Friedrich Nietzsche

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Alemaña
Época contemporánea
Nietzsche1882.jpg
Friedrich Wilhelm Nietzsche

Nome

Friedrich Nietzsche

Nacemento

15 de outubro de 1844
Röcken-bei-Lützen, Reino de Prusia Reino de Prusia

Morte

25 de agosto de 1900
Weimar, Imperio Alemán Imperio Alemán

Filosofía

Filosofía occidental

Principais intereses

Metafísica, nihilismo, moral, estética

Ideas salientables

Vontade de poder, Übermensch, Eterno retorno

Influencias

Aristóteles · Bourget[1] · Burckhardt · Dostoyevsky · Emerson · Empédocles[2] · Epicuro · Goethe · Guyau · Hegel · Heine · Hölderlin · Kant · Lange · Leibniz · Lichtenberg · Montaigne · Pascal · Platón · Rée · Rousseau · Schopenhauer · Shakespeare · Sócrates · Spinoza · Stifter[3] · Taine · Voltaire · Wagner · Winckelmann

Influenciou a

Adorno · Artaud · Armand[4] · A. Bloom · Adler · Barrès[5]  · Barthes · Bataille · Bely[6] · Baroja[7] · Baudrillard[8]

Sinatura

Friedrich Nietzsche Signature.svg

Friedrich Wilhelm Nietzsche, nado o 15 de outubro de 1844 en Röcken, Lützen nos arredores de Leipzig, actual Alemaña, e falecido o 25 de agosto de 1900 en Weimar, foi un influente filósofo alemán do século XIX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Friedrich Nietzsche naceu nunha familia luterana, sendo destinado a ser Pastor como seu pai (que perde moi novo, en 1849), e máis seu avó. Mais Nietzsche perde a fe durante a súa adolescencia, e os seus estudos de filoloxía afástano da tentación teolóxica: "Un outro sinal distintivo dos teólogos é a súa incapacidade filolóxica. Entendo aquí por filoloxía (...) a arte de ben ler – de saber distinguir os feitos, sen estar a falsealos por interpretacións, sen perder, no desexo de comprender, a precaución, a paciencia e a finura." (O Anticristo). Durante os seus estudos na universidade de Leipzig, a lectura de Die Welt als Wille und Vorstellung (O Mundo como Vontade e Representación, 1818) de Schopenhauer vai constituír as premisas da súa vocación filosófica. Alumno brillante, dotado de sólida formación clásica, Nietzsche é nomeado aos 25 anos profesor de Filoloxía na universidade de Basilea. Adopta entón a nacionalidade suíza. Desenvolve durante dez anos a súa acuidade filosófica no contacto con pensamento grego antigo - con predilección para os Presocráticos, en especial para Heráclito e Empédocles. Durante os seus anos de ensino, tornase amigo de Jacob Burckhardt e Richard Wagner. En 1870, comprometese como voluntario (enfermeiro) na guerra franco-prusiana. A experiencia da violencia e o sufrimento impáctano profundamente.

En 1879, o seu estado de saúde obrígao a deixar o posto de profesor. Comeza entón unha vida errante en busca dun clima favorable tanto para súa saúde como para o seu pensamento (Venecia, Xénova, Turín, Niza, Sils-María...) : "Non somos como aqueles que chegan a formar pensamentos senón no meo dos libros - o noso hábito é pensar ao ar libre, andando, saltando, escalando, danzando (...)." En 1882, el atopa Paul Rée e Lou Andreas-Salomé, a quen pide en casamento. Ela recusase, despois de terlle dado esperanzas de sentimentos recíprocos. No mesmo ano, comeza a escribir o Así Falou Zaratustra, cando dunha estadía en Niza. Nietzsche non cesa de escribir cun ritmo crecente. Este período termina brutalmente o 3 de xaneiro de 1889 cunha "crise de loucura" que, durando ata á súa morte, colócao baixo a tutela de súa nai e súa irmá. No inicio desta loucura, Nietzsche encarna alternativamente as figuras míticas de Dioniso e Cristo, despois afunda nun silencio case completo ata a súa morte. Unha lenda di que contraeu sífilis. Estudos recentes inclínanse por un cancro cerebral, que eventualmente pode ter orixe sifilítica. A súa irmá utilizará os seus escritos despois da súa morte para apoiar unha causa antisemita.

Filósofo dionisíaco – ou sexa, de acordo coa súa propia definición, "que aceita mesmo as calidades máis pavorosas e máis equívocas da existencia" - Nietzsche viviu como pensou, con "o sentimento da unión necesaria entre a criación e a destrución."a

Obra[editar | editar a fonte]

Gran crítico da cultura occidental e as súas relixións e, consecuentemente, da moral xudaico-cristiá. Asociado, aínda hoxe en día, por algúns ao nihilismo e ao fascismo. Unha visión que grandes lectores e estudosos de Nietzsche, como Heidegger, Foucault, Deleuze ou Klosowski procuraron desfacer. Xuntamente con Marx e Freud, Nietzsche é un dos autores máis controvertidos na historia da filosofía moderna.

Nietzsche, sen dúbida, en parte debido á paradoxal influencia de Arthur Schopenhauer, considera o Cristianismo e o Budismo como "as dúas relixións da decadencia". Relixións que aspiran á Nada. Repudiando a filosofía metafísica - de Sócrates a Kant - cuxa concepción afirma que a plenitude da existencia sexa unha promesa a ser cumprida despois da morte, non en vida.

A crítica que Nietzsche fai do idealismo metafísico focaliza as categorías do idealismo e os valores morais que o condicionan, propondo unha nova abordaxe: a xenealoxía dos valores.

Nietzsche era decididamente un crítico das "ideas modernas", da vida e da cultura moderna. Para el os ideais modernos como “democracia”, "socialismo", “igualitarismo”, “emancipación feminina” non eran senón expresións da decadencia do “tipo home”. Por estas razóns Nietzsche é, ás veces, apuntado como un precursor da post-modernidade.

A figura de Nietzsche foi particularmente promovida na Alemaña Nazi, tendo a súa irmá, simpatizante do réxime hitleriano, fomentado esta asociación. En Mein Kampf, Hitler descríbese como a encarnación do superhome (Übermensch). A propaganda nazi colocaba os soldados alemáns na posición dese superhome e segundo Peter Scholl-Latour o libro "Así Falou Zaratustra" era dado a ler aos soldados na fronte de batalla, para motivar o exército. Isto tamén xa acontecera na Primeira Guerra Mundial. Como dicía Heidegger, “na Alemaña estábase era contra ou a favor de Nietzsche”.

Mais estaba explicitamente contra o movemento antisemita promovido por Hitler e os seus partidarios. A este respecto pódese ler a posición de Nietzsche por el mesmo:

“Antes direi no ouvido dos psicólogos, supondo que desexen algún día estudar de preto o resentimento: hoxe esta planta florece do modo máis espléndido entre os anarquistas e antisemitas, a non ser onde sempre floreceu, na sombra, como a violeta, aínda que con outro cheiro.” (Xenealoxía da Moral, p. 76-77, Trad. Paulo Cesar Souza)

“... tampouco me agradan eses novos especuladores en idealismo, os antisemitas, que hoxe reviran os ollos de modo cristián-ariano-home-de-ben, e, a través do abuso exasperante do máis barato medio de axitación, a afectación moral, buscan incitar o gado de chifres que hai no pobo...” (Xenealoxía da Moral, p. 179-180, Trad. Paulo Cesar Souza)

Sen dúbida, a obra de Nietzsche sobreviviu moito alén da apropiación feita polo réxime nazi. Aínda hoxe en día é un dos filósofos máis estudados e fecundos.

"Derrubar ídolos - iso si, xa fai parte do meu oficio.". Esta incrible e coraxosa afirmación é a súa máis completa declaración autobiográfica.

Ideas[editar | editar a fonte]

O seu estilo é aforismático, escrito en treitos concisos, moitas veces dunha soa páxina, e dos cales son pinzadas máximas. Moitas das súas frases tornáronse famosas, sendo repetidas nos máis diversos contextos, xerando moitas distorsións e confusións. Algunhas delas:

  • "Deus está morto. Viva Perigosamente. Cal o mellor remedio? - Vitoria!"
  • "Hai homes que xa nacen póstumos."
  • "O Evanxeo morreu na cruz."
  • "A diferenza fundamental entre as dúas relixións da decadencia: o budismo non promete, mais asegura. O cristianismo promete todo, mais non cumpre nada."
  • "Cando se coloca o centro de gravidade da vida non na vida mais no “alén” - no nada -, tirase á vida o seu centro de gravidade."
  • "Para ler o Novo Testamento é conveniente calzar luvas. Diante de tanto lixo, tal actitude é necesaria."
  • "O cristianismo foi, ata o momento, a maior desgraza da humanidade, por ter desprezado o Corpo."
  • "A fe é querer ignorar todo aquilo que é verdade."
  • "As conviccións son cárceres."
  • "As conviccións son inimigas máis perigosas da verdade do que as mentiras."
  • "Ata os máis coraxosos raramente ten a coraxe para aquilo que realmente saben."
  • "Aquilo que non me destrúe fortaléceme"
  • "Sen música, a vida sería un erro."
  • "A moralidade é o instinto do rabaño no individuo."
  • "O idealista é incorrixible: se é expulso do seu ceo, fai un ideal do seu inferno."
  • "En calquera lugar onde atopo unha criatura viva, atopo desexo de poder."
  • "Un político divide os seres humanos en dúas clases: instrumentos e inimigos."

Porén, Nietzsche non pode ser comprendido por media ducia de frases fora de contexto. Comprendelo significa coñecer o que el coñeceu en 3.000 anos de historia e comportamento humano, a través de seus estudos teolóxicos, filolóxicos, filosóficos, históricos e de Ciencias Naturais. Comprendelo significa estar disposto a despoxarse de dogmas, transvalorizar todos os valores e camiñar pari-pasu con el, Nietzsche, ou se preferiren, con Zaratustra.

Lonxe de ser un escritor de simples aforismos, era el un grande estilista da lingua alemá, como o proba Así Falou Zaratustra, libro que aínda hoxe é de dificilísima comprensión estilística e conceptual. Seus profundos coñecementos da relixión en seus diversos "sabores" levárono a teses, dificilmente refutábeis, mais extremamente incómodas aos conservadores de hoxe e de antano. Alzado á condición de filósofo pola súa inmensa capacidade de pensar o ser humano (autodefiníase como un "vello psicólogo", cando aínda non se falaba de psicoloxía), entrou no limbo da filosofía. Exceptuando a quen realmente coñece a Nietzsche, vida e obra, os estudosos de filosofía e os cursos actuais paran convenientemente en Kant con toda a súa cantinela absolutista relixiosa e o seu imperativo categórico - inhumano- e despois saltan para Bertrand Russell. Nietszche declarou, na súa autobiografía "Ecce Homo", que naceu póstumo. Tan póstumo que aínda hoxe o descoñecen e o temen.

Adoraba a Francia e a Italia, porque eran terras de homes con espíritos-libres. Admiraba Voltaire, e consideraba como último grande alemán Goethe, humanista como Nietszche e Voltaire. Naqueles países pasou boa parte da súa vida e alí produciu os seus máis memorábeis libros. Detestaba a arrogancia e o antisemitismo prusianos, chegando a romper coa irmá e con Richard Wagner, por ver neles a personificación do que combatía - o rigor xermánico, o antisemitismo, o imperativo-categórico, o espírito aprisionado, antípoda do seu espírito-libre. Anteviu o seu país en camiños perigosos, o que de feito se confirmou 14 anos despois de súa morte, coa primeira grande guerra e a xestación do Nazismo.

Nihilismo[editar | editar a fonte]

O legado da obra de Nietzsche foi e continua sendo aínda hoxe de difícil e contraditoria comprensión. Así, hai os que, aínda hoxe, asocian súas ideas ao Nihilismo, defendendo que para Nietzsche:

"A moral non ten importancia e os valores morais non teñen ningunha validez, só son útiles ou inútiles consoante a situación"; "A verdade non ten importancia; verdades indubidábeis, obxectivas e eternas non son recoñecíbeis. A verdade é sempre subxectiva"; "Deus está morto: non existe calquera instancia superior, eterna. O Home depende apenas de si mesmo"; "O eterno retorno do mesmo: A historia non é finalista, non hai progreso nin obxectivo".

Outros, entre tanto, non pensan que Nietzsche sexa un autor do Nihilismo, mais ao contrario un crítico do nihilismo. Non deixando escapar do seu duro martelo nin mesmo seu grande mestre Schopenhauer nin seu grande amigo Wagner, procurou denunciar todas as formas de renuncia da existencia e da vontade. É esta a concepción fundamental da súa obra Zaratustra, “a eterna, suprema afirmación e confirmación da vida”. O eterno retorno significa o tráxico-dionisíaco dicir si á vida, na súa plenitude e globalidade.

