Existencialismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Con este nome desígnase un amplo movemento filosófico desenvolvido en Europa principalmente entre os anos 30 e 50 do século pasado. Ademais do existencialismo sensu stricto do filósofo Jean-Paul Sartre e de novelistas como Simone de Beauvoir ou Albert Camus, inclúense tamén baixo esta rúbrica, non sen certa polémica, as filosofías existenciais de Grabiel Marcel, Karl Jaspers e Martin Heidegger, así como a teoloxía existencial de Karl Barth, entre outros. Como precursor de todos eles soese mencionar o pensador danés Søren Kierkegaard.

Obxecto de reflexión da filosofía existencialista[editar | editar a fonte]

A reflexión filosófica dos pensadores existencialistas arranca dun estudo da existencia humana, entendida como unha “realidade” individual peculiar e diferente do resto dos obxectos da natureza. Estes últimos, como indica Heidegger, están aí diante, á vista, podendo un observalos e reflexionar obxectivamente sobre eles. Por exemplo, a árbore que está aí no meu xardín e que estou a contemplar. Os obxectos do mundo, como esta árbore, teñen unha serie de características comúns con outros obxectos similares que permiten elaborar unha definición idéntica para todos eles. Este sería, precisamente, un dos obxectivos de gran parte da filosofía tradicional, é dicir, definir o que as cousas son en función da esencia común a todos os exemplares da mesa especie. Pero a nosa existencia nunca se nos presenta como algo contemplable e exterior a nós mesmos (como, por exemplo, a árbore que está enfronte de nós), senón que, como di Marcel, é un “misterio” no que cada un está incorporado (O misterio do ser). A existencia experimentámola só en primeira persoa vivíndoa. Eu experimento a miña existencia, ti a túa, etc. Existir, ademais, consiste na realización ou exercicio dun modo de ser propio, non compartible, pois acontécelle só a un mesmo e a ninguén máis. A miña existencia é miña e nunca pode saír de min cara outro, así como a túa existencia é tamén exclusivamente túa. De aí que cada existencia humana sexa diferente, coas súas características propias froito das vicisitudes persoais na vida de cada un. Por todo isto os filósofos existencialistas consideran que o ser humano ten un modo peculiar de existir, diferente da existencia dos demais entes (pedras, plantas, animais, etc.). No primeiro caso trátase dun modo de ser exclusivamente individual e continxente, mentres que no segundo caso son entes susceptibles dunha definición universal e invariable. Esta é a razón de que escollan termos diferentes para expresar a existencia, segundo se trate da existencia dun ser humano ou doutro ente non humano, por exemplo: o par Existenz (humana)-Vorhandensein (dos entes) en Heidegger, ou o par Pour soi (humano)- En soi (das cousas) en Sartre, etc.

Metodoloxía existencialista[editar | editar a fonte]

O caracter íntimo e persoal da existencia humana representa un novo ámbito inaccesible tanto para os procedementos racionais dos filósofos cos seus argumentos lóxicos, como para os procedementos empíricos dos científicos. Reclámanse entón novos medios para o filosofar. Marcel sinala esta diferenza metodolóxica recorrendo á distinción entre reflexión primeira (propia dos saberes obxectivos) e reflexión segunda (propia da filosofía existencial). Esta distinción, basicamente compartida por todos os filósofos existencialistas, é a orixe dunha constante desconfianza respecto da Razón humana. Esta cosifica e clasifica a realidade en compartimentos estancos e fixos. Pero como a existencia humana caracterízase polo continuo cambio entón non ten un ser estático, senón que depende do que cada individuo está a facer na súa vida coas súas decisións, actividades, etc. Sartre expresa isto coas célebres frases de que no ser humano “a existencia precede á esencia” e “o ser humano non é outra cousa que o que el se fai” (O existencialismo é un humanismo). Neste facerse a si mesmo o ser humano é totalmente libre pois, a dicir de Sartre, non está condicionado por nada. Todo o que un é e fai responde sempre a unha decisión previa entre varias opcións posibles. De aquí deduce Sartre que non podemos delegar a responsabilidade última dos nosos actos noutras persoas nin tampouco na sociedade. Existir, polo tanto, consiste en estar constantemente decidindo e facéndose un a si mesmo, de onde resulta unha maneira de ser específica para cada un e inabarcable por conceptos universais aplicables por igual a todos os individuos.

Debido ó caracter único e “irracional” de cada existencia humana, os existencialistas recorren a descricións de situacións existenciais concretas e persoais, por medio de relatos biográficos ou novelados, como medio literario máis axeitado para expresar o universo emocional da existencia humana (por exemplo, Marcel e Sartre).

Tipos de existencialismo[editar | editar a fonte]

Atendendo á cuestión da existencia de Deus, é común dividir o existencialismo filosófico en tres tipos:

1. Existencialismo relixioso ( Jaspers e Marcel). 2. Existencialismo ateo (Sartre) 3. Existencialismo agnóstico (Heidegger)

O enfoque existencialista da filosofía posúe unha tintura pesimista e tráxica, acentuada polo tratamento de temas como a morte, a angustia, as situacións límite, o absurdo da vida, etc. É precisamente este compoñente do existencialismo o que máis o ten achegado á literatura contribuíndo á difusión popular do mesmo nunha época marcada polas guerras mundiais e, polo tanto, propicia para o acollemento destas cuestións. Os existencialistas enfróntanse de diferentes xeitos ó aspecto tráxico da vida. Así, Sartre conclúe que a existencia humana está condenada ó fracaso, xa que consiste nunha aspiración a ser como Deus, mais este é para Sartre unha realidade inexistente e absurda. De aí que a existencia humana careza de sentido e estea tamén condenada ó absurdo. Heidegger, en cambio, mantén as súas análises existenciais nun plano neutral e meramente descritivo sen extraer ningunha conclusión respecto do sentido da existencia humana ou sobre o tema da existencia divina. Por último, Jaspers e Marcel ven unha posibilidade de superación do nihilismo en certas experiencias existenciais, irreductibles a unha explicación racional e que, segundo eles, abren ó ser humano á transcendencia divina. Marcel, por exemplo, sérvese da fe cristiá para abeirar a crenza en Deus e asumir a esperanza dunha vida eterna alén da morte aparente á que nos destina esta existencia humana no mundo.

Principais obras filosóficas do existencialismo[editar | editar a fonte]

S. Kierkegaard, O concepto de angustia, 1844

G. Marcel, Diario metafísico, 1927

M. Heidegger, Ser e tempo, 1927

K. Jaspers, Filosofía, 1932

J. P. Sartre, O ser e a nada, 1943