Immanuel Kant

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Filosofía occidental
Immanuel Kant (portrait).jpg
Kant por J. L. Raab, 1791

Nome

Immanuel Kant

Nacemento

22 de abril de 1724
Königsberg , Prusia

Morte

12 de febreiro de 1804 (79 anos)
Prusia

Filosofía

Influencias

Romanticismo

Sinatura

Autograph-ImmanuelKant.png

Immanuel Kant, nado en Königsberg o 22 de abril de 1724 e finado na mesma vila o 12 de febreiro de 1804, foi un filósofo Prusiano, xeralmente considerado como o último gran filósofo dos principios da era moderna, un representante da Ilustración, indiscutibelmente un dos seus pensadores máis influentes. Kant tivo un grande impacto no Romanticismo alemán e nas filosofías idealistas do século XIX, tendo esta súa faceta idealista sido un punto de partida para Hegel.

Aparte desa vertente idealista que desembocaría na filosofía de Hegel (e Marx), algúns autores consideran que Kant fixo, ao nivel da epistemoloxía, unha síntese entre o Racionalismo continental (de Descartes e Leibniz, onde impera a forma de razoamento dedutivo), e a tradición empírica inglesa (de Hume, Locke, ou Berkeley, que valora a indución).

Kant é famoso sobre todo pola súa concepción coñecida como idealismo transcendental, que di que todos nós traemos formas e conceptos innatos para a experiencia crúa do mundo, os cales serían doutra forma imposíbeis de determinar. A filosofía da Natureza e da natureza humana de Kant é historicamente unha das máis determinantes fontes do relativismo conceptual que dominou a vida intelectual do século XX. Non entanto, é moi probábel que Kant rexeitase o relativismo nas súas formas contemporáneas, como por exemplo o Posmodernismo).

Kant é tamén coñecido pola súa filosofía moral e tamén pola súa proposta, a primeira moderna, dunha teoría da formación do sistema solar, coñecida como a hipótese Kant-Laplace.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Kant naceu e morreu en Königsberg (actual Kaliningrad), na altura pertencente á Prusia. Foi o cuarto dos nove fillos de Johann Georg Kant, un artesán fabricante de correas (compoñente das carrozas de entón), e da súa muller Regina. Nacido nunha familia protestante, tivo unha educación austera nunha escola pietista, que frecuentou grazas á intervención dun pastor. Pasou gran parte da súa xuventude como estudante, sólido mais non espectacular, preferindo o billar ao estudo. Tiña a convicción curiosa de que unha persoa non podía ter unha dirección firme na vida ata que non atinxise os 39 anos. Con esa idade, era apenas un metafísico menor nunha universidade prusiana, mais foi entón que unha breve crise existencial o asomou. Pode argumentarse que tivo influencia na súa posterior dirección.

Kant foi un respectado e competente profesor universitario durante case toda a súa vida, mais nada do que fixo antes dos 50 anos lle garantiría calquera reputación histórica. Viviu unha vida extremadamente regulada: o paseo que facía ás tres e media todas as tardes era tan puntual que as mulleres domésticas dos arredores podían axustar os reloxos por el.

Kant nunca deixou Prusia e raramente saíu da súa cidade natal. A pesar da reputación que gañou, era considerado unha persoa moi sociábel: recibía convidados para xantar con regularidade, insistindo en que a compañía era boa para a súa constitución física.

Por volta de 1770, con 46 anos, Kant leu a obra do filósofo escocés David Hume. Hume é por moitos considerados un empirista ou un escéptico, desprezando toda a metafísica, mentres que outros o consideran un naturalista. A súa tese máis famosa é que nada na nosa experiencia xustifica a existencia de "poderes causais" inherentes nas cousas. Por exemplo, cando unha bola de billar choca con outra, a segunda "debe" moverse. Obviamente, as cousas sempre aconteceron así, e por iso tendemos a pensar, "polo costume e polo hábito" que así sexa. Só que non hai motivos racionais para iso.

Kant sentiuse profundamente perturbado, achaba o argumento de Hume irrefutábel, mais as súas conclusións inaceptábeis. Durante 10 anos non publicou nada e, entón, en 1781 sacou á luz o masivo Crítica da Razón Pura, posibelmente o libro máis influente da filosofía moderna.

Neste libro desenvolveu a súa noción dun argumento transcendental para mostrar que, en suma, a pesar de non podermos saber necesariamente verdades sobre o mundo "como el é en si", estamos forzados a percibir e a pensar acerca do mundo de certas formas: podemos saber con certeza un gran número de cousas sobre "o mundo como el nos aparece": por exemplo, que cada evento estará causalmente conectado con outros, que aparicións no espazo e no tempo obedecen a leis da xeometría, da aritmética, etc.

Nos preto de vinte anos seguintes, ata á súa morte en 1804, a produción de Kant foi incesante. O seu edificio da filosofía crítica completouse coa Crítica da razón práctica, que lidaba coa moralidade de forma similar ao modo que a primeira "crítica" lidaba co coñecemento; e a Crítica do xuízo, que lidaba cos varios usos dos nosos poderes mentais que nin confiren coñecemento factual nin nos obrigan a actuar: o xuízo estético (Do Belo e Sublime) e xuízo teleolóxico (Construción de Cousas Como Tendo "Fins"). Como Kant os entendeu, o xuízo estético e teleolóxico conectan os nosos xuízos morais e empíricos un ao outro, unificando o seu sistema.

