Nominalismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
William de Ockham (1285-1349), filósofo nominalista

En metafísica, o nominalismo é unha corrente intelectual que afirma que os universais e os obxectos abstractos non existen máis que coma simples nomes ou etiquetas.[1][2] Hai, cando menos, dúas variantes principais. A primeira delas nega a existencia dos universais (entidades que poden ser instanciadas ou exemplificadas por multitude de cousas particulares, como por exemplo "forza" ou "humanidade"). A segunda delas rexeita especificamente a existencia de obxectos abstractos; é dicir, obxectos que non existen nin no espazo nin no tempo.[3]

A meirande parte dos nominalistas sostiveron que só as entidades particulares físicas (é dicir, espazotemporais) son reais, namentres os universais só existen post res, con posterioridade ás cousas particulares.[4] Porén, algunhas versións do nominalismo defenden que algúns particulares son entidades abstractas (por exemplo, os números), mentres outros son entidades concretas espazotemporais (v.g., as serpes, ou os plátanos).

O nominalismo é, principalmente, unha posición respecto do problema dos universais. Oponse ás teorías realistas, como o platonismo, que afirman que os universais teñen unha existencia que transcende á dos particulares, así como ao hilomorfismo aristotélico, segundo o cal os universais son reais de xeito inmanente.

O filósofo inglés John Stuart Mill (1806-1873) resumiu a posición nominalista co seguinte aforismo:[5]

Non hai nada xeral agás os nomes.
Mill, J. S. (1865/1877): An Examination of Sir William Hamilton's Philosophy

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo "nominalismo" xurdiu durante a Idade Media.[4] Procede do latín nominalis, que significa "pertencente ou relativo aos nomes".[6]

Historia[editar | editar a fonte]

Na filosofía antiga[editar | editar a fonte]

Platón (c. -428-c. -423) é o primeiro filósofo occidental en desenvolver unha postura claramente realista (é dicir, contraria ao nominalismo). Segundo a teoría platónica, os universais correspondentes aos nomes "cama" ou "beleza" son as ideas de cama e beleza, respectivamente; é dicir, son "a cama en si mesma" ou "a beleza en si mesma". As ideas platónicas foron os primeiros universais postulados na historia da filosofía.[7] Así, na súa República, afirmou:[8]

Temos o costume de subsumir baixo unha idea xeral cada multitude de seres, comprendidos todos baixo un mesmo nome (...) Por exemplo, hai multitude de camas e mesas (...) Mais estas dúas especies de moble están comprendidas baixo a idea de cama e a idea de mesa.
Platon: República, 596a-b.

O termo galego "universal" procede da tradución do termo técnico katholou, que foi cuñado por Aristóteles (c. -384-c. -322) co propósito específico de debater sobre o problema dos universais.[9][10] Katholou é unha contracción da frase kata holou, que significa "no seu conxunto".[11][12] O Estaxirita rexeitou certos aspectos da teoría platónica, mais tamén negou o nominalismo:[13]

"Home" e, de feito, calquera predicado xeral, refire non a un individuo, mais a algunha calidade ou cantidade ou relación, ou algunha cousa do estilo.
Aristóteles: Refutacións sofísticas, 178b37.
Busto de Crisipo de Soli (c. -279-c. -206), filósofo estoico de ideas nominalistas.
Busto de Crisipo de Soli (c. -279-c. -206), filósofo estoico de ideas nominalistas.

Os primeiros filósofos en aportar argumentos en favor do nominalismo foron os estoicos, que rexeitaban por completo a existencia destes universais.[14] Entre eles, destaca Crisipo de Soli (c. -279-c. -206), quen negaba as ideas platónicas e calquera outra entidade semellante.[14][15]

Na filosofía medieval[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Media, o filósofo e teólogo francés Roscelin de Compiègne (c. 1050-c. 1125) foi un dos primeiros defensores do nominalismo. Tamén poden atoparse ideas nominalistas na obra de Pierre Abèlard (1079-1142) e, sobre todo, na de William de Ockham (c. 1287-1347), quen desenvolveu a versión máis elaborada e influente do nominalismo. Tanto as teorías de Abèlard coma as de Ockham son chamadas, ás veces, conceptualismo, unha corrente a medio camiño entre o nominalismo puro e o realismo. Segundo o paradigma conceptualista, existe algo en común entre os individuos dunha mesma clase, pero non se trata dunha entidade real, senón de conceptos mentais. En concreto, Ockham argumentou que só existen os individuos, namentres os universais son maneiras de referirse a conxuntos destes individuos. Así, afirmou:[16]