Talvez a falta de consenso na apreciación da obra de Nietzsche teña en parte a ver coas contradicións no pensamento do propio autor. As súas últimas obras, sobre todo o seu autobiográfico Ecce Homo (1888), foron escritas en medio á súa crise que se profundaba. En Xaneiro de 1889, Nietzsche sufriu en Turín un colapso nervioso. Como causa foille diagnosticada unha posible sífile. Este diagnóstico permanece tamén controverso. Mais certo é que Nietzsche pasou os últimos 11 anos da súa vida baixo observación psiquiátrica, inicialmente nun manicomio en Jena, despois en casa da súa nai en Naumburg e finalmente na casa chamada Villa Silberblick en Weimar, onde, despois da morte da súa nai, foi coidado pola súa irmá.

Escritos[editar | editar a fonte]

Obras de Friedrich Nietzsche, na orde en que foron compostas:

  • Die Geburt der Tragödie aus den Geiste der Musik, (O Nacemento da Traxedia no Espírito da Música, 1872); reeditado en 1886 co título O Nacemento da Traxedia, ou helenismo e pesimismo (Die Geburt der Tragödie, Oder: Griechentun und Pesimismus) e cun prefacio autocrítico. — Contra a concepción dos séculos XVIII e XIX, que tomaban a cultura grega como epítono da simplicidade, da calma e da serena racionalidade, Nietzsche, entón influenciado polo romanticismo, interpreta a cultura clásica grega como un embate de impulsos contrarios: o dionisíaco, ligado á exarcebación dos sentidos, á embriaguez extática e mística e á supremacía amoral dos instintos, cuxa figura é Dioniso, deus do viño, da danza e da música, e o apolíneo, face ligada á perfección, á medida das formas e das accións, á palabra e ao pensamento humanos (logos), representada polo deus Apolo. Segundo Nietzsche, a vitalidade da cultura e do home grego, atestadas polo surximento da traxedia, debeuse ao desenvolvemento de ambas as forzas, e o adoecemento da mesma sobreveu ao advento do home racional, cuxa marca é a figura de Sócrates, que puxo fin á afirmación do home tráxico e desencamiñou a cultura occidental, que acabou vítima do cristianismo durante séculos.
  • Ensaio Sobre a verdade e a mentira en sentido extramoral (Über Wahrheit und Lüge im außermoralischen Sinn, 1873, non publicado). — No cal afirma que aquilo que consideramos verdade é mera “armadura de metáforas, metonimiaa e antropomorfismos”. A pesar de non ter sido publicado é considerado por estudosos como elemento chave do seu pensamento.
  • Consideracións Extemporáneas (Unceitgemäse Betrachtungen, 1873 a 1876). — Serie de catro artigos (dos trece planeados) que critican a cultura europea e alemá da época dun punto de vista antimoderno, de crítica á modernidade:
    • David Strauss, o confesor e o escritor (David Strauss, der Bekenner und der Schriftsteller, 1873) no cal, ao atacar a idea proposta por David Strauss dunha "nova fe" baseada no desvendamento científico do mundo, afirma que o principio da vida é máis importante que o do coñecemento, que a busca de coñecemento (posteriormente discutida no concepto de vontade de verdade) debe sevir aos intereses da vida;
    • Dos usos e desvantaxes da historia para a vida (Von Nutcen und Nachteil der Historie für das Leben, 1874);
    • Schopenhauer como educador (Schopenhauer als Erzieher, 1874);
    • Richard Wagner en Bayreuth (Richard Wagner in Bayreuth, 1876).
  • Humano, Demasiado Humano, un libro para espíritos libres (Menschliches, Allzumenschliches, Ein Buch für freie Geister, verán final publicada en 1886); primeira parte orixinalmente publicada en 1878, complementada con Opinións e Máximas (Vermischte Meinunge und Sprüche, 1879) e con O andarillo e a súa sombra (Der Wanderer und sein Schatten, 1880). — Primeiro de estilo aforismático do autor.
  • Aurora, reflexións sobre preconceptos morais (Morgenröte. Gedanken über die moralischen Vorurteile, 1881). — A comprensión hedonista das razóns da acción humana e da moral son aquí substituídas, pola primeira vez, pola idea de poder, sensación de poder, inicio das reflexións sobre a vontade de poder, que só serian explicitadas en Así Falou Zaratustra.