Unha das súas obras, en particular, atinxe hoxe en día gran destaque entre os estudosos da filosofía moral. A Fundamentación da Metafísica dos Costumes considérase por moitos filósofos a máis importante obra escrita sobre a moral. É nesta obra que o filósofo delimita as funcións da acción moralmente fundamentada e presenta conceptos como o Imperativo Categórico e a Boa Vontade.

Aparte disto, Kant escribiu algúns ensaios medianamente populares sobre historia, política e a aplicación da filosofía á vida. Cando morreu, estaba a traballar nunha proxectada "cuarta crítica", tendo chegado á conclusión de que o sistema estaba incompleto; este manuscrito foi entón publicado como Opus Postumum. Kant faleceu en 1804.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Retrato de Kant

A pesar de ter adoptado a idea dunha filosofía crítica, cuxo obxectivo primario era "criticar" as limitacións das nosas capacidades intelectuais, Kant foi un dos grandes construtores de sistemas, levando a cabo a idea de crítica nos seus estudos da Metafísica, Ética e Estética.

Unha cita famosa, "o ceo estrelado sobre min e a lei moral dentro de min", é un resumo dos seus esforzos: el pretendía explicar, nunha teoría sistemática, aquelas dúas áreas. Isaac Newton desenvolvera a teoría da física baixo a cal Kant quería edificar a súa filosofía. Esta teoría envolvía a asunción de forzas naturais que os homes non perciben, mais se usan para explicar o movemento de corpos físicos.

O seu interese na ciencia tamén o levou a propor en 1755 que o Sistema Solar fora creado a partir dunha nube de gas na cal os obxectos se condensaron debido á gravidade. Esta hipótese é amplamente recoñecida como a primeira teoría moderna da formación do Sistema Solar e é precursora das actuais teorías da formación estelar.

Metafísica e Epistemoloxía[editar | editar a fonte]

O libro máis lido e máis influente de Kant é a Crítica da Razón Pura (1781), que resulta dunha experiencia de pensamento notabelmente simple. El dixo: "tente imaxinar algunha cousa que existe fóra do tempo e que non ten extensión no espazo". A mente humana non pode producir tal idea. Tempo e espazo son formas fundamentais de percepción que existen como estruturas innatas da mente. Nada pode ser apercibido excepto a través destas formas, e os límites da física son os límites da estrutura fundamental da mente. Na perspectiva de Kant, hai, por iso, calquera cousa como ideas innatas - coñecemento "a priori" dalgunhas cousas (espazo e tempo), unha vez que a mente ten de posuír estas categorías por forma a poder comprender a masa susurrante de experiencia crúa, non-interpretada que se presenta ás nosas consciencias. En segundo lugar, ela remove o mundo real (a que Kant chamou o mundo noumenal ou nóumeno) da arena da percepción humana - unha vez que todo o que percibimos fíltrase a través das formas de espazo e tempo, nós non podemos "coñecer" verdadeiramente o mundo real.

Kant denominou a súa filosofía crítica como "idealismo transcendental". A pesar da interpretación exacta desta frase ser contenciosa, unha maneira da comprender é a través da comparación de Kant no segundo prefacio á Crítica da Razón Pura da súa filosofía crítica coa revolución de Copérnico na astronomía. Kant escribe:

Ata aquí, foi asumido que todo o noso coñecemento debe conformarse aos obxectos. Mais todas as nosas tentativas de estender o noso coñecemento de obxectos polo estabelecer de calquera cousa "a priori" a o seu respecto, por medios de conceptos, acabaron, nesta suposición, por fallar. Temos pois, por tentativas, que ver se temos ou non máis éxito nas tarefas da Metafísica, se supuxermos que os obxectos deben corresponder ao noso coñecemento [Bxvi].

Tal como Copérnico revolucionou a astronomía ao mudar o punto de vista, a filosofía crítica de Kant pregunta cales as condicións "a priori" para que o noso coñecemento do mundo se poida concretar. O idealismo transcendental describe este método de procurar as condicións da posibilidade do noso coñecemento do mundo.

O "idealismo transcendental" de Kant deberá ser distinguido de sistemas idealistas como os de Berkeley. En canto Kant acha que os fenómenos dependen das condicións da sensibilidade, espazo e tempo, esta tese non é equivalente á dependencia mental no sentido do idealismo de Berkeley. Para Berkeley, unha cousa é un obxecto apenas se puider percibirse. Para Kant, a percepción non é o criterio da existencia dos obxectos. Antes, as condicións de sensibilidade - espazo e tempo - ofrecen as "condicións epistémicas", para usar a frase de Henry Allison, requiridas para que coñezamos obxectos no mundo dos fenómenos.

Kant tiña querido discutir os sistemas metafísicos mais descubriu "o escándalo da filosofía" - non se pode definir os termos correctos para un sistema metafísico ata que se defina o campo, e non se pode definir o campo ata que se teña definido o limite do campo da física primeiro. Física, neste sentido significa, xenericamente, a discusión do mundo perceptíbel.

Filosofía moral[editar | editar a fonte]

Immanuel Kant
Crítica da razón pura. 1781

Kant desenvolve a súa filosofía moral en tres obras: Fundamentación da Metafísica dos Costumes (1785), Crítica da razón práctica (1788) e Metafísica dos Costumes (1798).

Nesta área, Kant é probabelmente máis ben coñecido pola súa teoría sobre unha obriga moral única e xeral, que explica todas as outras obrigacións morais que temos: o Imperativo Categórico.

O Imperativo Categórico, en termos xerais, é unha obriga incondicional, ou unha obriga que temos independentemente da nosa vontade ou desexos (en contraste co imperativo hipotético).

As nosas obrigas morais poden ser resultantes do imperativo categórico. O imperativo categórico pode formularse en tres formas, que el consideraba seren máis ou menos equivalentes (a pesar de opinión contraria de moitos comentadores):

  • A primeira formulación (a fórmula da lei universal) di:
Actúa soamente en concordancia con aquela máxima a través da cal ti podas ao mesmo tempo querer que ela veña a se tornar unha lei universal.
  • A segunda fórmula (a fórmula da humanidade) di:
Actúa por forma a que uses a humanidade, quer na túa persoa como de calquera outra, sempre ao mesmo tempo como fin, nunca meramente como medio.
  • A terceira fórmula (a fórmula da autonomía) é unha síntese das dúas previas. Di que deberemos actuar por forma a que posamos pensar de nós propios como leis universais lexislativas a través das nosas máximas. Só podemos pensar en nós como tales lexisladores autónomos se seguirmos as nosas propias leis.

Marcos na vida de Kant[editar | editar a fonte]

  • 1724: Nace o 22 de abril.
  • 1740: Federico II convértese en Rei da Prusia. Foi un rei que trouxo sinais de tolerancia á Prusia, que era unha nación célebre pola disciplina militar. Trouxo ilustrados (Voltaire, o máis famoso) para a súa corte e continuou a política de encoraxamento á inmigración que o pai tiña seguido.
  • 1746: Falecemento do pai de Kant. Kant deixou de ter sustento. Tería de atopar traballo como profesor particular.
  • 1748 - 1754 (entre os 24 e os 30 anos) - Kant dá aulas a nenos en pequenas vilas dos arredores.
  • 1755 - (Kant ten 31 anos) Publicación do Libro "Historia natural xenérica e teoría dos ceos". Kant consegue o título de Mestre e o dereito a dar aulas na Universidade Alberto. Daría aulas como docente privado. Non pago pola Universidade mais polos propios alumnos.
  • 1762 - (Kant ten 38 anos) Kant le as recentes publicacións de Rousseau Emile (un libro sobre a educación nun sentido individualista) e o ensaio Contrato social.
  • 1770 - (Kant ten 46 anos) Kant tórnase profesor de Lóxica e Metafísica na Universidade, despois de 14 anos como docente (pago polos alumnos). Kant le por volta desta altura a obra de David Hume, que o terá espertado do seu "sono dogmático", como el propio dixo.
  • 1773 - (Kant ten 49 anos) Ironicamente, Federico II, un protestante, concede refuxio á Orde dos Xesuítas, prohibidos polo Papa.
  • 1774 - (Kant ten 50 anos) Auxe do movemento romántico chamado "Sturm-und-Drang". Herder publica "Tamén unha filosofía da Historia para educación da Humanidade"
  • 1781 - (Kant ten 57 anos) Kant publica en maio [[Crítica da razón pura]]. A reacción é pouco encoraxadora. Moses Mendelssohn e Johann Georg Hamann pronúncianse con indecisión.
  • 1784 - (Kant ten 60 anos) Kant escribe un artigo intitulado "Que é a Ilustración?" para a revista "Berlinischen Monatsschrift", como resposta a unha discusión na revista. Un anónimo tiña escrito que a cerimonia do casamento xa non se conformaba ao espírito dos tempos da ilustración. Un pastor preguntou na resposta, que era entón a ilustración. Kant respondeu co seu artigo.
  • 1788 - (Kant ten 64 anos) Publicación de Crítica da razón práctica. Morte do amigo Johann Georg Hamann.
  • 1789 - (Kant ten 65 anos) Inicio da Revolución Francesa. Kant pronúnciase inicialmente de forma favorábel á Revolución, e sobre todo á secularización resultante, despois do cal o rei de Prusia Federico Guillerme II prohíbelle pronunciarse sobre calquera tema relixioso.
  • 1795 - (Kant ten 71 anos) Publicación do tratado "Sobre a paz perpetua", no cal xorde a perspectiva dun cidadán do mundo esclarecido.
  • 1804 - Con 80 anos de idade, Kant faleceu en Königsberg, despois de prolongada doenza que presentaba síntomas semellantes á doenza de Alzhéimer. Xa non recoñecía sequera os seus amigos íntimos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Immanuel Kant
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Immanuel Kant

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]