Poseidón

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Poseidón (Museo Arqueolóxico Nacional, Atenas)

Na mitoloxía grega Poseidón[1] ou Posidón[2] é o Deus supremo do mar, dos océanos e das augas, coñecido polos romanos como Neptuno, e polos etruscos por Nethuns.[3]

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Como fillo de Cronos e Rea é un dos principais deuses olímpicos, só por debaixo de Zeus. Cronos, coñecedor dunha profecía que agoiraba que ía ser derrocado por un dos seus fillos, ía devorándoos segundo ían nacendo, ata que Rea agochou ó seu último fillo, Zeus [4], e deulle a Cronos unha pedra envolta en cueiros como se fose o meniño. Cando chegou á idade adulta, Zeus obrigou a Cronos a devolver ós fillos, xa adultos, e logo encabezou con eles unha rebelión contra o poder de Cronos (Titanomaquia), destronándoo. Os tres irmáns varóns, Zeus, Poseidón e Hades, repatíronse o poder sobre o Universo, correspondéndolle a Zeus o dominio do Ceo, a Poseidón o dos Mares e a Hades o do Inframundo, e ós tres conxuntamente o da Terra [5].

Existe unha tradición minoritaria segundo a cal Rea tamén puido salvar a Poseidón de ser devorado por Cronos. Segundo Pausanias, Rea deulle un poldro e agochou ó fillo entre as eguadas.

"Algúns din que Posidón non foi tragado nin vomitado, senón que Rea deu no seu lugar un poldro a Crono para que o comera, e que ocultou ó meniño entre as mandas de cabalos".
(Graves, px. 50)
Poseidón derrota a Polibotes. Leva ó ombro a coa illa de Cos, coa que enterra ó xigante (kilix de figuras vermellas procedente de Vulci, Etruria, c. 475-470 a.C.)

Neste caso, Rea entregou a Poseidón ós Telquines para que o criaran, xunto con Cefira, filla do titán Océano. Os Telquines eran nove irmáns, metade seres terrestres e metade seres mariños, con cabeza de can, aletas nas mans e a parte inferior do corpo en forma de cola de peixe (ou de serpe) [6].

Unha vez distribuídos os poderes, Poseidón apresurouse a construírse un gran palacio nas profundidades do mar, concretamente, cerca de Eubea. Nas cortes gardaba numerosos cabalos brancos con cascos e crinas de ouro. Vivir no fondo do mar non lle impedirá asistir ás asembleas de deuses no Olimpo nin participar noutros acontecementos relevantes, pois pode abandonar o seu medio mariño sen ningún problema.

Na guerra contra os Xigantes, que intentaron derrocar a Zeus e ós deuses do Monte Olimpo, a intervención de Poseidón centrouse na loita contra Polibotes [7].

"Polibotes, a través do mar, acosado por Poseidón, chegou á illa de Cos, pero Poseidón esgazou unha parte da illa de Nisiros e botouna sobre el".
(Pseudo-Apolodoro I, 6, 2)

Cóntase que Zeus se xactaba tanto do seu poder que os deuses se rebelaron contra tanta vaidade. Poseidón aliouse con Hera e Apolo, co apoio dos demais deuses (excepto Hestia), para derrocar a Zeus. Mentres dormía, atárono con correas de coiro cru suxeitas con cen nós. Aínda que Zeus amenazou con matalos a todos, sentáronse a celebralo e, mentres discutían quen sería o sucesor, a nereida Tetis chamou por Briareo, un dos Hecatonquiros, que o desatou utilizando as súas cen mans. Zeus castigou a Hera a permanecer colgada do ceo cunha engra en cada nocello e a Apolo e Poseidón a construír a muralla de Troia ó servizo do reu rei Laomedonte.

"Moitas veces, estando no palacio do meu pai [fala Aquiles coa súa nai Tetis], escoitei que te vangloriabas de haber evitado, ti soa entre os inmortais, unha humillante desgraza ó Saturnio [Zeus], que amorea as sombrías nubes, cando quixeron atalo outros deuses olímpicos, Juno, Neptuno e Palas Minerva [Hera, Poseidón e Atenea, respectivamente]. Ti, oh deusa, acudiches e librácheo das ataduras, chamando ó espazoso Olimpo ó centímano [nome romano dos hecatonquiros] a quen os deuses nomean Briareo e tódolos homes Exeón, que é superior en forza ó seu mesmo pai, e sentouse entón a carón de Xúpiter [Zeus], oufano da súa gloria; teméronlle os benaventurados deuses e desistiron do seu propósito".
(Ilíada, Canto I)

Poseidón e Minos[editar | editar a fonte]

Cando morreu Asterión, rei de Creta, o seu fillo Minos quixo todo o poder para si e expulsou ós seus irmáns, aducindo que foran os deuses os que lle concedían o reino. Para demostralo, pediu a Poseidón que fixera saír do mar un touro, e prometeu que o sacrificaría no seu honor. Poseidón enviou un touro brancoi espléndido, tan fermoso que Minos decidiu conservalo como semental nos seus rabaños e sacrificar outro no seu lugar. Pero o deus, ó verse enganado, vingouse, e fixo que o touro enfurecese e que na muller de Minos, Pasífae, se espertara un amor apaixonado polo animal. Este foi o Touro de Creta do que Pasífae enxendrou a Minotauro e que, posteriormente, tivo que matar Heracles nun dos seus doce traballos.

"Cando se achaba ofrecendo un sacrificio a Posidón, [Minos] suplicoulle que aparecese das profundidades mariñas un touro, prometelo sacrificalo en canto aparecese. Posidón fixo aparecer un magnífico touro... pero Minos enviou o touro cos seus rabaños e ofreceu outro en sacrificio... Irritado con el Posidón por non terlle sacrificado o touro, volveuno salvaxe e fixo que Pasífae concibira por el un amor apaixonado"
(Pseudo-Apolodoro III, 1, 3-4)

Guerra de Troia[editar | editar a fonte]

Murallas de Troia

Xunto a Apolo e o mortal Éaco levantou as murallas de Troia [8]. A lenda conta que a presenza dun humano era necesaria nesta obra pois, de ser construída só polos deuses, sería inexpugnable por toda a eternidade e os seus habitantes poderían chegar a desafiar ós deuses. Unha vez rematada a muralla apareceron tres serpes que intentaron entrar na cidade. As dúas que intentaron rubir pola parte construída polos deuses caeron e morreron, pero a terceira logrou entrar pola parte da muralla construída por Éaco. Apolo entendeu que este feito agoiraba que Troia sería conquistada dúas veces: a primeira, por un fillo de Éaco (que resultou ser Heracles), e a segunda por Neoptólemo (fillo de Aquiles e bisneto de Éaco).

