Teodosio I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Teodosio I

Teodosio I (Flavius Theodosius) (346-17 de xaneiro de 395) foi emperador romano e emperador bizantino de 379 a 395. Era fillo de Teodosio o Vello.

Biografía[editar | editar a fonte]

De orixe hispana, dunha familia cristiá. O Bispo Hidacio e mailo historiador bizantino Zósimo concretan a súa orixe na Gallaecia, concretamente no lugar de Cauca.

Foi proclamado emperador en 379 por Graciano e recibiu o Oriente, a Macedonia e a Dacia. En 380, con Graciano, detiveron aos godos en Epiro e en Dalmacia. Teodosio instalou unha parte dos ostrogodos en Panonia, e el mesmo instalouse en Constantinopla.

O mesmo ano, adheriuse ao concilio de Nicea, converteuse no ardente defensor dos cristiáns e en Tesalónica, publicou o edicto seguinte: «Todos os pobos deben unirse á fe transmitida aos romanos polo apóstolo Pedro, a que recoñecen Dámaso e Pedro de Alexandría, é dicir, a Santa Trindade do Pai, do Fillo e do Espírito Santo». O catolicismo volvíase relixión do Estado.


Condenou o arianismo tras o segundo concilio ecuménico de Constantinopla en 381.

En 382, instalou aos visigodos en Mesia.

Entre 383 e 388, tivo que facer fronte á usurpación de Máximo (Magnus Clemens Maximus), que, tras ter derrotado a Graciano, se apoderara de toda a prefectura das Galias e ocupaba Roma e toda Italia en detrimento de Valentiniano II. Teodosio venceu a Máximo, que foi morto en Aquileia, en 388.

De 388 a 391, Teodosio estivo en Occidente, case sempre en Milán. En 390, publicou unha lei que castigaba coa morte aos homosexuais e reprimiu ferozmente unha revolta en Tesalónica. A represión causou de sete a dez mil mortos, segundo as fontes, cousa que lle valeu a Teodosio a excomuñón polo bispo Ambrosio de Milán. Cómpre indicar que os masacrados foron aquí maioritariamente romanos e os asasinos antigos bárbaros, poboacións nas que o exército era recrutado – cousa que pode explicar a amplitude do masacre.

Durante varios meses, Teodosio e Ambrosio camparon nas súas respectivas posicións. Despois Teodosio, notando que a súa se volvía insostíbel, aceptou vir se humillar ante Ambrosio para obter a súa reintegración á Igrexa. Esta é unha das raras vitorias desta sobre o poder temporal.

En 391, probabelmente baixo a influencia de santo Ambrosio, suprimiu as últimas manifestacións do paganismo «oficial» no Imperio (con todo, o culto sobreviviu na clandestinidade), fundando así o primeiro estado cristián ortodoxo. Isto valeulle o título de Grande.

Entre 392 e 394, reprimiu a usurpación de Uxío, un funcionario pagán que foi proclamado emperador tras o suicidio de Valentiniano II.

En 394, foi o autor do decreto que prohibía os Xogos Olímpicos acusados de difundir o paganismo.

Morreu pouco despois, o 17 de xaneiro de 395. Nesta data o Imperio está reunificado por primeira vez desde había trinta anos pero tamén por última vez na súa historia.

Do seu primeiro matrimonio con Aelia Flacilla, Teodosio tivera dous fillos: Augusto Arcadio en 383, e Honorio en 393. Dividiu entre eles o Imperio: Honorio (10 anos) recibiu o Occidente e Arcadio (18 anos) o Oriente, e encargou ao vándalo Estilicón de velar polos dous.

Teodosio cometeu o erro de enrolar no exército romano continxentes de bárbaros permitíndolles unha organización autónoma; estes federados prepararon a ocupación do Imperio polos bárbaros.

Teodosio e o cristianismo[editar | editar a fonte]

Os emperadores Teodosio, polo Imperio de Oriente e Graciano, polo Imperio de Occidente, os dous católicos, elevan o cristianismo ao rango de relixión única oficial e obrigatoria polo Edicto de Tesalónica o 28 de febreiro de 380. O emperador Graciano cesa daquela de levar o título de «sumo pontífice» dos cultos pagáns. Este título será dado de novo ao bispo de Roma algúns séculos despois. Os templos pagáns son pechados e a estatua da deusa Vitoria é retirada da sala onde se reunía o Senado romano. En 393, Teodosio esmagou a usurpación do pagán Uxío que favorecía a antiga relixión romana e anulara as medidas tomadas por Teodosio. Esta data é considerada por algúns como o fin do mundo antigo.


Imperio Bizantino

Segue a:
Valentiniano II
Teodosio I
Precede a:
Arcadio
Dinastía Valentiniana-Teodosiana
Imperio Romano

Segue a:
Valentiniano II
Teodosio I
Precede a:
Honorio
Valentiniana-Teodosiana