Tal universal non é outra cousa máis que unha intención da alma, de tal maneira que tal universal non é ningunha substancia exterior á alma nin ningún accidente exterior á alma.
William de Ockham: Suma da lóxica, libro I, capítulo XIV
Miniatura medieval que representa a Pierre Abèlard (1079-1142) e a súa namorada, a filósofa Héloïse d'Argenteuil (c. 1100-1163).
Miniatura medieval que representa a Pierre Abèlard (1079-1142) e a súa namorada, a filósofa Héloïse d'Argenteuil (c. 1100-1163).

En xeral, Ockham negouse a asumir calquera entidade que non fose necesaria para a comprensión dos feitos. Deste xeito, segundo el, non hai razón para crer que exista unha entidade chamada "humanidade" que reside dentro de todo ser humano, dado que nada se aclara facendo esta aseveración. Este método analítico adoita recibir o nome de navalla de Ockham, e afirma que a explicación dun fenómeno debería facer o menor número de suposicións posible.[17]

Algúns críticos argumentan que o conceptualismo enfronta o problema dos universais dende un punto de vista meramente psicolóxico. Se o mesmo concepto se aplica a dous individuos de modo correcto e non arbitrario, entón debe haber algún tipo de parecido ou propiedade compartida entre eles que xustifica subsumilos baixo o devandito concepto. Deste xeito, vólvese ao comezo do problema, que era de orde metafísica. Se afirmamos unha semellanza entre individuos, o conceptualismo convértese nunha forma de realismo moderado; se a negamos, retornamos ao nominalismo puro.[17]

Retrato de Thomas Hobbes
Retrato de Thomas Hobbes (1588-1679)

Na filosofía moderna[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Moderna, o nominalismo foi reconsiderado nas obras de filósofos coma Thomas Hobbes (1588-1679) ou Pierre Gassendi (1592-1655).[18][19] Segundo o inglés, o que as entidades particulares teñen en común son só os nomes, non existen entidades universais. Así, a palabra "can" refire a todos os cans, mais non hai ningún universal de can do que participen todos os cans particulares. A única relación que se establece entre os individuos é a semellanza percibida na mente dos falantes.[18] Pola súa banda, o nominalismo de Gassendi é máis limitado, en tanto só reflicte unha limitación da capacidade lingüística ou epistemolóxica humana. Xa que logo, aínda que existan universais, non os poderiamos coñecer, pois todo o saber procede en última instancia dos nosos sentidos.[19] Porén, estas posturas foron tamén criticadas; por exemplo, o alemán G. W. Leibniz (1646-1716) puxo en cuestión o radicalismo da proposta hobbesiana:[20]

Hobbes paréceme en exceso nominalista. Pois, non satisfeito, coma os nominalistas, con reducir os universais a nomes, afirma así mesmo que a verdade das cousas consiste no seu nome e, ademais, que esta verdade depende da vontade humana (...) Non o podo tolerar. Na aritmética, e tamén noutras disciplinas, a verdade permanece inalterable malia cambiar as notacións, e non depende do uso dun sistema numérico decimal ou duodecimal.
Leibniz, G. W. (1670): Prefacio a unha edición de Nizolio

Na filosofía contemporánea[editar | editar a fonte]

Canto á Idade Contemporánea, o nominalismo viviu un rexurdimento no contexto da filosofía analítica. Así, foi defendido por autores coma Rudolf Carnap, Nelson Goodman, H. H. Price ou D. C. Williams.[21][22][23] Por outra banda, algúns historiadores actuais están a analizar o impacto das ideas nominalistas na consolidación da modernidade, ao establecer unha distinción entre os eidos do obxectivo e do material.[24][25]

Na filosofía da India[editar | editar a fonte]

Estatua do filósofo budista Dignāga (c. 480-c. 540)
Estatua do filósofo budista Dignāga (c. 480-c. 540)

Na India, desenvolvéronse numerosas correntes filosóficas, tanto realistas coma nominalistas. Varias escolas ortodoxas defenderon unha postura realista, segundo a cal os referentes das palabras son tanto o obxecto individual percibido polo suxeito como a clase universal á que pertence o devandito obxecto. Entre elas, destacan a Mīmāṁsā, a Nyāya, e a Vaisheshika. De acordo co realismo hindú, tanto os individuais coma os universais existen de maneira obxectiva, de tal xeito que os segundos subxacen aos primeiros.

