Platón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Sanzio 01 cropped.png
Filosofía grega
Presocráticos
Sofistas
Sócrates
Platón
Aristóteles
Epicureísmo
Estoicismo
Escepticismo
Cinismo
Reprodución do busto de Platón

Platón, nado en Atenas no ano 428 a.C. (un ano despois da morte do estadista ateniense Pericles) foi un importante filósofo grego. O seu nome verdadeiro era Aristoclés, mentres que Platón (Πλάτων en grego) era o seu alcume.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Aristón e de Perictione, quen descendía de Solón, foi inicialmente discípulo do filósofo Crátilo, que seguía o pensamento de Heráclito de Éfeso.

Xa na súa xuventude, no 407 a.C., Platón entrou a formar parte do grupo de Sócrates, e a influencia deste filósofo foi determinante para o conxunto do pensamento platónico. Despois da morte do seu mestre, Platón refuxiouse en Mégara, e máis tarde ao sur de Italia, onde coñeceu ao filósofo pitagórico Arquitas de Tarento. Foi tamén a Siracusa, na illa de Sicilia, e ao norte de África.

Nesta época comeza a escribir os seus primeiros diálogos. No ano 388 a.C. viaxou de novo a Sicilia, e intentou influír na política de Dionisio I, que o desterra.

Platón chegou a ser vendido como escravo. Por sorte a compradora recoñeceuno e liberouno de contado.

No ano 387 a.C., Platón fundou en Atenas a primeira escola filosófica: a Academia. Esta escola adicouse ao ensino por un longo período de tempo ata que, en 367 a.C., Platón partiu para Siracusa coa esperanza de implantar alí os seus ideais políticos. Dionisio I, o tirano local, morrera, e coa sucesión de Dionisio II, había unha oportunidade para mudanzas na política local. A viaxe de Platón, con todo, foi inútil. Ningunha mudanza fora posible. Decepcionado, o filósofo retornou para Atenas.

Nos seus últimos anos, Platón continuou a filosofar. Reconsiderou e reelaborou posicións anteriores e ocupouse tamén de novos problemas. A súa última obra, as "Leis", trata da preocupación fundamental de toda a súa vida: a política. O seu discípulo máis famoso foi Aristóteles.

Filosofía[editar | editar a fonte]

O Mundo das Ideas[editar | editar a fonte]

Platón, Séneca e Aristóteles

Platón opinaba que o ben non era algo subxectivo nin relativo, como pensaban os Sofistas. O ben era algo real, inmutable e obxectivo, non dependía das opinións particulares das persoas, xa que para Platón o ben existía independentemente das cousas boas que as persoas ven no mundo, nun mundo aparte ao que denominou Mundo das Ideas.

O Mundo das Ideas (ou Hiperuraneo) son as formas ideais de aquilo que as persoas ven e senten. É dicir, aquilo que perciben coas súas sensacións, son meras sombras das Ideas perfectas desas mesmas cousas. Esta filosofía de Platón tamén é coñecida como Teoría das Ideas ou Teoría das Formas.

Exemplo[editar | editar a fonte]

Polo tanto, para Platón, o mundo percibido polos sentidos era unha pálida reprodución do Mundo das Ideas. Cada obxecto concreto que existía formaba parte, xunto con todos os outros obxectos da súa categoría, dunha Idea perfecta. Unha determinada pluma, por exemplo, tería determinados atributos (cor, formato, tamaño, etc). Outra pluma tería outros atributos, pero tamén ela sería unha pluma, tanto como a outra. Aquilo que facía que as dúas fosen plumas era, para Platón, a Idea de pluma, perfecta, que esgotaba todas as posibilidades de ser pluma.

A ontoloxía de Platón di, entón, que algo é na medida en que participa da Idea dese obxecto. No caso da pluma é irrelevante, mais o foco de Platón son cousas como o ser humano, o ben ou a xustiza, por exemplo.

Mudanza ou estaticidade?[editar | editar a fonte]

O problema que Platón se propuña resolver era a tensión entre Heráclito de Éfeso e Parménides de Elea: para o primeiro, o ser era a mudanza, todo estaba en constante movemento e era unha ilusión a estaticidade, ou a permanencia de calquera cousa; para o segundo, o movemento era a verdadeira ilusión, pois algo que "era" non podía deixar de ser e algo que non "era" non podía ser, así, non había mudanza.

