancia da súa obra reside en ser fonte de información sobre o pensamento antigo. Concretamente, Adversus mathematicos informa sobre a historia da astronomía, a gramática, a ciencia ou a teoloxía estoica na Antigüidade.

Máis que un autor orixinal é un erudito que recolle e analiza citas de pensadores anteriores. Non posúe un estilo brillante; incluso a aglomeración de argumentos que usa para demostrar que todos os que afirman algo en serio son uns ilusos pode resultar pesada.

Influencia posterior[editar | editar a fonte]

Henricus Stephanus publicou en 1526 unha tradución latina dos Esbozos e en 1569 Gentian Hervet publicou unha tradución da obra completa. O texto grego foi publicado por primeira vez por Petrus e Jacobus Chouet en 1621.

Os Esbozos influíron en autores coma Montaigne, Hume ou Hegel.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carlos García Gual. "Contra dogmáticos y pedantes" (El País - Babelia, 2 de xuño de 2012).