  • Gaia Ciencia — ou Alegre Sabedoria, ou Ciencia Gaiata — (Die fröhliche Wisenschaft, 1882). — No terceiro capítulo deste libro é lanzada o famoso diagnóstico nietzschiano: “Deus está morto. Deus continua morto. E fomos nós quen o matamos”, proferido polo Home Louco en medio dos mercadores impíos (§125). No penúltimo parágrafo xorde a idea do eterno retorno. E no último, aparece Zaratustra, o criador da moral corporificada do Ben e do Mal que, como personaxe na obra posterior, finalmente superará súa propia criación e anunciará o advento dun novo home, un alén do home.
  • Así Falou Zaratustra, un libro para todos e para ninguén (Also Sprach Zarathustra, Ein Buch für Alle und Keinen, 1883-85).
  • Jenseits von Gut und Böse (Para alén do Ben e do Mal, prelúdio a unha filosofia do futuro, 1886). Neste libro denso son expostos os conceptos de vontade de poder, a natureza da realidade considerada de dentro dela mesma, sen apelar a ilusorias instancias transcendentes, perspectivismo e outras nocións importantes do pensador. Crítica demoledora ás filosofías metafísicas en todas as súas formas, fala da criación de valores como prerrogativa nobre que debe ser posta en práctica por unha nova especie de filósofos.
  • Zur Genealogie der Moral (Xenealoxía da moral, unha polémica, 1887). Complementar ao anterior — como que súa parte práctica, aplicada — este libro desvenda o surximento e o real significado dos nosos xuízos de valor.
  • Götzen-Dämmerung oder Wie man mit dem Hammer philosophiert (O crepúsculo dos ídolos, ou Como filosofar co marteloagosto-setembro 1888). Obra onde dilacera as crenzas, os ídolos (a súa palabra para ideais), e analiza toda a xénese da culpa no ser humano.
  • O Caso Wagner, un problema para músicos (Der Fall Wagner, Ein Musikanten-Problem, maio-agosto 1888).
  • Der Antichrist, Fluch auf das Christentum, (O Anticristo, setembro 1888). — Contra o Cristianismo ou o Anticristián serian traducións posíbeis para esta obra. A pesar de apuntar o Cristo, mesmo na súa concepción “propia”, como síntoma dunha decadencia análoga á que posibilitou o xurdimento do Budismo, nesta obra Nietzsche dirixe súas críticas máis agudas a Paulo de Tarso, o codificador do cristianismo e fundador da Igrexa. Acúsao de deturpar o ensino do seu mestre — pregador da salvación no agora deste mundo, realizada nel mesmo e non en promesas dun Alén — forxando o mundo de Deus como enriba e alén deste mundo. "O único cristián morreu na cruz", como di no libro que sería o inicio dunha obra maior intitulada Transvaloración dos valores.
  • Ecce Homo, como se tornar aquilo que é (Ecce Homo, Wie man wird, was man ist, outubro-novembro 1888). — Unha autobi(bli)agrafía, onde Nietzsche, consciente da súa importancia e acometido por delirios de grandeza, acha necesario, antes de expor ao mundo a súa obra definitiva (xamais concluída), dicer quen el é, por que escrebe o que escrebe e por que “é un destino”. Comenta as súas obras entón publicadas. Ofrece unha consideración sobre o significado de Zaratustra. E por fin, dicindo saber o que o espera, anuncia o apocalipse: “Coñezo o meu sino. Un día, o meu nome ligarase á lembranza de algo tremendo — dunha crise como xamais houbo sobre a Terra, da máis profunda colisión de consciencias, dunha decisión conxurada contra todo o que ata entón foi acreditado, santificado, requirido. (…) Teño un medo pavoroso de que un día me declaren santo: percibirán que publico este libro antes, el debe evitar que se cometan abusos comigo. (…) Pois cando a verdade saír en loita contra a mentira de milenios, teremos conmocións, un espasmo de terremoto, un movemento de montes e vales como xamais foi soñado. A noción de política estará entón completamente disolvida nunha guerra de espíritos, todas as formacións de poder da vella sociedade estouparán polos ares — todas se basean enteiramente na mentira: haberá guerras como aínda non houbo sobre a Terra.” (Porque son un destino §1, trad. Paulo César Souza)
  • Nietzsche contra Wagner (Nietzsche contra Wagner, Aktenstücke eines Psychologen, decembro 1888).

Manuscritos non publicados[editar | editar a fonte]

Escribiu aínda unha recolla de poemas, publicados postumamente, co nome de Ditirambos de Diónisos.

Nietzsche deixou moitos cadernos manuscritos, alén de correspondencias. O volume deses textos é maior do que o dos publicados. Os de 1870 desenvolven moitos temas de seus libros publicados, en especial unha teoría do coñecemento. Os de 1880 que, despois de seu colapso nervioso, foron seleccionados pola súa irmá, que os publicou co título A vontade de poder, desenvolven consideracións máis ontolóxicas a respecto das doutrinas de vontade de poder e de eterno retorno e a súa capacidade de interpretar a realidade. Entre esas especulacións e baixo os esforzos de intérpretes da súa obra, os manuscritos de 1880 establecen repetidamente que “non hai fatos, soamente interpretacións”.

Comentarios de terceiros sobre Nietzsche[editar | editar a fonte]

Raymond Aron[editar | editar a fonte]

En O opio dos intelectuais, Raymond Aron escrebe: "Nietzsche e Bernanos, este último un crente, encanto que o primeiro proclamando a morte de Deus, son autenticamente non-conformistas. Ambos, un en nome dun futuro presentido, o outro invocando unha imaxe idealizada do Ancien Régime, din non á democracia, ao socialismo, ao réxime das masas. Eles son hostís ou indiferentes á elevación do nivel de vida, á xeneralización da pequena burguesía, ao progreso da técnica. Eles ten horror da vulgaridade, da baixeza, difundida pola prácticas electorais e parlamentares".

Bertrand Russell[editar | editar a fonte]

Bertrand Russell escrebe en "A History of Western Philosophy": "A pesar de que Nietzsche criticase os románticos, a súa actitude é fortemente determinada por eles; é o punto de vista do anarquismo aristocrático que Byron tamén representara, de modo que non é sorprendente que Nietzsche sexa un grande admirador de Byron. El tenta unir dúas categorías de valores que dificilmente se relacionan: por un lado el ama a crueldade, a guerra e o orgullo aristocrático e, por outro, a filosofía, a literatura, arte e antes de todo a música".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fewster, J. C. (1992). "Au Service de l'ordre: Paul Bourget and the Critical Response to Decadence in Austria and Germany". Comparative Literature Studies 29 (3): 259–275. JSTOR 40246837.
  2. The pre-Platonic philosophers. http://books.google.com/books?id=yjaEkWbwBm0C&pg=PA239&lpg=PA239&dq=Empedocles+Nietzsche&source=bl&ots=KpZ-VE0fqc&sig=8_7m586Y439h0sFG3_e8enqGRKc&hl=en&sa=X&ei=5JtAT93QBMyKswaSk_3pBA&ved=0CDAQ6AEwBA#v=onepage&q=Empedocles%20Nietzsche&f=false.
  3. Meyer-Sickendiek, Burkhard, "Nietzsche's Aesthetic Solution to the Problem of Epigonism in the Nineteenth Century", ed. Paul Bishop, Nietzsche and Antiquity: His Reaction and Response to the Classical Tradition, Woodbridge, UK: Boydell & Brewer, 2004. p. 323
  4. "The Anarchism of Émile Armand". The Anarchist Library. http://theanarchistlibrary.org/HTML/Emile_Armand__The_Anarchism_of_Emile_Armand.html.
  5. The Cambridge Companion to Nietzsche. Cambridge University Press. 1996. p. 129.
  6. Nietzsche and Soviet Culture: Ally and Adversary. http://books.google.com/books?id=f5cUEHHchNAC&pg=PA117&lpg=PA117&dq=Andrei+Bely+Nietzsche&source=bl&ots=klT-LE9fnC&sig=2eb1XhSu_CLc34jZDzmTBPuMiQY&hl=hr&sa=X&ei=9oFUT-iML4PdsgbK7vzjCw&ved=0CCUQ6AEwAQ#v=onepage&q=Andrei%20Bely%20Nietzsche&f=false.
  7. Pio Baroja. http://books.google.com/books?id=JBetkzwW_1wC&pg=PA21&dq=Pio+Baroja+Nietzsche&hl=en&sa=X&ei=IdnnT7ixA9Dfsgbw18DTAQ&redir_esc=y#v=onepage&q=Pio%20Baroja%20Nietzsche&f=false.
  8. Pawlett, William. Jean Baudrillard: against banality. http://books.google.com/books?id=3d4ph0V4eVwC&pg=PA112&dq=Jean+Baudrillard+Nietzsche&hl=en&sa=X&ei=LGFBT8RNhPmyBue-hOYE&ved=0CDYQ6AEwAQ#v=onepage&q=Jean%20Baudrillard%20Nietzsche&f=false.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Friedrich Nietzsche
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Friedrich Nietzsche

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]