Por exemplo, tómese o caso dunha árbore, que é ela mesma dende o estadío de semente ata morrer, a pesar das características tan diferentes entre o estadío de semente e a árbore vella. Hai unha mudanza da árbore en relación a si mesma (co pasar do tempo ela medra). Para Heráclito, a árbore estaba sempre mudando e nunca era a mesma, mentres que para Parménides, nunca mudaba, era sempre a mesma e era unha ilusión a súa mudanza.

Platón resolveu ese problema coa súa Teoría das Ideas. O que había de permanente nun obxecto era a Idea, máis concretamente, a participación dese obxecto na súa Idea correspondente. E a mudanza ocorría porque ese obxecto non era unha Idea, senón unha incompleta representación da Idea dese obxecto.

Volvendo ao exemplo da árbore e situándoo no punto de vista de Platón, o que facía que ela fose ela mesma e fose unha árbore (e non outra cousa), a pesar da súa diferenza daquilo que era cando era nova (o estadío de semente), era a súa participación na Idea de Árbore; e a súa mudanza debíase ao feito de ser unha pálida representación da Idea de Árbore.

O Intelectualismo moral de Platón[editar | editar a fonte]

Segundo Platón, era a idea do ben a que comunicaba a bondade ás cousas e ás accións que rodean ás persoas, a idea de ben era a causa de que as persoas as considerasen boas. Platón opinaba que o coñecemento da idea de ben era a máxima aspiración do filósofo ou amante da sabedoría, pois que tivese tal visión sería bo, pero ademais, e para non deixar fora da ética á maioría da poboación, e sen tempo para filosofar, Platón admitiu que tamén existía un modo de ser bo aínda que a persoa non chegase a coñecer a idea absoluta do ben: a educación. Para Platón, se as persoas eran conducidas (incluso con mentiras e castigos) cara o ben por alguén que tivera a oportunidade de chegar a coñecer a idea de maneira intelectual, todos os seres humanos teríamos a oportunidade de actuar ben.

A versión do "Intelectualismo moral" de Platón apartábase da do seu mestre Sócrates, porque para este a busca da felicidade a través do coñecemento da idea do ben era un camiño individual, no que non era posible recibir a axuda deses supostos educadores que propuña Platón, xa que para Sócrates o noso ben e a nosa felicidade eran unicamente resultado do noso esforzo individual.

Segundo Platón, ao ser humano lle interesaba realmente ser bo e xusto, e non soamente parecelo, tal como pensaban os Sofistas, por tres razóns distintas que Platón creía moi relacionadas entre si:

1. Unha sociedade organizada era ante todo unha sociedade na que existía seguridade e benestar. Para Platón a liberdade non era moi importante. El pensaba que a organización social perfecta comezaba coa separación dos cidadáns en tres clases sociais diferentes:
  • Os gobernantes, que aínda que eran a minoría eran os que mandaban.
  • Os gardiáns, que defendían a cidade. (Lémbrese que a Antiga Grecia organizábase en polis ou cidades-estado)
  • Os produtores, que aínda que eran a maioría, ocupábanse unicamente de traballar e obedecer.
Platón pensaba que o individuo era bo e xusto cando cumpría co papel social que lle correspondía segundo a clase á que pertencese. Só así podía axudar ao bo comportamento e á felicidade da súa cidade.
2. Esta concepción de harmonía entre partes diferentes tamén era aplicada por Platón para estudar o comportamento axeitado de cada individuo. A alma humana, ao igual que a sociedade, estaba dividida en tres partes:
1. Alma racional, que se ocupaba do relativo ao coñecemento.
2. Alma irascible, que se ocupaba de darlles ás persoas forza e valor para cumprir os seus desexos.
3. Alma concupiscible, que se encargaba do relativo ás nosas paixóns, instintos e desexos.
Unha persoa xusta era aquela que conseguía acadar o equilibrio entre as tres partes da alma. Mais Platón opinaba que "equilibrio" non quería dicir que as tres partes debesen mandar o mesmo nunha persoa, senón que era a alma racional, axudada pola forza de vontade que lle proporcionaba a alma irascible, as que coa súa unión lle permitían á persoa controlar as súas paixóns, é dicir, a alma concupiscible.
3. Para Platón, a persoa que lograba acadar este equilibrio que lle permitía os seus instintos máis irracionais, ademais de contribuír á felicidade da súa sociedade, recibía tras da morte un premio na outra vida pola súa bondade, e de ser o caso, un castigo pola súa maldade.

