Caso Kitzmiller

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O caso Kitzmiller (Kitzmiller v. Dover Area School District), en xaneiro de 2005, no distrito escolar de Dover (Pennsylvania), foi a primeira contestación levada perante un tribunal federal dos Estados Unidos contra un distrito escolar público que exixía que se presentase aos alumnos, e que se lera en voz alta, un texto no que se postulaba a existencia de ideoloxías alternativas á teoría da evolución, en particular o deseño intelixente.

Os estudantes de bacharelato tiveron que escoitar a súa lectura nas aulas e, dado o carácter polémico da decisión, permitiuse que os pais solicitaran a ausencia dos seus fillos durante a lectura do texto. Debido ao seu carácter non científico, algúns profesores de bioloxía negáronse a ler o texto argumentando a súa falta de base científica e/ou a súa estreita relación co creacionismo.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Este feito produciu que posteriormente, nunha demanda presentada por un grupo de once pais de alumnos en Dover, fose denunciado o Consello Escolar do distrito, argumentando (con éxito) que o deseño intelixente era unha forma de creacionismo, e que a política do consello escolar, consecuentemente, violaba a Cláusula de Establecemento da Primeira Emenda da Constitución dos Estados Unidos. Os querelantes foron representados pola American Civil Liberties Union (Unión Americana polas Liberdades Civís, ACLU nas súas siglas en inglés), a Americans United for Separation of Church and State (Americanos Unidos pola Separación da Igrexa e o Estado, AU, siglas en inglés), e pola Pepper Hamilton LLP. O National Center for Science Education (Centro Nacional pola Educación Científica, NCSE, siglas en inglés) participou como consultor dos querelantes. Os reos foron representados polo Thomas More Law Center (Centro de Dereito Tomé Moro) [1]. O proceso foi xulgado, nun caso sen xurado, do 26 de setembro de 2005 ao 4 de novembro de 2005, perante o xuíz John E. Jones III. Ken Miller, Kevin Padia, Brian Alters, Robert Pennock, Barbara Forrest e John Haught actuaron como testemuñas especialistas para a acusación, e Michael Behe, Steve Fuller e Scott Minnich fórono da defensa.

O 20 de decembro de 2005 o xuíz Jones emitiu a súa decisión, nun documento de 139 páxinas, declarando como "inconstitucional a ensinanza do deseño intelixente nas escolas por ser un "argumento relixioso" e que "é unha redenominación do creacionismo, non una teoría científica" [2], e tamén prohibindo que o deseño intelixente fora ensinado nas clases de ciencias das escolas públicas do distrito de Pennsylvania.

Os oito membros do consello escolar de Dover que votaran a favor da esixencia do deseño intelixente foron todos derrotados na elección do 8 de novembro de 2005 por concorrentes que estaban en contra do ensino do deseño intelixente nas clases de ciencias, e o seguinte presidente do consello escolar afirmou, daquela, que o consello non tiña ningunha intención de apelar a decisión [3].

Na súa constatación dos feitos, o xuíz Jones realizou as seguintes condenas da estratexia coñecida como Ensinar a controversia:

"Mentres os defensores do DI buscan evitar o escrutinio científico que acabamos de determinar que [o deseño intelixente] non consegue soportar ao avogar que a controversia, pero non o DI en si, debería ser ensinada nas clases de ciencias. Esa táctica é, na mellor das hipóteses, maliciosa, na peor, un argumento falso."

Reaccións[editar | editar a fonte]

O propio xuíz Jones anticipou que o seu veredicto sería criticado, dicindo o seguinte na súa decisión:

Aqueles que discordan do noso achado irán probabelmente a sinalalo como o produto de un xuíz activista. E se o fixeran, terán cometido un erro, xa que esta non é manifestamente un Tribunal activista. Pola contra, este caso veu até nós como o resultado do activismo dunha facción mal informada dun consello escolar, axudada por unha asociación internacional de dereito público ávida de encontrar un caso de proba constitucional sobre o DI que, combinados, impulsaron ao Consello a adoptar unha política imprudente e, a fin de contas, inconstitucional. A inanidade impresionante da decisión do Consello é evidente cando se considera contra o pano de fondo factual que foi agora totalmente revelado neste xuízo. Os estudantes, pais e profesores do Distrito Escolar da Área de Dover merecen algo máis que seren arrastrados nesta confusión legal, coa súa resultante de desperdicio completo de recursos persoais e monetarios.

Como Jones previu, John G. West, Director asociado do Centro para a ciencia e a cultura no Discovery Institute, afirmou:

A decisión sobre o caso Dover é unha tentativa de un xuíz activista de deter a difusión dunha idea científica e de até prevenir o criticismo acerca da evolución darwiniana a través dunha censura imposta polo goberno no canto dun debate aberto, e iso non vai funcionar. Confundiu a posición do Discovery Institute coa do Consello Escolar de Dover, e interpretou erroneamente o deseño intelixente e os motivos dos científicos que o investigan. [4]

Varios xornais fixeron notar con certo interese que o xuíz é "un republicano e un asiduo participante na súa igrexa" [5] [6] [7] [8].

A decisión foi examinada en busca de erros na súa conclusión, en parte por defensores do deseño intelixente buscando evitar futuras derrotas na xustiza. Na primavera do 2007 a University of Montana Law review publicou tres artigos [9]. No primeiro, David K. DeWolf, John G. West e Casey Luskin, todos membros do Discovery Institute, argumentaron que o deseño intelixente é unha teoría científica válida, que o xuíz Jones non debería abordar a cuestión de se o DI era ou non unha teoría científica, e que a decisión en Kitzmiller non terá ningún efecto no desenvolvemento e na adopción do deseño intelixente como unha alternativa ao padrón, a teoría da evolución [10]. No segundo, Peter Irons respondeu, argumentando que a decisión foi extremadamente ben razoada e que representaba a sentenza de morte dos esforzos do deseño intelixente de introducir o creacionismo nas escolas públicas [11], e no terceiro, DeWolf et al. responderon os argumentos feitos por Irons [12]. O medo a un proceso similar fixo que outros consellos escolares abandonaran propostas de "ensinar a controversia" do deseño intelixente [13].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tammy Kitzmiller, et al. v. Dover Area School District, et al.
  2. BBC Mundo | Ciencia | EE.UU.: Non ao Deseño Intelixente
  3. "Judge Rules Against 'Intelligent Design'". The Washington Post. 21 de decembro de 2005. http://pewforum.org/news/display.php?NewsID=5945. Consultado o 2007-09-03.
  4. "Dover Intelligent Design Decision Criticized as a Futile Attempt to Censor Science Education". Evolution News & Views (Discovery Institute). 20 de decembro de 2005. http://www.evolutionnews.org/2005/12/dover_intelligent_design_decis.html. Consultado o 2007-09-03.
  5. Judge rules against 'intelligent design'. decembro 20, 2005. http://www.msnbc.msn.com/id/10545387/. Consultado o 2008-10-17.
  6. Provonsha, Matthew (21 de setembro de 2006). Godless: The Church of Liberalism. http://www.skeptic.com/eskeptic/06-09-21.html. Consultado o 2007-09-03.
  7. Discovery Institute tries to "swift-boat" Judge Jones. National Center for Science Education. e de xaneiro de 2006. http://www.ncseweb.org/resources/articles/127_discovery_institute_tries_to__1_4_2006.asp.
  8. "Intelligent design policy struck down". Dallas Morning News. 20 de decembro de 2005. http://www.dallasnews.com/sharedcontent/dws/dn/latestnews/stories/122105dnnatidesign.780fc9a.html. Consultado o 2007-09-03.
  9. "Articles: Editor's Note: Intelligent Design Articles" (PDF). University of Montana Law Review 68 (1). 10 de abril de 2007. http://www.umt.edu/mlr/Editors%27%20Note.pdf. Consultado o 2008-10-16.
  10. DeWolf, David K; West, Johng G; Luskin, Casey (4 de maio de 2007). "Intelligent Design Will Survive Kitzmiller v. Dover" (PDF). University of Montana Law Review 68 (1). http://www.umt.edu/mlr/Discovery%20Institute%20Article.pdf.
  11. Irons, Peter (27 de abril de 2007). "Disaster In Dover: The Trials (And Tribulations) Of Intelligent Design" (PDF). University of Montana Law Review 68 (1). http://www.umt.edu/mlr/Irons%20Response.pdf. Consultado o 2008-10-16.
  12. DeWolf, David K; West, John G; Luskin, Casey (27 de abril de 2007). "Rebuttal to Irons" (PDF). University of Montana Law Review 68 (1). http://www.umt.edu/mlr/DI%20Rebuttal.pdf. Consultado o 2008-10-16.
  13. FORREST, B. (maio 2007). "Understanding the Intelligent Design Creationist Movement: Its True Nature and Goals. A Position Paper from the Center for Inquiry, Office of Public Policy" (Pdf). Center for Inquiry, Inc.. http://www.centerforinquiry.net/uploads/attachments/intelligent-design.pdf. Consultado o 13/02/2011. (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]