Pero o rei de Troia, Laomedonte, negouse a pagarlles o salario que acordara con eles [9], polo que Apolo mandou unha peste sobre a cidade e Poseidón fixo xurdir do mar un monstro que devastou as terras troianas vertendo auga de mar sobre elas. A solución do oráculo para acabar co monstro foi ofrecer unha doncela troiana. Heracles apareceu cando a vítima era Hesíone, filla precisamente de Laomedonte, matou o monstro e concedeu a Hesíone como esposa a Telamón.

Deste incidente nace a xenreira de Poseidón por Troia e por esta razón Poseidón apoiará ós aqueos na Guerra de Troia [10]. Posteriormente, cando Néstor aconsella ós aqueos construír un muro para protexer os seus barcos, Poseidón protestará ante a asemblea de deuses porque esta obra iría en detrimento da súa gloria ó construír el a muralla de Troia.

Ó longo da Guerra, Poseidón intervirá repetidamente do lado dos aqueos, como cando toma a figura do adiviño Calcas (ou Calcante) e anima a Áiax o Grande e a Teucro. Isto non lle impide salvar a vida de Eneas, caudillo do exército troiano: provoca unha néboa que fai reducir a vista de Aquiles e arrinca do escudo de Eneas a lanza que lle lanzara Aquiles.

Poseidón e Atenea[editar | editar a fonte]

Os deuses quixeron elixir unha ou varias cidades para gozar nelas dunha especial veneración, pero isto provocou non poucas disputas entre os deuses cando coincidía que elixían unha mesma cidade. Por exemplo, disputou con Helios pola cidade de Corinto, pero Briareo foi nomeado árbitro entre os deuses e decideu que a cidade fora para Helios e o istmo para Poseidón. Tamén quixo a cidade de Exina pero quedóusella Zeus, así como Dioniso o venceu na elección de Naxos ou Apolo en Delfos.

Atenea (á esquerda) e Poseidón (á dereita) (Pintor de Nazzano, crátera de figuras vermellas, c. 360 a.C., Museo do Louvre)

Pero a lea máis sonada, e máis representada, foi a que mantivo con Atenea para facerse co dominio da Ática e de Atenas. Poseidón foi o primeiro en tomar posesión, e fixo brotar unha fonte ou pozo de auga salgada no alto da Acrópole [11], pero Atenea chegou e plantou unha oliveira [12], tomando a Cécrope, primeiro rei da Ática,[13] como testemuña. Para dirimir o enfrontamento entre os dous deuses, dado que Zeus prohibiulles solucionalo mediante un combate, recorreuse á mediación de Cécrope, como árbitro da disputa (outras fontes din que fora Cránao, ou mesmo a asemblea dos doce deuses olímpicos [14]). Como ninguén podía acreditar que fose Poseidón quen abrira esa fonte, Cécrope concedeu a cidade a Atenea. Tamén se di que os atenienses, por maioría dun só voto das mulleres sobre os homes, escolleron a Atenea por considerar de máis valor a árbore (as olivas, o aceite e maila madeira), nacida na rocha da Acrópole, que unha fonte de auga salgada [15].

Tampouco Poseidón aceptou o veredicto e como vinganza inundou a chaira de Triasia, onde estaba a cidade de Atene, pero a deusa trasladou a cidade á actual Atenas, e deulle o seu nome. Para aplacar o enfado de Poseidón, os ciudadanos atenienses decidiron retirar o voto ás mulleres e deixaron de utilizar o nome da nai para identificarse, adoptando desde entón o do pai.

[Xúpiter] "fai que estea en pé o deus do océano e fire as duras rochas co seu longo tridente, e do centro da ferida da rocha abrolla un mar, prenda coa que pode reclamar a cidade. [Palas] simula que a terra golpeada pola punta da súa lanza produce o froito dunha branca oliveira, ante a admiración dos deuses".
(Ovidio: MetamorfosisVI, 75-82)

Poseidón tamén lle disputou a Atenea a cidade de Trecén, e Zeus decidiu que compartisen o culto, o que non satisfixo a ningún dos dous.

Pero Poseidón foi inimigo de Atenea desde entón. Dise que Poseidón incitou a Hefesto a pedir a man de Atenea e conseguiuna, pero ela defendeu a súa virxindade coas armas; outros din que, directamente, intentou violala cando Atenea baixou á fragua de Hefesto a que lle fixera un xogo de armas para ela e Hefesto accedeu por amor, sen cobrar diñeiro. Parece ser que Poseidón lle enganou dicíndolle que Atenea viña coa idea de facer o amor con el. En todo caso, Atenea retirouse bruscamente e Hefesto exaculou pero o seme caeu sobre a perna da deusa que, co noxo, limpiouse cun copo de la e botouno ó chan. Alí fecundou a Xea (a Terra) e dela naceu Erecteión (ou Erictonio) (nado da terra), un ser monstruoso coa metade inferior do corpo en forma de serpe.

Outra cidade disputada foi Argos, que tamén pretendía Hera. Poseidón negouse a someterse ó vaticinio dos deuses porque estaban na súa contra, polo que se nomeou como árbitro a Foroneo, un rei do Peloponeso e o primeiro home que levantou unha cidade, se ben outras fontes din que o foron o deuses fluviais Ínaco, Cefiso e Asterión. O certo é que tamén decidiron a favor de Hera. A reacción de Poseidón, cheo de cólera e xa que tiña prohibido vingarse con inundacións, foi secar tódalas fontes e ríos da Argólida. Cando chegaron Dánao e as súas fillas as Danaides, non atoparon onde beber, pero Poseidón namorouse dunha delas e permitiu que abrollaran as fontes [16]. Outra versión conta que o enfado coa decisión de Foroneo provocou que Poseidón anegase a Argólida con auga salgada, ata que Hera lle obrigou a devolver o mar ó seu leito.

Outros mitos[editar | editar a fonte]

Pelias e Xasón

Pelias, rei de Iolco e fillo de Tiro e de Poseidón, foi advertido da súa próxima morte se vía un home calzado nun só pé. Ignorando a profecía, convocou un sacrificio a Poseidón ó que acudiu Xasón, pero este perdera unha sandalia ó cruzar coas présas o río. Cando o viu, Pelias comprendeu o oráculo e, para librarse de Xasón, ordenoulle ir á Cólquida [17] e traerlle o vélaro de ouro, dentro da lenda dos Argonautas. Na viaxe cara a Cólquida deron con Fineo, un adiviño cego que lles explicou o camiño a cambio de que os argonautas mataran ás Harpías. Algúns din que era fillo de Poseidón, e outros que foi este quen o deixou cego por ter revelado secretos ós fillos de Frixo. Á volta, Xasón ofrendou o barco a Poseidón e buscou a forma de que Medea matase a Pelias.

A beleza de Andrómeda, filla de Cefeo, era tal que a súa nai, Casíope (ou Casiopea), presumía de que era máis fermosa que as Nereidas; tamén se di que fora a propia Casíope a que competira en beleza con estas. Poseidón, indignado [18], esixiu que Andrómeda fose ofrecida a un monstro mariño. Pero apareceu Perseo e liberouna, casando logo con ela. Outra tradición di que a nai das nereidas, Doris, decideu invadir a terra e mandar un monstro, quizais Ceto; o oráculo augurou que o monstro desaparecería se Cefeo lle entregaba á súa filla.

Laocoonte intentou evitar inutilmente que Príamo aceptara o Cabalo de Troia no que se agocharon os gregos para poder entrar na cidade. Mentres levantaba un altar e preparaba un touro para ofrecelo en sacrificio a Poseidón [19], Apolo mandou as dúas grandes serpes que o mataron a el e ós seus dous fillos [20].

Zeus uniuse a Leto pero cando Hera se decatou prohibiu que puidera parir en ningún lugar onde chegara o sol e mandou a Pitón que a buscara e a matara. Zeus encomendouna a Poseidón e este levouna á illa de Ortigia (a carón de Sicilia), unha illa que quedaba cuberta pola ondada, así Pitón non puido atopala. Cando Pitón deixou de ser un perigo, Poseidón ergueu a illa e Leto puido por fin dar a luz a Apolo e Artemisa [21].

Dise que Zeus, Poseidón e Hermes chegaron a Tracia e foron aloxados xenerosamente polo rei Hirieo. En agradecemento ofrecéronlle conseguir o que desexara. El pediu ter fillos e entón Hermes estendeu unha pel de boi, sobre a que ouriñaron os deuses, e enterrouna. E así naceu Orión, a quen matará Artemisa [22]. Pero outras fontes din que Orión foi o fillo que tivo Poseidón con Euríale.

Poseidón xaceu unha vez coa ninfa Cenis (ou Célide) e díxolle que lle pedise o que quixera. Ela pediulle ser home, porque xa estaba farta de ser muller [23]. Poseidón accedeu e converteuna nun loitador invulnerable, Ceneo, que terminou morto polos centauros tras matar a moitos deles.

Poseidón afunde o barco de Áiax o Menor e mátao

Cando Teseo chegou a Creta, como un dos mozos atenienses que ían ser ofrecidos a Minotauro, a Minos gustoulle unha das mozas e intentou violala no mesmo porto. Teseo defendeuna aludindo que, como fillo de Poseidón, debía protexer ás virxes dos abusos dos tiranos como el. Minos burlouse porque Poseidón non se distinguía precisamente por respectar as virxes, e esixiulle que demostrara que era realmente o seu pai recupertando un anel de ouro que lanzou ó mar. Teseo botouse ó mar e os golfiños levárono ante as nereidas, que localizaron o anel e lle regalaron ademais unha coroa de ouro [24]. Así, non só puido devolver o anel a Minos senón que, ademais, gañou a coroa de ouro.

Á morte de Aquiles en Troia, Poseidón prometeu á súa nai, Tetis, que lle concedería unha illa no mar Negro onde lle ofrecerían sacrificios durante toda a eternidade [25]. Tamén no contexto da Guerra, cóntase que Atenea desfixo o barco de Áiax o Menor ó lanzar un raio contra el. Áiax sobreviviu e subiuse a unha rocha, vangloriándose ante o fracaso da deusa, e nese momento Poseidón afundiu a rocha co seu tridente e matouno; outros din que o barco afundiu por unha treboada causada por Poseidón, e que Áiax se burlaba del cando lle lanzou o tridente e o cravou contra a rocha, converténdose el e o tridente en pedra.

Matrimonios e descendencia[editar | editar a fonte]

Neptuno e Anfítrite (Jan Gossaert (Mabuse) 1516)

Intentou seducir, competindo con Zeus, á nereida Tetis, pero a titánide Temis profetizou que calquera fillo de Tetis sería máis poderoso que o pai, polo que os deuses prefiriron renunciar. Tetis casou con Peleo e Poseidón regaloulles dous cabalos inmortais, Balio e Xanto [26].

Foi entón cando pretendeu a Anfitrite. A nereida Anfitrite foi a única esposa que tivo. Cóntase que estaba ela un día coas seus irmás bailando na illa de Naxos, cando chegou Poseidón e a raptou. Outra lenda di que Poseidón a amaba desde había tempo pero que ela o rexeitaba polo noxo que lle provocaba [27] polo que foi a esconderse máis aló das Columnas de Hércules, pero foi descuberta polos golfiños, servidores do deus, que a levaron cun cortexo solemne ante Poseidón, e este desposouna e converteuna na raíña do mar. Tamén se di que quen deu con ela foi un mensaxeiro seu, Delfino, que logrou convencer a Anfitrite das bondades do seu amo ata que terminou aceptando. Por esta xestión, Poseidón converteuno na constelación de Delphinus [28].

Anfitrite deulle tres fillos: Tritón, Rode e Bentesicime, se ben outras fontes só citan a Tritón [29], o Deus dos abismos oceánicos, que axudou a Xasón e mailos seus argonautas a recuperar o vélaro de ouro. Este Tritón foi quen, despois do diluvio enviado por Zeus para exterminar a Raza de Bronce, ordenou regresar ó seu ser ós mares e ríos, tocando a súa buguina.

Algunhas fontes din que Atenea era filla de Poseidón, pero que ela renegou del e pediu ser adoptada por Zeus, que aceptou encantado [30].

Pero ademais da súa muller lexítima, Anfitrite, Poseidón tivo numerosas amantes, foran deusas, ninfas ou mulleres mortais, e con case todas elas tivo numerosa descendencia. Tódolos seus fillos foron seres maléficos e de temperamentos violentos, como tamén o foron os de Ares.

Chegado á idade viril namorouse de Halia, irmá dos Telquines, coa que tivo seis fillos e unha filla, Rodo [31]. Afrodita volveu tolos ós fillos e intentaron violar á nai, polo que Poseidón fixo que os tragara a terra; provocoulle tal dor a Halia que se botou ó mar. Non queda claro quen era Rodo e quen foi a súa nai, porque Diodoro Sículo conta que, cando Hefesto se decatou de que os fillos que lle dera a súa muller Afrodita eran, en realidade, fillos de Ares, atrapounos nus nunha rede que expuso a tódolos deuses para que visen como se deshonrara. Esixiu para liberalos a devolución dos regalos que lle fixera a Zeus, pai adoptivo de Afrodita, e Poseidón, que se namorara de Afrodita ó vela núa, ofreceuse a pagar o importe daqueles regalos e, se Ares se negara a casar con ela, el faríao encantado. Ó final, Afrodita, emocionada co ofrecemento de Poseidón, deitouse con el e deulle dous fillos, Rodo e Herófilo [32]

Seduciu a Ifimedia, filla do rei Tríopas (ou Tríope), de Tesalia, mesturándose coa auga do río Enipeo, ou ben foi ela que, namorada do deus, quedou preñada ó botarse auga do mar no colo. Con ela tivo dous fillos, os Alóadas (así chamados porque o marido de Ifimedia era Aloeo), dous xemelgos xigantes, Oto e Efialtes, que quixeron asaltar o Olimpo e foron mortos por Apolo ou ben matáronse un ó outro ó ser enganados por Artemisa. Para Pseudo-Apolodoro, Aloeo era fillo de Poseidón e Cánace.

Foi sonada a unión de Poseidón coa súa irmá Deméter, coa que tivo unha filla, só coñecida como "A Ama" e cuxo nome non se debía pronunciar, e mailo cabalo Arión. A lenda conta que Deméter non consentía o acoso do deus, preocupada como estaba por atopar á súa filla Perséfone (secuestrada por Hades), e para fuxir del transformouse en egua e ocultouse nunha eguada do rei Onco (en Telpusa [33]). Pero esta camuflaxe non só foi inútil á hora de evitar ó deus, senón que este, transformado en semental, cubriuna e desa unión naceu o cabalo Arión, así como a ninfa Despoina. Desta unión transformados en cabalos hai quen deduce que foi o creador do cabalo, aínda que xa a nai, Rea, deulle a comer a Cronos un poldro, para salvar a Poseidón acabado de nacer. O certo é que os cabalos lle están consagrados a el, e que creou as carreiras de cabalos.

"Tamén a ti, Neptuno, ... te sentiu a de loiros cabelos, a dulce nai das méses"
(Ovidio VI, 115-118)

Coa nai Terra, Xea, tivo un fillo chamado Anteo. Este tiña o costume de retar ós forasteiros a loitar con el ata esgotalos e logo matábaos. Sempre gañaba a pelexa porque era moi forte pero, ademais, porque cada vez que caía en terra recuperaba a súa forza [34], ata que chegou Heracles e, cando veu o que pasaba, rompeulle as costelas e sostúvoo no aire ata que morreu.

Outras relacións amorosas de Poseidón foron:

  • Clito era unha doncela que vivía na Atlántida, illa que pertencía ós dominios de Poseidón. Este namorouse dela e viviron nun palacio construído no centro da illa. Clito deulle fillos xemelgos por cinco ocasións, e Poseidón chamou Atlas (ou Atlante) ó maior, ó que concedeu a autoridade sobre os outros nove fillos [35].
  • Con Etra, filla de Piteo, rei de Trecén, tivo a Teseo, heroe da Ática. Cóntase que a mesma noite -ou a véspera- en que Piteo enganou a Exeo e fixo que se deitara coa súa filla Etra, esta foi ofrecer un sacrificio na illa de Esferia, e alí foi violada por Poseidón, polo que Teseo tanto pode ser fillo de Exeo como de Poseidón [36]. De feito, cando Fedra, a súa esposa, acusou falsamente ó seu fillastro Hipólito de intentar seducila, Teseo expulsou ó fillo da cidade e pediu ó seu pai Poseidón que o matara. E así foi: cando Hipólito fuxía de Atenas apresuradamente pola praia, un lobo mariño ou un touro xurdiu do mar e asustou ós cabalos do carro de Hipólito, que se debocaron e o arrastraron ata matalo [37].
  • Coa nereida Toosa tivo o ciclope Polifemo, a quen Ulises deixou cego á volta da Guerra de Troia. Cando Ulises e os seus escapaban da súa cova, Polifemo pediu ó seu pai Poseidón que, se Ulises lograba regresar á súa casa, fora tarde, tras perder a tódolos seus compañeiros e en nave allea [38]. Así mesmo, Poseidón fixo naufragar a balsa na que navegaba tras a longa estancia de Ulises coa ninfa Calipso. Ulises chegou nu á terra dos feacios e o rei agasállao e proporciónalle unha nave con escolta, pero Poseidón, anoxado, petrificou a nave e sepultou a cidade baixo un monte [39]. Cando por fin chegou a Ítaca tivo lugar o episodio da morte dos pretendentes da súa esposa, Penélope, a consecuencia do cal Ulises foi expulsado do seu reino durante dez anos. Neste exilio, Ulises tratou de vencer a xenreira de Poseidón ofrecéndolle un sacrificio dun carneiro, un touro e un xabaril, e así quedou perdonado [40].
  • Con Medusa tivo o xigante Crisaor e o cabalo alado Pegaso. Poseidón posuíu a Medusa, cando era unha fermosa moza, no interior dun templo dedicado a Atenea, polo que Hera converteu a Medusa no monstro que coñecemos.
"Ela era a de figura máis bela e codiciada por moitos, e en toda ela non había parte máis admirable que a súa cabeleira. O soberano do océano, contan, deshonrouna no templo de Minerva; a filla de Xúpiter [Atenea] volveuse e cubriuse o casto rostro coa éxida, e para que o feito non quedara impune, cambiou a cabeleira da Gorgona en feas hidras. E aínda agora, para aterrorizar e paralizar ós inimigos, leva diante do peito as serpes que creou".
(Ovidio: Metamorfosis IV, 794-803)
  • Con Amimone, a danaide mencionada antes, tivo a Nauplio. Conta a lenda que un sátiro intentou violar a Amimone mentres cazaba, ou ben mentres ía coas súas irmás a buscar auga, dada a seca que padecía o país. Ela pediu auxilio e acudiu Poseidón, que axotou ó sátiro lanzándolle o tridente, pero esquivouno e o tridente cravouse nunha rocha. A seguir, xaceu con Amimone e enxendrou a Nauplio. Este Nauplio foi un dos Argonautas. Estrabón engade que Poseidón fixo abrollar alí mesmo unha fonte, da rocha na que se cravara o tridente, que se chamou fonte de Lerna e da que nace o río Amimonio [41].
  • Con Euríale tivo o xigante Orión, cegado por Enopión cando quixo violar á súa esposa, Mérope
  • Con Antíope, filla de Desmontes ou de Eolo, tivo a Beoto e Eolo [42]. Esta Antíope é denominada Melanipe noutras fontes [43]. Cando o soubo Desmontes, ordenou cegar e encarcerar a Menanipe e que se botara ós meniños ás feras, pero veu unha vaca e aleitoounos. Foron recollidos por uns boieiros que os deron a Teano, a esposa do rei Metaponto, que non podía ter fillos propios. Pero ó final, Teano quedou embarazada e decidiu eliminar a aqueles, así que dixo ós seus fillos que os mataran aproveitando que saíran a cazar. O resultado foi que os fillos de Poseidón mataron os fillos de Teano e esta matouse cun coitelo. Poseidón confesoulles que eran fillos seus e que a nai fora encarcerada por Desmontes, así que mataron a Desmontes, liberaron a Melanipe (á que Poseidón devolveu a vista) e confesaron a Metaponto toda a verdade. Metaponto casou con Melanipe e adoptou como fillos propios a Beoto e Eolo.
  • Con Libia, filla de Épafo, tivo a Axenor e Belo [44][45].
  • Con Eurínome, filla de Niso, tivo a Belerofonte [44], aínda que adoita considerarse fillo de Glauco e Eurínome. Cando Belerofonte volvía matar a Quimera a presentarse a Ióbates, este tendeulle unha trampa con intención de matalo. Para protexelo, Poseidón mandou grandes ondas que avanzaban tras el e asolagaron a chaira fronte ó palacio.
  • Con Temisto, filla de Hipseo, tivo a Leucónoe [44]
  • Con Aretusa, filla de Nereo, tivo a Abante [44]
  • Con Agamede, filla de Auxías, tivo a Dictis [44]
  • Con Pitane, filla de Leucipo, tivo a Evadne [44]
  • Con Cálice, filla de Hecatón, tivo a Cicno [44]. Este foi abandonado e recollido na praia por uns pastores que o chamaron así porque viron descender un cisne. Cicno foi morto por Aquiles ó comezo da Guerra de Troia, ben dunha pedrada, ben facéndoo tropezar cunha pedra e estrangulándoo coas correas do helmo. Poseidón converteuno nun cisne.
  • Con Astipalea, filla de Fénix, tivo a Periclímeno e Anceo [44] [46]. Anceo foi outro dos Argonautas e quen gobernou a nave Argo ata a Cólquida, trala morte do temoneiro Tifis.
  • Con Tiro, filla de Salmoneo, tivo a Neleo e Pelias [44]. Outros considérannos fillos de Creteo e de Tiro. A lenda conta que Tiro andaba enamorada do deus fluvial Enipeo vagando polas súas beiras [47], pero este non lle correspondía. Entón, poseidón tomou a forma de Enipeo e adormeceuna para violala, á vez que levantaba unha onda xigantesca para tapar esta acción. Cando acordou, Poseidón explicoulle o acontecido e ela volveu feliz a casa.
  • Coa pléiade Celeno, filla de Atlas, tivo a Lico, Eurípilo e Tritón [48]. Ou ben, con Celeno, filla dun tal Erxeo (marcado como dubidoso), tivo a Eufemo, Lico e Nicteo [49]. Eufemo parece ser fillo de Poseidón e de Europa, filla de Ticio; foi outro dos Argonautas e recibira do pai o don de poder camiñar sobre as augas [50] e tamén participou na caza do xabaril de Calidón. Lico foi o rei de Tebas tras matar a Creonte, o seu predecesor e pai de Mégara, a primeira esposa de Heracles. Intentou tamén matar á propia Mégara e ós seus fillos, pero Heracles matouno a el; foi entón cando Hera fixo que louqueara, e cando foi Heracles quen matou os fillos.[51]
  • Coa tamén pléiade Alcíone, tamén filla de Atlas, tivo a Etusa, Hirieo [44] e Epopeo [44] [52]. E coa filla deste, Enope, tivo a Megareo [44]. Pero Grimal di que Epopeo era fillo de Poseidón con Cánace.
  • Con Cánace, Posidón tivo cinco fillos: Hopleo, Nireo, Epopeo, Aloeo e Tríope. Aloeo casou con Ifimedea, filla de Tríope, pero Ifimedea namorouse de Posidón e ía á beira do mar para botarse auga no colo. Así enxendrou de Posidón a Oto e Efialtes, chamados Alóadas [53].
  • Con Ceróesa, filla do propio Zeus con Ío, tivo un fillo: Bizante, que foi o fundador da cidade de Bizancio [54].
  • Con Teófane, filla de Bisaltes, tivo un carneiro que nacera coa pel de ouro. Esta pel sería a que se coñecería como o vélaro de ouro. A lenda conta que Poseidón levou a Teófane, unha moza fermosísima, a unha illa para escapar dos numerosos pretendentes. Estes botaron un barco para ir ata a illa e entón Poseidón converteu a moza en ovella, a el mesmo en carneiro e ós habitantes da illa en gando diverso. Pero os homes do barco, vendo que alí non había ninguén, dedicáronse a matar e comer o gando, polo que os converteu en lobos. Logo copulou con Teófane, feita ovella, e de aí naceu ese carneiro de pel de ouro [55].
  • Con Lisianasa, filla de Épafo, tivo a Busiris, rei de Exipto famoso pola súa crueldade. Cando Heracles pasou por alí buscando as mazás de ouro das Hespérides, Busiris quixo sacrificalo a Zeus, como facía tódolos anos cun estranxeiro, pero Heracles desatouse e matouno.
  • Raptou a Hipótoe, filla de Lisídice, e enxendrou con ela a Tafio. Fillo deste foi Pterelao, a quen Poseidón concedeu a inmortalidade mentres mantivera a súa cabeleira de ouro.
  • Con Quíone, filla de Bóreas, tivo a Eumolpo [44]. Quíone botou o fillo por un precipicio pero Poseidón salvouno. Xa adulto, foi o rei de Eleusis e atacou Atenas, pero foi derrotado e morto polas tropas de Erecteo, rei da cidade. Poseidón, para coutar a alegría de Erecteo, esixiu o sacrificio dunha das súas fillas, Ctonia (ou Otionia), que foi voluntariamente ó altar e foi degolada polo pai, pero as outras fillas de Erecteo fixeran o xuramento de darse morte se unha delas morría, e matáronse trala morte de Ctonia. Zeus matou a Erecteo cun raio ante a petición de vinganza que lle fixo Poseidón.
  • Con Melia, filla de Busiris, tivo a Ámico [44]. Este foi rei dos bébrices e inventor do boxeo: mataba a puñadas ós estranxeiros que chegaban a Bitinia. Cando aportaron os argonautas foron retados por Ámico e foi Pólux quen aceptou o reto e venceu. Pólux fixo xurar solemnemente a Ámico que no futuro respectaría ós visitantes; outras fontes din que o venceu e o matou [56]. Para aplacar ó pai de Ámico, Poseidón, ofrecéronlle un sacrificio de vinte touros vermellos.
[Ámico] "presentándose na 'Argo', invitou a baterse a puñadas ó mellor entre eles. Polux aceptou baterse con el e matouno dun golpe no cóbado".
(Pseudo-Apolodoro I, 9, 20)

Tamén foron fillos de Poseidón os seguintes:

  • Cerción (outras fontes din que sería fillo de Hefesto, ou de Branco e a ninfa Arxíope [57]), obrigaba ós viaxeiros a pelexar con el e matábaos despois de vencelos. Teseo loitou con el e matouno tras erguelo no aire e botándoo ó chan violentamente. Tamén se di que este Cerción tivo unha filla, Álope, á que desvirgou Poseidón. Desta unión naceu un fillo, pero Poseidón deuno para que o abandonaran. Alimentouno unha egua e foi recollido por uns pastores, que o chamaron Hipótoo (ou Hipotoonte). Cerción terminou enterándose e ordenou matar a Álope, que foi transformada por Poseidón nunha fonte. Cando Teseo matou a Cerción, Hipótoo pediulle o trono do seu avó e Teseo doullo.
  • Escirón (algúns autores fano fillo de Pélope) era un home cruel que vivía nas terras de Mégara. Colocado á beira do mar sobre un acantilado, obrigaba ós camiñantes a lavarlle os pés e, cando o estaban facendo, botábaos polo acantilado abaixo, onde unha tartaruga xigante devoraba os corpos. Tamén foi morto por Teseo botándoo polo mesmo acantilado.
  • Lamo, rei dos lestrigóns, un pobo antropófago que vivía en Italia.
  • Corinetes, sobrenome de Perifetes, pola maza coa que mataba ós viaxeiros que entraban en Epidauro. Matouno Teseo [58].
  • Procustes [59], que tiña dúas camas para os visitantes, unha pequena e outra grande (outros autores, como Diodoro, din que só tiña unha cama). Se o forasteiro era alto, acostábao na cama pequena e cortáballe o que lle sobraba, pero se era pequeno acostábao na cama grande e estirábao ata chegar á longura do leito. Matouno tamén Teseo.
"Este, dono dunha vivenda ó bordo do camiño, dispoñía de dúas camas, unha curta e outra longa. Invitaba á súa casa ós caminantes e ós de baixa estatura acostábaos na longa e golpeábaos a marteladas para que se igualasen coa cama, mentres que ós altos acostábaos na curta e serfraba o sobrante do seu corpo".
(Pseudo-Apolodoro, Epítome I, 4)
  • Coa ninfa Éurite tivo a Halirrotio, que intentou violar a Alcipe, filla de Ares, polo que este o matou. Poseidón acusou a Ares de asasinato, e este foi xulgado polos doce deuses, resultando absolto [60].
  • Sarpedón. Matouno Heracles por haberse comportado insolentemente con el en Eno (Tracia).

Dise que o río Asopo era fillo de Poseidón e Pero, pero adoita considerarse fillo de Océano e Tetis. Tamén hai que o fai fillo de Zeus e Eurínome. Unha das fillas de Asopo, Salamina tivo con Poseidón un fillo, Cicreo [61]. Outra filla de Asopo, Exina, foi raptada por Zeus.

Tamén tivo amores, sen que conste que tiveran fillos, con Escila, filla de Forcis. A celosa Anfitrite converteuna, botando unhas herbas máxinas na auga do seu baño, nun monstro mariño, con corpo de muller e cola de peixe, e seis cabezas de can saíndo da súa cintura, cada unha con tres fieiras de dentes. Ademais, emitía un ouleo semellante ó dun can. Posteriormente, Escila transformouse nunha rocha que, xunto a Caribdis, limita o estreito paso de Mesina, entre Sicilia e Calabria (Italia).

Pero non faltaron tampouco amores homosexuais, como o que mantivo con Pélope. Pélope era o fillo de Tántalo, quen o matou, partiu e cociñou para un banquete ofrecido ós deuses. Tódolos deuses recoñeceron a orixe da carne que lles ofreceu e rexeitaron comer, menos Deméter, que comeu a escápula esquerda antes de darse de conta. Zeus condenou a un castigo eterno a Tántalo e ordenou a Hermes recoller tódalas partes de Pélope. Volveuno a ferver a resucitouno, cunha escápula de marfil para substituír a que comera Deméter. E resucitou tan fermoso que Poseidón se namorou del e nomeouno o seu copeiro [62].

Iconografía[editar | editar a fonte]

Poseidón de Artemision (Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas)

Poseidón é coñecido desde o segundo milenio a.C. e aparece nomeado en táboas micénicas. O seu dominio abarcaba as ondas, as mareas, as treboadas, e tamén os terremotos. Rendíaselle culto para protexer as costas de asolagamentos.

Represéntase como un home adulto, barbado e musculado [63], moitas veces con diadema. Nun principio está ben peiteado pero pronto se reflictirá co cabelo e barba alborotados. Tamén pode verse como un nobre, con túnica longa e manto e máis infrecuentemente nu ou apenas cuberto pola túnica. Vai armado cun raio que a partir do século VI a.C. será substituído por un tridente, que reflicte o trebello utilizado polos pescadores de atún. A posición pode ser en pé, ergueito, sentado sobre un trono ou montado sobre un carro tirado por cabalos de mar, golfiños ou seres híbridos metade cabalos, metade serpes; outras veces aparece montado sobre un golfiño, unha gran cuncha ou sobre unha áncora. En ocasións, vai de a cabalo dun touro.

O seu atributo característico é o tridente ou, ás veces, un cetro. Pode soster na outra man un golfiño ou un atún. Tamén lle son propios os golfiños e outros animais mariños que adoitan representarse rodeando o seu carro, xunto a nereidas e xenios; existen textos antigos nos que tamén figura o arado entre os seus atributos [64].

Neste tetradracma represéntase a Atenea, simbolizada no moucho, e unha poliña da oliveira que fixo crecer en Atenas (450-400 a.C.)

O Poseidón triunfante, rodeado da súa corte de nereidas e tritóns, é unha imaxe típica. Outros episodios representados na arte con maior frecuencia son a súa voda con Anfitrite ou a súa loita con Atenea por facerse co dominio da Ática. Na asemblea dos deuses adoita asistir acompañado por Anfitrite. Unha imaxe súa representativa é o Poseidón de Artemision (c. 460 a.C.), unha escultura achada en 1928 que o representa nu, en pé e en actitude de lanzar o tridente (que non se recuperou) existe un relevo romano onde se ve co tridente na man, o que descarta a confusión coa figura de Zeus [65].

En Roma, Neptuno adoita representarse (sen que desapareza a imaxe do deus ergueito) entronizado no seu carro tirado por tritóns, cabalos ou ictiocentauros [66]. Ó seu arredor figúrase todo un paisaxe mariño, con deuses, peixes, monstros, nadando nun mar con forte ondaxe, case sempre en compañía de Anfitrite. Para resaltar a súa imaxe entre tanto personaxe, os deuses adoitan levar nimbo. Paralelamente, tamén Anfitrite aparecerá en fontes e xardíns, soa ou acompañando a Neptuno, nunha imaxe de calma e harmonía oposta á imaxe colérica do deus [67].

Co paso do tempo, as imaxes de Poseidón van diminuíndo, suplantado en boa parte polas de Océano, así como as de Anfitrite, que vai tomando a iconografía de Tetis, pero reaparece no Renacemento: Da Vinci fai un debuxo inspirado nun sarcófago romano (1504), Peruzzi na Vila Farnesina (1511), ou Mabuse (1516). O almirante xenovés Andrea Doria faise pintar por Bronzino imitando a figura de Neptuno, para representar o seu dominio sobre o mar.

Fonte de Neptuno (praza da Mercé, Barcelona, 1826)

A discusión con Atenea polo dominio da Ática gozou de gran predicamento entre os artistas, empezando polo frontón occidental do Partenón (c. 430 a.C.) e que chega ata os nosos días.

Canto á participación de Poseidón na Guerra de Troia, destaca o tema iconográfico creado a partir do momento en que calma os ventos que ameazaban con afundir as naves troianas que Eneas capitanea para fuxir da cidade, trala conquista dos aqueos. Hera incitara ós Ventos para que provocaran unha forte treboada contra os troianos, e Poseidón, irritado, avísaos por atreverse a actuar sen o seu consentimento coas palabras "Quos ego!" (¿A quen eu?),[68] que deron lugar a unha temática propia representada por artistas como Rafael ou Rubens. Nestas obras, Poseidón aparece en primeiro plano, sobre un mar tempestuoso, e ó fondo vense as naves de Eneas.

Os múltiples amores e fillos de Poseidón apenas foron representadas polos artistas, aínda que si se observan casos como a unión con Medusa e o nacemento de Pegaso en vasos do século V a.C., ou a unión de Poseidón con Deméter transformados en cabalos. Si que se representa con máis frecuencia a súa relación con Amimone [69], en obras de Van Loo, Boucher.

O fillo, Tritón, represéntase coa metade anterior do corpo de cabalo, incluídas as patas, e a metade posterior de peixe pero tamén coa metade anterior de cabalo e a posterior de ave, con ás.

Finalmente, cómpre lembrar que a figura de Poseidón (ou Neptuno) acae perfectamente para decorar fontes, estanques, prazas e xardíns, moda que se estende a partir do século XVI. Este uso continuará durante o Barroco e ata a arte contemporánea [70].

Galería de arte[editar | editar a fonte]

Outras interpretacións[editar | editar a fonte]

Existe a teoría de que a orixe do mito de Poseidón está nas tribos indoeuropeas que chegan á Hélade facendo retumbar a terra cos cascos dos seus cabalos. Como sexa que en Grecia non había terra plana, salvo o mar, e o ruído da ondaxe semellaba ó do galopar dos seus cabalos, converteron ese deus dos cabalos en deus do mar e ofrecéronlle sacrificios de cabalos. Outros mitógrafos cren que Poseidón foi un deus subterráneo preindoeuropeo [71].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carracedo Fraga, J. (1999). "Aloidae". Diccionario latín-galego. Editorial Galaxia. ISBN 9788482883182. 
  2. Enciclopedia Galega Universal, Ir Indo 2002, tomo XIV, s. v. Posidón. A EGFU non recolle a forma Poseidón.
  3. Elvira Barba, px. 130).
  4. Outras tradicións, más frecuentes na época clásica fan a Poseidón irmán menor de Zeus, se ben tradicionalmente se segue a orde contraria.
  5. Esta repartición aparece desde os tempos da Ilíada e cómpre lembrar que os ríos tiñan as súas propias divindades.
  6. Dise que foron eles os que fabricaron o tridente co que se arma Poseidón, e a fouce de pedernal dentado coa que Zeus castrou a Cronos. A tradición máis estendida di que o tridente o fixeron os Ciclopes cando foron liberados por Zeus (á vez que o raio de Zeus e o casco de invisibilidade de Hermes), e a fouce utilizada para castrar a Cronos, de aceiro ou de pedernal, fixéraa Xea.
  7. Segundo Estrabón (X, 5, 16), Poseidón enterrou a Polibotes baixo unha rocha da illa de Cos, formando así a illa de Nísiros.
  8. Outros din que foron Poseidón e Éaco quen as construíron, mentres Apolo tocaba a lira e coidaba do gando de Laomedonte (Graves, px. 676.
  9. Hixino di que se negou a cumprir a promesa de sacrificar en honor ós dous deuses o mellor animal que nacera en Troia ese ano (Hixino, 89), ou todo o gando que nacera en todo o ano (Graves, px. 576).
  10. Os aqueos foron unha das catro tribos principais nas cales o pobo da Grecia clásica se dividía a si mesmo, xunto cos eolios, xonios e dorios.
  11. Segundo algunhas fontes, un mar. En versións tardías, latinas, do mito foi un cabalo o que fixo xurdir.
  12. Grimal di que esta oliveira aínda se podía ver na cidade no século II. Pseudo-Apolodoro di que era o que "actualmente se exhibe no Pandrosio" (III, 14, 1).
  13. Que tiña o corpo mesturado de home e de serpe e de quen se di que era fillo da Terra.
  14. Que non puido tomar unha decisión pois tódolos deuses apoiaban a Poseidón mentres que tódalas deusas secundaban a Atenea.
  15. Esta versión procede de Varrón e recolleuna Santo Agostiño (354-430) no seu tratado A cidade de Deus. Conta que en Atenas apareceron de repente auga e unha oliveira, e que o oráculo de Delfos respondeu que a auga era a marca de Poseidón e a oliveira a de Atenea, tendo que decidir os cidadáns cal dos dous deuses debía dar nome á cidade.
  16. Tamén se di que foi o río Lerna o que deixou que continuara fluíndo.
  17. Antigo reino situado na costa oriental do mar Negro, hoxe pertencente a Xeorxia.
  18. Lémbrese que a esposa de Poseidón, Anfitrite, era unha das nereidas.
  19. Os troianos mataran anos antes ó sacerdote de Poseidón, acusándoo de non evitar o ataque dos gregos, e Laocoonte oficiaba agora como tal.
  20. Hixino, 135; Graves, px. 752.
  21. Hixino, 140.
  22. Hixino, 195.
  23. Ovidio conta que Poseidón a violou mentres se bañaba nunha praia apartada, e ela pediulle ser home para que nunca tivese que volver a sufrir semellante aldraxe (Metamorfosis XII, 195-203).
  24. Que outros din que lle regalou Ariadna.
  25. Graves, px. 735.
  26. Pseudo-Apolodoro III, 13, 5.
  27. Obsérvese a analoxía entre Hera, que rexeitaba a Zeus; Perséfone, que rexeitaba a Hades; e, agora, Anfitrite e Poseidón.
  28. Graves, px. 70.
  29. Na mitoloxía, eran tres fillas, pero a Tritón pronto se lle dá sexo masculino. Tritón comezou sendo o fillo de Poseidón e Anfitrite, pero pronto pasou a designar xenericamente a seres híbridos coa parte superior do corpo de forma humana, e a parte inferior de forma de peixe.
  30. Graves, px. 55.
  31. Desta filla vénlle o nome á illa de Rodas
  32. Graves, px. 79-80.
  33. Grimal, s. v. Arión
  34. Propiedade que lle concedera a súa nai Xea.
  35. Grimal, s. v. Atlántida.
  36. Segundo Plutarco, foi o propio Piteo que difundiu esta versión só para que Teseo fose considerado fillo de Poseidón, moi reverenciado na súa tierra de Trecén (Plutarco: Teseo, 6).
  37. Hixino, 47; Graves, px. 391; Pseudo-Apolodoro Epítome I, 19.
  38. Graves, px. 777.
  39. Pseudo-Apolodoro, Epítome VII, 24-25.
  40. Graves, 795-795; Pseudo-Apolodoro, Epítome VII, 34.
  41. Ou ó revés, fonte Amimone, da que xorde o río Lerna.
  42. Hixino 157, que os denomina Beoto e Helén.
  43. Hixino 186.
  44. 44,00 44,01 44,02 44,03 44,04 44,05 44,06 44,07 44,08 44,09 44,10 44,11 44,12 44,13 Hixino: Fábulas 157.
  45. Hixino di que Belo foi o primeiro en loitar cunha espada, e que por iso 'guerra' se di bellum (Hixino, 274, 22.
  46. Non obstante, este parece ser un erro de Hixino, pois as outras fontes din que os fillos que tivo de Astipalea se chamaban Eurípilo e Anceo, e fan a Periclímeno fillo de Neleo e, por tanto, neto de Poseidón.
  47. Críase que a auga dos ríos preñaban ás mulleres que se bañaban nel.
  48. Grimal, s.v. Celeno. O mesmo Grimal di que Tritón se considera fillo de Poseidón e a súa esposa Anfitite (s.v. Tritón).
  49. Hixino: Fábulas 157, 3).
  50. Hixino, 14,15. Pseudo-Apolodoro apón este poder a Orión, outro fillo de Poseidón (I, 4, 3).
  51. Heracles furioso, traxedia de Eurípides.
  52. Pseudo-Apolodoro di que este terceiro fillo se chamaba Hiperénor (III, 10, 1).
  53. Apolodoro, I, 7, 4.
  54. Grimal, s.v. Bizante.
  55. Grimal, s.v. Teófane.
  56. Hixino, 17; Graves, px. 641.
  57. Pseudo-Apolodoro, Epítome I, 3.
  58. Hixino, 138.
  59. Pseudo-Apolodoro dálle o nome de Damastes ou Polipemón (Epítome I, 4).
  60. O xuízo tivo lugar na Acrópole, no que a partir de entón se coñecerá como "Areópago" (outeiro de Ares) (Julia García Moreno en nota ó pé na Biblioteca mitológica, px. 205).
  61. Pseudo-Apolodoro III, 12, 7.
  62. Como fixera Zeus con Ganimedes.
  63. Nas representacións máis antigas pode aparecer imberbe.
  64. Elvira Barba, px. 129.
  65. Elvira Barba, px. 129.
  66. Centauros mariños, con torso humano, corpo de cabalo e sola de peixe.
  67. Algunha destas obras titulouse erroneamente Neptuno e Tetis, por erro do artista ou do intérprete (Elvira Barba, px. 132).
  68. Virxilio: Eneida I, 124-139.
  69. Que tamén se recolleu no drama Amimone, de Esquilo.
  70. Como tal, Picasso realizará cerámicas coas figuras de Neptuno escuro e Neptuno brillante (1968).
  71. Elvira Barba, px. 127.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CARMONA MUELA, Juan: Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal/Istmo, 5ª ed, 3ª reimpr. 2018, 27.
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 127-135.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 69-74 e outras.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Posidón e outras.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • VIRXILIO: Eneida. Alianza Editorial, 1ª Ed 1986 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Outros artigos[editar | editar a fonte]