Pola outra banda, os budistas asumiron a postura nominalista, en especial os das escolas Sautrāntika e Yogācāra.[26][27] Segundo estas correntes, os referentes das palabras non son obxectos reais, mais os conceptos do intelecto. Estes conceptos non son reais xa que carecen de existencia eficiente; é dicir, non teñen efectos causais no mundo. As palabras, en tanto que convencións lingüísticas, son útiles para pensar e debater, pero non permiten aprehender a realidade tal e como é. O filósofo budista Dignāga (c. 480-c. 540) formulou unha teoría semántica nominalista, chamada apohavada ou "teoría das exclusións". A súa concepción busca explicar como é posible que as palabras refiran a clases de obxectos se tales clases non teñen unha existencia real. A tese de Dignāga é que as clases non refiren a calidades positivas compartidas polos seus membros. Pola contra, as clases universais son exclusións (apoha). Xa que logo, a clase "vaca", por exemplo, está composta de todas as exclusións comúns ás vacas individuais: ningunha vaca é un cabalo, ou un elefante etc.[28][29]

Retrato de Xunzi (c. -310-c. -235)
Retrato de Xunzi (c. -310-c. -235)

Na filosofía da China[editar | editar a fonte]

O pensador confuciano Xunzi (c. -310-c. -235) defendeu unha postura nominalista sobre a linguaxe e sobre os rituais ou li 禮; porén, algúns dos seus textos afirman tamén ideas realistas.[30] Por outra banda, Hui Shi (c. -370-c. -310), un dos membros da Escola dos Nomes, empregou numerosos paradoxos para amosar os límites expresivos da linguaxe humana, así como os problemas asociados de asumir a existencia de universais como referencia dos nomes.[31] Algúns filósofos budistas chineses, como Kuiji 窺基 ou Shentai 神泰, recuperaron e expandiron a teoría do apoha de Dignāga.[32]

Segundo o estudoso Chad Hansen, todas as teorías da linguaxe desenvolvidas na China dinástica deben ser interpretadas dende un punto de vista nominalista, debido á propia natureza da lingua chinesa clásica.[33] Porén, esta hipótese é moi controvertida, e foi criticada por diversos autores, entre os que destaca Chris Fraser.[34][35]

O problema dos universais[editar | editar a fonte]

Realismo[editar | editar a fonte]

O nominalismo xurdiu como resposta ao problema dos universais; é dicir, como explicación ao feito de que algunhas cousas son do mesmo tipo ca outras, ou comparten unha certa propiedade. Por exemplo, Rosalía e Pondal son dúas persoas, a herba e unha camisa son ámbalas dúas verdes etc. O problema consiste en determinar en virtude de que Rosalía e Pondal son persoas, ou que fai que a herba e unha camisa sexan da mesma cor.

A teoría platonista suxire que todas as cousas verdes son verdes en virtude da existencia dun universal: unha entidade singular abstracta da que, neste caso, participan todas as cousas verdes. É dicir, que a herba e a camisa comparten un dos seus constituíntes, "o Verde". Neste sentido, "o Verde" repítese porque se manifesta ou forma parte de calquera cousa verde.

Nominalismo[editar | editar a fonte]

O nominalismo nega a existencia destes universais, xa que non está claro onde se atopan estes. Segundo Platón, hai un reino de ideas abstractas separado do mundo físico. Porén, onde está este reino dos universais? Unha opción é que se sitúe para alén do espazo e do tempo, pero esta suposición vai contra as intuicións materialistas, segundo as cales non hai ren máis alá do espazotemporal. Xa que logo, debemos rexeitar a hipótese dos universais, posto que duplica innecesariamente os entes. Os termos para propiedades non son máis que convencións lingüísticas útiles, mais non refiren a ningunha entidade real.[36]

Outras posicións[editar | editar a fonte]

Os conceptualistas defenden unha posición intermedia entre nominalismo e realismo: os universais existen só na mente humana, e non se corresponden con ningunha realidade substancial ou externa. Pola súa banda, o realismo moderado sostén que non existe ningunha realidade alternativa na que habiten os universais, senón que estes están localizados no espazo e no tempo cada vez que se manifestan nun particular.

