Erecteion
Erecteion | |
---|---|
Erecteion, vista do conxunto | |
Presentación | |
Nome local | Ἐρέχθειον |
Localización | Atenas, Grecia |
Estilo | Arquitectura clásica |
Tipo | Templo grego |
Propietario | Goberno de Grecia |
Declaración | Patrimonio da Humanidade |
Construción | |
Inicio | 421—406 a. C. |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Mnesicles, Calícrates ou Filocles |
O Erecteion (en grego: Έρέχθειον Erechtheion) é un templo grego erixido no lado norte da Acrópole de Atenas na honra aos deuses Atenea Poliás, Poseidón e Erecteo, rei mítico da cidade. De orde xónica, áptero, é un dos máis fermosos monumentos arquitectónicos gregos. A súa construción atribúese ao arquitecto Mnesicles, autor tamén dos Propileos. O Erecteion está feito de mármore do Pentélico. A súa construción iniciouse no -421 e rematouse no -406. O seu nome, que significa «o que sacode a Terra », designa o alcume ático de Poseidón.
O Erecteion substituíu o templo arcaico de Atenea Poliás que se atopaba entre o Partenón e o lugar actual, que fora destruído polos persas no -480 no tempo das Guerras médicas.
De planta irregular, polo declive do terreo, consta de tres pórticos. Un deles, a cara sur, é a famosa tribuna das Cariátides, que indicaba a tumba do mítico rei Cécrope. Consta de seis columnas con figura de muller de 2,3 metros de altura, que sosteñen o entaboamento. As que se atopan in situ son copias exactas das orixinais, das que 5 se atopan no Museo da Acrópole, e a sexta no Museo Británico de Londres. A tribuna contaba con decoración policromada.
O templo atópase na localización da Acrópole primitiva e agrupaba algunhas das reliquias máis antigas e máis sacras dos atenienses; é neste lugar onde tivo lugar a disputa entre Atenea e Poseidón, podéndose ver a marca do seu tridente sobre unha rocha. Áchase alí tamén o Paladio, unha estatua de Atenea, consagrada por Cécrope, o rei mítico do Ática, e onde se cre que ela caera do ceo; as tumbas de Cécrope e de Erecteo; no sur, unha capela dedicada a Pándroso, a filla de Cécrope; un pozo de auga salgada e a oliveira sacra, que Atenea deu á poboación trala súa disputa con Poseidón.
Historia
[editar | editar a fonte]A construción do templo, tal e como é visible hoxe, foi comezada durante a guerra do Peloponeso. Comezou cando a tregua da Paz de Nicias no -421 e foi rematado entre o -409 e o -405, probablemente no -406. Pouco tempo despois, no ano -403, Atenas tivo que capitular fronte a Esparta, entrou na liga do Peloponeso e viu a súa democracia substituída pola tiranía dos Trinta.
O templo foi modificado e danado en varias ocasións, de xeito que o seu acondicionamento interior orixinal está suxeito a controversia. Foi primeiro danado por un incendio durante o período clásico, se cadra ata antes de ser rematado, e foi restaurado. A cella oeste foi modificada no -377 e no -27.
No século VII, o Erecteion foi transformado en igrexa bizantina; os muros interiores foron destruídos e outros foron edificados. Durante o período otomán, o templo sufriu outros danos. En 1463, foi transformado para aloxar ao harén do comandante turco da Acrópole e o pórtico norte foi tapiado. Máis adiante foi empregado como polvoreira.
A fin do edificio orixinal tivo lugar cando os Venecianos combateron aos otománs, estourando a polvoreira, destruíndose o teito e danando outros monumentos atopados preto do templo.
Máis tarde, Thomas Bruce, sétimo conde de Elgin e embaixador británico en Constantinopla, fixo quitar unha das cariátides así como numerosas esculturas do Partenón e vendeunas ao goberno británico. Esta estatua áchase actualmente no Museo Británico. O edificio foi reconstruído no século XIX.
As outras cinco cariátides áchanse na actualidade no Museo da Acrópole, protexidas da corrosión e da polución. As seis estatuas que se atopan no sitio son réplicas exactas das orixinais.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Pericles, nos seus plans de acondicionamento da Acrópole e despois do Partenón, para render homenaxe á tradición, decidiu a construción dun edificio novo destinado a reagrupar as antigas reliquias dos fundadores míticos da cidade e a lembrar as divindades que disputaron para conseguir o seu padroado.[1]
O arquitecto foi se cadra Filocles,[2] quen conseguiu conciliar nun único edificio as necesidades dos diversos ritos, así como os problemas impostos por un terreo irregular, que a tradición non permitía nivelar; é máis, xustamente xogando con tales irregularidades, realizou unha das construcións máis orixinais da arte clásica. O templo está construído sobre unha pendente, de xeito que os lados norte e oeste atópanse ao redor de 3 metros máis baixos que os lados sur e leste.
Outras fontes citan a Calícrates ou Mnesicles como autores do proxecto. Mais os gustos evolucionaran e a armadura moral da cidade cambiou chegando o triunfo da orde xónica. A necesidade de preservar os sitios sacros, explica probablemente a complexidade da concepción.
Descrición
[editar | editar a fonte]O templo non está dedicado a unha divindade en particular, senón que está constituído de varios santuarios.
Tres destes santuarios están dedicados a Atenea, Poseidón e Zeus. Suponse que os outros dous santuarios están dedicados a Cécrope e Erecteo, dous famosos reis atenienses. O Erecteion componse dun corpo principal, dous pórticos norte e sur e de varios corpos engadidos. O corpo principal consiste en catro partes que non representan máis que a metade dun proxecto inicial que non foi xamais rematado.
O Erecteion preséntase como un gran templo xónico con dúas cellas, unha dedicada a Atenea con pronaos hexástilo mirando ao leste, e a outra consagrada a Poseidón-Erecteo, á que se accede a través dun amplo vestíbulo polo lado setentrional do templo, con catro columnas na fronte e unha a cada lado.
O máis grande, ao leste, é unha cella cun pórtico xónico. O pórtico ademais, dá acceso ao Pandroseion, o santuario de Pándrosa, a quen Atenea confiara a Erictonio cando este era neno; neste lugar atopábase a oliveira sacra da deusa.
No lado norte, hai outro gran pórtico con columnas e ao sur atópase o famoso pórtico das Cariátides, onde seis estatuas de mulleres novas drapeadas serven de columnas soportando o entaboamento.
Estas mulleres representan cidadás da cidade de Cariátide (cidade do Peloponeso). Por haber colaborado a cidade co invasor persa, os atenienses declaráronlles a guerra e venderon ás súas mulleres como escravas. Para que servise de exemplo, estas estatuas foron esculpidas en mármore para lembrar a sorte dos que colaboraron.
O Erecteion intacto foi descrito extensamente por Pausanias.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Erecteion |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alonso Pereira, José Antonio (2005). Introducción a la historia de la arquitectura: de los orígenes al siglo XXI. Barcelona: Ed. Reverté. ISBN 84-291-2108-0.
- Lefèvre, André (1867). Las maravillas de la arquitectura. (traducido por M. Soriano Fuertes). París: Libreria de L. Hacchette y cía.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- https://web.archive.org/web/20050315081622/http://francoib.chez.tiscali.fr/rodier/rodsanct/grsp35.htm
- https://web.archive.org/web/20060528224950/http://pro.wanadoo.fr/quatuor/art_histoire_c23_0102c.htm
- http://ancient-greece.org/architecture/erechtheion.html
- http://www.perseus.tufts.edu/cgi-bin/architindex?lookup=Athens,+Erechtheion
- http://home.comcast.net/~apollophotos/photos/greece/athens/acropolis/pt2.html
- https://web.archive.org/web/20061217151723/http://www.mlahanas.de/Greeks/Arts/Architect.htm
- http://www.archaeonia.com/arts/architecture/erechtheion.htm Arquivado 01 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
- 1-Gigapixel, zoomable image of the Erechteum[Ligazón morta]
- Erecteion
- Erecteion
- Hellas.net, Erecteion: Visitas virtuais 360º & fotografías panorámicas[Ligazón morta] (ingles)
- O Erecteion