Ninfa (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hilas e as ninfas, de John William Waterhouse (1896).


Na mitoloxía grega, unha ninfa é un ser mitolóxico membro dun grande grupo de espíritos femininos da natureza, ás veces unidos a un lugar ou orografía particular. As ninfas adoitaban acompañar a varios deuses e deusas, e eran con frecuencia o obxectivo de sátiros luxuriosos.

As ninfas son as personificacións das actividades creativas e alentadoras da natureza. A palabra grega νύμφη significa ‘noiva’ e ‘virxe’, entre outras cousas; ou sexa, unha muller en idade casadoira. Outros fan referencia a esta palabra (e tamén á latina nubere e mais á alemá Knospe) como unha raíz que expresa a idea de ‘crecer’ (segundo Hesiquio de Alexandría, un dos significados de νύμφη é ‘botón de rosa’). O lar das ninfas está nas montañas e arboredas, nos mananciais e ríos, nos vales e nas frías grutas. Con frecuencia son o séquito de divindades superiores: de Ártemis a cazadora, de Apolo o profeta, do esmorgueiro e deus das árbores Dioniso, do mensaxeiro Hermes e tamén de deuses rústicos como Pan, deus dos pastores.