Para rematar, algúns filósofos, coma W. V. O. Quine (1908-2000), prefiren ontoloxías máis simples, nas que haxa o menos número de tipos de entidades posibles.[37] Deste xeito, a súa ontoloxía debe permitirlles falar de todo o que hai sen necesidade de apelar a universais como "humanidade" ou "o Verde".[37]

Tipos de nominalismo[editar | editar a fonte]

En metafísica[editar | editar a fonte]

Existen diversas formas de nominalismo, que van desde as formulacións máis extremas até posicións case realistas. Unha das variantes máis radicais é o chamado nominalismo de predicados, segundo o cal Rosalía e Pondal son persoas porque podemos aplicarlles o predicado "é unha persoa" a ambos. A principal crítica ao nominalismo de predicados é que non soluciona de xeito adecuado o problema dos universais. En concreto, non explica de maneira satisfactoria por que podemos aplicar o mesmo predicado a un grupo específico de cousas.[38]

Por outra banda, o nominalismo da semellanza sostén que "persoa" se pode aplicar tanto a Rosalía como a Pondal porque ambos se parecen dabondo a un modelo de persoa, o que permite clasificalos como membros dese conxunto, ou porque difiren menos das persoas que de outra clase de entidades.[38] Algúns pensadores desta corrente aceptan que a relación de semellanza ou parecido é, en si mesma, un universal, pero que se trata do único universal necesario. Outros cren que é un particular, e que a relación de semellanza se establece á súa vez por semellanza a outras relacións de semellanza. Isto produce unha regresión ao infinito, mais para estes filósofos non sería unha regresión viciosa.[39]

Segundo o nominalismo de clases, a relación de pertenza a un conxunto constitúe a base metafísica das propiedades: dúas entidades particulares comparten propiedades porque ambas son membros do conxunto correspondente ás entidades que posúen esa propiedade. Por exemplo, dúas bólas vermellas pertencen á clase das bólas e á clase das cousas vermellas. Algúns filósofos, como Anthony Quinton, pensan que existen algunhas clases "naturais".[40]

O conceptualismo é unha teoría filosófica que explica os universais en termos de marcos conceptuais localizados na mente que os pensa.[41] A perspectiva conceptualista nega a presenza dos universais nos particulares, pois non serían máis có resultado dunha percepción mental.[42]

Existe tamén o chamado nominalismo de tropos. Un tropo é unha instancia en particular dunha propiedade, como por exemplo o verde dunha camisa concreta. Pódese defender que hai unha semellanza obxectiva entre estes tropos; porén, outra vía de argumentación consiste en que os tropos fan referencia a outros tropos máis básicos, que se corresponden ás entidades descritas pola física. Neste sentido, a relación entre os tropos pode describirse en termos causais: dous tropos parécense entre si se, ao substituír un polo outro, non habería ningún cambio nos sucesos dos que os respectivos particulares forman parte.

Para rematar, podemos considerar tamén o construtivismo social que, segundo Ian Hacking, se fundamenta nunha metafísica nominalista subxacente, así como o nominalismo libidinal, que mestura desexo e vontade, e que estaría na base da sociedade occidental contemporánea.[43][44]

Na filosofía das matemáticas[editar | editar a fonte]

Canto aos fundamentos das matemáticas, o nominalismo esixe o desenvolvemento desta ciencia sen presupoñer a existencia de entidades coma os conxuntos. Na práctica, isto supón que o rango das variables cuantificacionais pode estenderse sobre números, puntos e outras entidades primitivas, mais non sobre os conxuntos que teñen estas entidades como membros. A día de hoxe, só unha pequena fracción do corpus da matemática actual pode construírse ao xeito nominalista.

Críticas[editar | editar a fonte]

Orixe histórica do termo[editar | editar a fonte]

Como categoría do pensamento tardomedieval, o concepto de nominalismo está cada vez máis cuestionado. Tradicionalmente, o século XIV foi considerado o cumio do nominalismo, debido a pioneiros coma Jean Buridan e William de Ockham. Secasí, en tanto movemento oposto ao realismo, o nominalismo emerxeu só a finais do século XIV, para despois espallarse gradualmente ao longo do século XV.[45] Ao remate deste último século, comezou a asentarse unha distinción entre a via antiqua do realismo e a via moderna do nominalismo, unha disputa que se estendeu durante o século XVI.[45] Xa que logo, non está claro que existise unha auténtica escola nominalista durante o século XIV.[45] A pesar das semellanzas entre Ockham, Buridan ou Marsilio de Padua, existen tamén notables diferenzas entre as súas posicións.[45]

Nominalismo nas matemáticas[editar | editar a fonte]

Autores como John Burgess e Gideon Rosen criticaron a visión nominalista das matemáticas. Segundo eles, existen dous tipos de nominalismo respecto das ciencias: o nominalismo hermenéutico, que simplemente reinterpreta as teorías científicas como se as entidades matemáticas non existisen; e o nominalismo revolucionario, que pretende substituír as teorías científicas vixentes, supostamente realistas, con novas versións de carácter nominalista. Este último tipo de nominalismo estaría, pois, en contradición coa ciencia.[46][47]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "NOMINALISM - Definition of NOMINALISM by Oxford Dictionary on Lexico.com also meaning of NOMINALISM". web.archive.org. 2021-08-26. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2021. Consultado o 2024-03-14. 
  2. "Nominalism - Medieval Philosophy, Ontology & Metaphysics - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-03-14. 
  3. Rodriguez-Pereyra, Gonzalo (2019). Zalta, Edward N., ed. Nominalism in Metaphysics (Summer 2019 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  4. 4,0 4,1 Feibleman, Nelson (1962). "Nominalism". En Runes, Dagobert D. Dictionary of Philosophy. Littlefield, Adams & Co. 
  5. Mill, John Stuart (1877). An Examination of Sir William Hamilton's Philosophy: And of the Principal Philosophical Questions Discussed in His Writings (en inglés). H. Holt. 
  6. "nominalism - Etymology of nominalism by etymonline". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 2024-03-14. 
  7. Penner, Terry (2012-12-06). The Ascent from Nominalism: Some Existence Arguments in Plato’s Middle Dialogues (en inglés). Springer Science & Business Media. ISBN 978-94-009-3791-8. 
  8. Platón (2014-01-23). La República o El Estado (en castelán). Grupo Planeta Spain. ISBN 978-84-670-4036-4. 
  9. Peters, Francis E. (1967). Greek Philosophical Terms: A Historical Lexicon (en inglés). NYU Press. ISBN 978-0-8147-6552-4. 
  10. Cohen, S. Marc; Reeve, C. D. C. (2000-10-08). "Aristotle’s Metaphysics" (en inglés). 
  11. "Strong's Greek: 2527. καθόλου (katholou) -- in general". biblehub.com. Consultado o 2024-03-15. 
  12. Liddell, Henry George (1894). A Greek-English Lexicon (en ut). Harper. 
  13. Aristóteles (2016-08-05). Tratados de lógica (Órganon) I (en castelán). RBA Libros. ISBN 978-84-249-3074-5. 
  14. 14,0 14,1 Sellars, John (2014-12-05). Stoicism (en inglés). Routledge. ISBN 978-1-317-49391-4. 
  15. "Chrysippus- Internet Encyclopedia of Philosophy" (en inglés). Consultado o 2024-03-15. 
  16. Ockham, William de (1999). Suma da Lóxica. Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-2571-1. 
  17. 17,0 17,1 Miralbell, Ignacio. Guillermo de Ockham y su crítica lógico-pragmática al pensamiento realista (PDF) (en castelán). Cuadernos de Anuario Filosófico. 
  18. 18,0 18,1 Duncan, Stewart (2022). Zalta, Edward N., ed. Thomas Hobbes (Summer 2022 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  19. 19,0 19,1 Fisher, Saul (2014). Zalta, Edward N., ed. Pierre Gassendi (Spring 2014 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  20. Leibniz, G. W. (1975-12-31). Philosophical Papers and Letters: A Selection (en inglés). Springer Science & Business Media. ISBN 978-90-277-0693-5. 
  21. MacBride, Fraser (2004-02-07). "Review of Resemblance Nominalism: A Solution to the Problem of Universals" (en inglés). ISSN 1538-1617. 
  22. "Nelson Goodman > The Calculus of Individuals in its different versions (Stanford Encyclopedia of Philosophy)". plato.stanford.edu (en inglés). Consultado o 2024-03-15. 
  23. Campbell, Keith; Franklin, James; Ehring, Douglas (2023). Zalta, Edward N.; Nodelman, Uri, eds. Donald Cary Williams (Spring 2023 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  24. Gillespie, Michael Allen (2010-10-21). The Theological Origins of Modernity (en inglés). ReadHowYouWant.com. ISBN 978-1-4596-0612-8. 
  25. Bruno, Victor (2020). A imagem estilhaçada: breve ensaio sobre realismo, nominalismo e filosofia (en portugués). Editora VIV. ISBN 978-65-88972-02-1. 
  26. Thakchoe, Sonam (2022). Zalta, Edward N., ed. The Theory of Two Truths in India (Summer 2022 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  27. Chatterjee, Ashok Kumar (1987). The Yogācāra Idealism (en inglés). Motilal Banarsidass Publ. ISBN 978-81-208-0315-2. 
  28. Hayes, Richard P. (1988). Hayes, Richard P., ed. Diṅnāga’s nominalism (en inglés). Dordrecht: Springer Netherlands. pp. 173–219. ISBN 978-94-009-2899-2. doi:10.1007/978-94-009-2899-2_5. 
  29. Siderits, Mark; Tillemans, Tom J. F.; Chakrabarti, Arindam (2011). Apoha: Buddhist Nominalism and Human Cognition (en inglés). Columbia University Press. ISBN 978-0-231-15360-7. 
  30. Lee, Janghee (2005-01-01). Xunzi And Early Chinese Naturalism (en inglés). SUNY Press. ISBN 978-0-7914-6197-6. 
  31. Rošker, Jana (2021). Zalta, Edward N., ed. Epistemology in Chinese Philosophy (Spring 2021 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  32. Ho, Chien-hsing (2022-06-01). "The Notion of Apoha in Chinese Buddhism". Dao (en inglés) 21 (2): 283–298. ISSN 1569-7274. doi:10.1007/s11712-022-09829-9. 
  33. Hansen, Chad (1983). Language and Logic in Ancient China (en inglés). University of Michigan Press. ISBN 978-1-938421-55-6. 
  34. Fraser, Chris (2007). "Language and Ontology in Early Chinese Thought". Philosophy East and West 57 (4): 420–456. ISSN 0031-8221. 
  35. Chong, Chaehyun (1997). "Abstraction and Theories of Lei : A Response to Chad Hansen's Mereological Interpretation of Ancient Chinese Philosophy". University of Hawai'i. 
  36. Miller, J. T. M. (2020-07). "The ontology of words: Realism, nominalism, and eliminativism". Philosophy Compass (en inglés) 15 (7). ISSN 1747-9991. doi:10.1111/phc3.12691. 
  37. 37,0 37,1 Quine, W. V. O. (1953). "On What There Is". En Quine, W. V. From a Logical Point of View (en inglés). Harvard University Press. pp. 1–19. ISBN 9780674323506. doi:10.2307/2103922. 
  38. 38,0 38,1 MacLeod, Mary C.; Rubenstein, Eric M. (2006). "Universals - Internet Encyclopedia of Philosophy" (en inglés). Consultado o 2024-03-17. 
  39. Price, H. H. (2013-10). Thinking and Experience (en inglés). Harvard University Press. ISBN 978-0-674-43499-8. 
  40. Quinton, Anthony (1958). "Properties and Classes". Proceedings of the Aristotelian Society 58 (1): 33–58. doi:10.1093/aristotelian/58.1.33. 
  41. Strawson, P. F.; Chakrabarti, Arindam (2006). Universals, Concepts and Qualities: New Essays on the Meaning of Predicates (en inglés). Ashgate Publishing, Ltd. ISBN 978-0-7546-5032-4. 
  42. Blackburn, Simon (2016). "Conceptualism". The Oxford Dictionary of Philosophy (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-873530-4. 
  43. Hacking, Ian (1999-05-15). The Social Construction of What? (en inglés). Harvard University Press. ISBN 978-0-674-81200-0. 
  44. Hunyadi, Mark (2023). Le second âge de l'individu: pour une nouvelle émancipation (en francés). PUF. ISBN 978-2-13-084696-3. 
  45. 45,0 45,1 45,2 45,3 Pasnau, Robert (2013). Metaphysical Themes 1274-1671 (en inglés). OUP Oxford. ISBN 978-0-19-150179-1. 
  46. Burgess, John P.; Rosen, Gideon (1997). A Subject With No Object: Strategies for Nominalistic Interpretation of Mathematics (en inglés). Clarendon Press. ISBN 978-0-19-151902-4. 
  47. Burgess, John P. (1983). "Why I Am Not a Nominalist". Notre Dame Journal of Formal Logic 24 (1): 93–105. doi:10.1305/ndjfl/1093870223.