Titanomaquia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A derrota dos titáns, por Cornelis van Haarlem.

Na mitoloxía grega, a Titanomaquia (en grego antigo Τιτανομαχία Titanomakhía) foi unha longa guerra entre Zeus e os seus irmáns, os deuses olímpicos, co apoio doutros personaxes, contra Cronos e os seus irmáns, os titáns. Trala vitoria de Zeus, os titáns foron encadeados e condenados ó Tártaro e Zeus converteuse no Deus do Olimpo.

Ó lado de Zeus combateron os deuses Hestia, Hera, Deméter, Poseidón e Hades, a deusa Hécate (descendente de Xea e Ponto). Tamén Prometeo e Epimeteo (fillos de Xapeto). Avanzada a guerra, Zeus viuse obrigado, trala profecía de Xea, a liberar os Hecatonquiros e os Ciclopes para que o axudaran.

Fronte a Zeus, ademais de Cronos, loitaron os outros titáns (Ceo, Hiperión, Crío e Xapeto), así como Atlas e Menecio (tamén fillos de Xapeto).

Mantivéronse neutrais o titán Océano e as seis titánides (Tetis, Rea, Temis, Mnemósine, Febe, Dione e Tía). Elvira Barba afirma que Rea, Temis e Mnemósine apoiaron claramente a Zeus.

Algúns autores, como Ovidio, confúndena coa Xigantomaquia, a pesar das múltiples diferenzas entre ambos mitos.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Titanomaquia, templo de Artemis en Corfú

Hesíodo describe a Titanomaquia na súa Teogonía. Explica que durante anos se enfrontaron na guerra os titáns e os deuses sen que a vitoria se decantase por ningún dos dous bandos. Foi entón cando Xea comunicou a Zeus unha profecía, segundo a cal só coa axuda dos Ciclopes e os Hecatonquiros conseguirían vencer. Zeus liberounos das súas cadeas no Tártaro e deunos a comer néctar e ambrosía, alimentos dos propios deuses olímpicos, e pediulles a súa axuda para loitar contra os titáns.

Axiña aceptaron prestar a axuda solicitada e comezou o combate final, que por fin se mostrou favorable ós Deuses, porque a forza dos Ciclopes e dos Hecatonquiros, que lanzaban enormes rochas cos seus cen brazos contra os titáns, xunto a toda a forza dos raios de Zeus, fixo retroceder ós titáns, para rematar encadeándoos e lanzándoos ó Tartaro, onde quedaron pechados para sempre e vixiados por Coto, Gies e Briáreo.

De todas formas, o desenvolvemento da Titanomaquia resulta confuso e contraditorio nos textos dos diferentes autores clásicos. A iconografía conservada sobre o mito é escasa (unha crátera de bronce de Rodas e un frontón dun templo de Corfú). Tampouco na pintura moderna se tratou o tema (coa excepción de John Flaxman, que realmente utiliza un momento da Xigantomaquia). Elvira Barba suxire que esta ausencia pode deberse á dificultade de representar unha guerra entre un fillo, Zeus, contra o seu pai, Cronos, para destronalo.

Unha vez rematada a guerra coa vitoria dos deuses olímpicos, Zeus e os seus irmáns repartíronse o mundo de xeito que Zeus quedou como soberano do ceo, Poseidón do mar e Hades co mundo subterráneo. Esta repartición ben puido facerse por sorteo, segundo Pseudo-Apolodoro, ben por decisión de Zeus como rei superior, segundo Hesíodo. Un artista anónimo, que algúns identificaron con Caravaggio, pintou no Casino Ludovisi (en Roma) ós tres deuses en torno á esfera do mundo.

"Eles botaron a sortes o poder, e a Zeus correspondeulle o dominio do ceo, a Posidón o do mar e a Plutón o de Hades".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 2, 1)
"Unha vez que os felices deuses remataron su trabajo e decidiron pola forza cos Titáns as súas competencias, entón, por consello de Xea, pediron ó olímpico Zeus, de ancha faz, que reinara e gobernara sobre os Inmortais e el distribuíu ben entre estes as atribucións".
(Hesíodo: Teogonía 882-885)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ªed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel (2017): Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed.
  • GRIMAL, Pierre (1981): Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto]
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA