Sócrates
![]() |
| Filosofía grega |
|---|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Sócrates foi un célebre e controvertido filósofo grego que viviu en Atenas entre o 469 e o 399 a.C.
Sócrates non deixou testemuños escritos, mais coñecemos as súas doutrinas principalmente por Platón (que ten a Sócrates como principal personaxe dos seus Diálogos), Xenofonte (militar atenense que deixou información sobre Sócrates no escrito Memorables) e Aristófanes (escritor grego que ridiculiza a Sócrates na comedia As nubes).
Traxectoria [editar]
Era fillo de Sofronisco, canteiro de profesión, e de Fenarete, que tiña como oficio o de parteira. Serviu como soldado hoplita na Guerra do Peloponeso (na batalla de Potidea) e nas batallas de Delio e Antípolis, sendo recoñecido polos seus concidadáns polo seu valor e a resistencia física mostrada. No ano 399 a.C., despois dun breve paréntese do goberno oligarca dos Trinta Tiranos, foi acusado de "impiedade" e "corrupción da xuventude" por Anitos e condenado a morte polo goberno demócrata de Trasíbulo.
A pesar de non escribir nada, exerceu unha enorme influencia sobre o pensamento do seu tempo. Ademais de Platón, destacan as chamadas escolas socráticas: a cínica, a megárica e a cirenaica.
Filosofía [editar]
A filosofía de Sócrates opoñíase á dos Sofistas. Coma eles, Sócrates ocupouse de investigar a diferenza para os seres humanos entre actuar ben e actuar mal, mais ao contrario ca eles, Sócrates non pensaba que o ben fose unha idea relativa, senón que defendía o seu carácter absoluto.
Sócrates preocupábase por buscar virtudes morais obxectivas e que, polo tanto, non estivesen sometidas a criterios de conveniencia ou ao poder do máis forte. Estas virtudes había que buscalas a través do coñecemento ou saber. Do mesmo xeito que para ser un bo zapateiro sería necesario saber en que consiste un zapato, para ser un cidadán bo e xusto habería que saber tamén o que son a Bondade ou a Xustiza. No saber, polo tanto, atoparíase a virtude moral. Virtude e coñecemento, en consecuencia, serían o mesmo para Sócrates. Esta concepción da ética, que supón que quen actúa mal faino porque descoñece o que é o ben, coñécese co nome de intelectualismo moral, e sempre foi unha teoría moi discutida.
Ademais, para Sócrates non había máis xustiza que a establecida polas leis da cidade, e o home bo debía respectalas por riba de todo, xa que sen leis non sería posible a cidade.
O método socrático para acadar o saber consistía, primeiro, en recoñecer a propia ignorancia. E para que os demais fixesen o mesmo interrogábaos persistentemente ata conseguir que tamén eles tomasen conciencia da súa ignorancia. A partir de aí, o proceso tería que continuar como unha pescuda en común coa esperanza da obter a verdade obxectiva sobre o asunto que se estivese a tratar. Segundo Aristóteles, o diálogo socrático tomaba como medio o argumento indutivo, e como meta a definición das esencias.
Véxase tamén [editar]