Platón pensaba, polo tanto, que o ben era algo absoluto, e só aquela persoa que o coñecía debía gobernar a cidade. Para el, a xustiza existía cando cada cidadán seguía as instrucións daqueles que coñecían verdadeiramente a idea de xustiza. Os demais soamente podían contribuír á felicidade do conxunto se obedecían e se ocupaban dos asuntos propios da súa clase social. Deste xeito, Platón propoñía un modelo de convivencia antidemocrático que se fundamentase na idea aristocrática de que non é certo que todas as persoas eran iguais, unhas eran mellores, e outras eran peores, e soamente as primeiras podía gobernar a cidade.

Anamnesis[editar | editar a fonte]

Platón tamén elaborou unha teoría gnoseolóxica, é dicir, unha teoría que explicaba como se podían coñecer as cousas, unha teoría do coñecemento. Segundo el, cando as persoas vían un obxecto repetidas veces, lembrábanse, aos poucos, da Idea daquel obxecto, que viran no Mundo das Ideas.

Para explicar como se daba iso, Platón recurriu a un mito (ou unha metáfora) que dicía que, antes de nacer, a alma de cada persoa vivía nunha estrela, onde se localizan as Ideas. Cando unha persoa nacía, a súa alma era "botada" para a Terra, e o impacto que ocorría facía que esquecese o que vira na estrela. Mais ao ver un obxecto aparecer de diferentes formas (como as diferentes árbores que se podían ver), a alma recordaba a Idea daquel obxecto que fora vista na estrela. Tal recordo, en Platón, chámase anamnesis.

Reminicencia[editar | editar a fonte]

Unha das condicións para a indagación ou investigación acerca das Ideas era que as persoas non estaban en estado de completa ignorancia sobre elas. Do contrario, non terían nin desexo nin poder de procuralas. En vista diso, era unha condición necesaria (para tal investigación) que tivesen na súa alma algunha especie de coñecemento ou lembranza do seu contacto coas Ideas (contacto ocorrido antes do seu propio nacemento) e recordarían as Ideas por velas reproducidas palidamente nas cousas. Deste xeito, toda a ciencia platónica é unha reminicencia. A investigación das Ideas supuña que as almas preexistiran nunha rexión divina onde contemplaban as Ideas.

Obra[editar | editar a fonte]

Platón (sinalando para riba e cun Timeo na man) e Aristóteles, pintados por Rafael (A Escola de Atenas, Vaticano)

Platón escribiu na forma de diálogos. A colección deses escritos, xeralmente considerada como auténtica, é a seguinte:

  • Alcibíades (Primeiro). Trata da doutrina socrática do auto-coñecemento.
  • Alcibíades (Segundo). Trata do coñecemento.
  • Apoloxía. Relata o discurso de defensa de Sócrates no tribunal de Atenas.
  • O banquete. Trata da orixe, as diferentes manifestacións e o significado do amor sensual.
  • Cármides. Diálogo ético.
  • Clítofon. Trata da virtude.
  • Cratilo. Trata da natureza dos nomes.
  • Critias. Platón narra aquí o mito de Atlántida a través de Critias (o seu avó). É un diálogo inacabado.
  • Critón. Trata da xustiza.
  • Eutidemo. Crítica aos sofistas.
  • Eutifrón. Trata dos conceptos de piedade e impiedade.
  • Fedón. Relata o xulgamento e morte de Sócrates e trata da inmortalidade da alma.
  • Fedro. Trata da retórica e do amor sensual.
  • Filebo. Versa sobre o bo e o bello e como o home viver mellor.
  • Gorxias. Trata do verdadeiro filósofo en oposición aos sofistas.
  • Hipias (maior). Discusión estética.
  • Hipias (menor). Trata do axir humano.
  • Ión. Trata de poesía.
  • Laques. Trata da coraxe.
  • Leis. Aborda varios temas da esfera política e xurídica. É o último (inacabado), máis longo e complexo diálogo de Platón.
  • Lisis. Trata da amizade e máis o amor.
  • Menexeno. Eloxio da morte no campo de batalla.
  • Menón. Trata do ensino da virtude.
  • Parménides. Trata da ontoloxía. É neste diálogo que Platón introduce a teoría das formas.
  • Político. Trata do perfil do home político.
  • Protágoras. Trata do concepto e natureza da virtude.
  • A República. Aborda varios temas, mais todos subordinados á cuestón central da xustiza.
  • Sofista. Diálogo de caráter ontolóxico.
  • Teeteto. Trata exclusivamente da Teoría do Coñecemento.
  • Timeo. Trata da orixe do universo.

Liña do Tempo[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Platón
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Platón

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]