Denis Diderot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Denis Diderot.

Denis Diderot, nado en Langres o 5 de outubro de 1713 e finado en París o 31 de xullo de 1784, foi un escritor e filósofo francés pertencente ao movemento literario da Ilustración.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pertencía á burguesía provinciana que só podía ascender mediante a carreira eclesiástica, en 1728 deixou ditos estudos. O seu desexo de progresar socialmente levouno a París, onde entrou en contacto cos círculos literarios máis avanzados e coñeceu a Rousseau, D'Alembert e Condillac. Diderot gañouse a vida como tradutor. Máis tarde, baixo o influxo de Shaftesbury, escribiu e publicou en 1746 Pensamentos filosóficos, nese mesmo ano logrou formar ao redor del o grupo de intelectuais que se fixo cargo da Enciclopedia. É o autor máis completo do século XVIII francés, pois compuxo obras de todo tipo de xéneros que se poden encadrar nas tres tendencias literarias da época: Rococó, nos seus comezos, Neoclasicismo e Prerromanticismo, a partir do seu compromiso coa Enciclopedia.

En 1785 Catarina II de Rusia adquiriu a biblioteca de Diderot, asignándolle a cambio unha pensión. Diderot residiu en San Petersburgo entre 1773 e 1774 dedicándose a elaborar proxectos de reforma. Durante os últimos anos da súa vida colaborou na obra Raynal, Historia das dúas Indias, onde se considera que o comercio é o factor básico do progreso e da civilización.

Obras[editar | editar a fonte]

Primeira etapa[editar | editar a fonte]

A súa primeira etapa, ata 1753, significa a súa entrada no mundo literario francés. Os seus primeiros traballos son xa moi polémicos. En Pensamentos filosóficos (1746), defende a supremacía da razón sobre Deus. A tese, exposta en Carta sobre cegos de que a intelixencia humana non se debe a Deus, senón que se forma a través da experiencia e por medio dos sentidos levarao ao cárcere acusado de ateísmo.

A este período tamén pertence a obra Les bijoux indiscrets (As xoias indiscretas), obra de ambiente galante e bastante frívola, na que denuncia os costumes cortesáns convertendo aos órganos sexuais femininos en narradores de sucesos que só eles coñecen. Diderot escribiu

Non foron os metafísicos os que infrinxiron os grandes golpes que feriron ao ateísmo. Para conmocionar ao materialismo, as sublimes meditacións de Malebranche e de Descartes non valían o que unha soa observación de Malpighi. Se hoxe se tambalea a perigosa hipótese materialista, o honor correspóndelle á física experimental. Só nas obras de Newton, de Musschenbroken, de Hartsoeker e de Nieuwentyt se atopan probas satisfactorias da existencia dun ser con perfecta intelixencia. Pero a grande empresa desta etapa foi a Enciclopedia, que será determinante na súa obra literaria. Grazas ao labor destes grandes homes, o mundo xa non é un deus; é unha máquina coas súas rodas, as súas cordas, as súas poleas, os seus resortes e os seus pesos.

Outra das cousas que Diderot escribiu foi:

Que graves delitos -preguntouse- cometeron todos estes infelices? Algúns golpean con pedras o peito; outros desgarran o seu corpo con unllas de ferro; todos teñen nos seus ollos o remordemento, a dor e a morte. Quen os condenou a semellantes tormentos?... O Deus ao que ofenderon... Pero ¿quen é este Deus? Un Deus cheo de bondade... Acaso un Deus cheo de bondade podería encontrar pracer en bañar as súas bágoas? Non serían quizais os seus terrores os que deberían ofender a clemencia de Deus? Que outra cousa farían os asasinos para aplacar os furores dun tirano?

Nos Pensamentos filosóficos Diderot móstrase deísta convencido.

O 7 de xullo de 1746 o parlamento de París condenou o libro na fogueira porque era escandaloso e contrario á relixión.

Segunda etapa[editar | editar a fonte]

A segunda etapa da súa obra esténdese entre os anos 1753 e 1761. Neste período, o autor céntrase no proxecto da Encyclopédie onde a partir de 1759 colaborou con D'Alembert na súa edición. É a primeira en incluír contribucións de diversas persoas, Voltaire, Rousseau ou Montesquieu. Tamén foi a primeira en incluír aspectos das artes mecánicas. En total comprendía 28 volumes con 71.818 artigos e 3.129 ilustracións. Para Diderot, o obxectivo da enciclopedia era "cambiar a forma de pensar da xente". O autor tamén se concentrou na produción teatral, pola que adquiriu renome. O teatro de Diderot apártase das modalidades tradicionais e configura un novo xénero coñecido como drama burgués e definido polos seguintes trazos:

  1. Loanza á burguesía e crítica ao clero.
  2. Situación no seno familiar dos problemas políticos.
  3. O protagonista é un burgués ilustrado, ateo, científico, moralista, moi traballador e aforrador.
  4. Destaca a explosión sentimental das personaxes, caracterizadas pola alternancia entre as súas actitudes razoables e o pranto mediante o cal representan a súa sensibilidade.

Nesta etapa, Diderot tamén compuxo obras doutros xéneros. Na novela A relixiosa denuncia a hipocrisía da Igrexa e os intereses económicos ocultos tralas vocacións relixiosas. O sobriño de Rameau é unha obra que marca a evolución do autor cara o pesimismo. Trátase dun diálogo entre un filósofo (progresista, positivo e moral) e un parasito (bufón e medio louco) sobre o sentido da existencia. A discusión termina en empate, sen que Diderot deixe claro o sentido da existencia humana e dos esforzos reformadores ilustrados.

Terceira etapa[editar | editar a fonte]

A terceira etapa da súa obra iníciase co recoñecemento internacional de Diderot en 1761. A obra máis destacada desta etapa é Jacques o fatalista, unha novela moi innovadora e libre na que o seu protagonista se sente perdido no labirinto do Estado. Con ela, Diderot abre a porta ao romanticismo e anticipa un dos temas máis relevantes da novela existencial do século XX.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Denis Diderot Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]