Ióbates

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ióbates, sentado, con Belerofonte e Pegaso (Aleksandr Andréyevich Ivánov, 1829)

Ióbates foi un rei de Licia [1], relacionado coa lenda de Belerofonte e Quimera.

Acolleu a Preto cando este foi expulsado de Argos polo seu irmán Acrisio, e casouno coa súa filla Estenebea (ou Antea, segundo Homero); logo organizou un ataque contra Acrisio e restituíu a Preto no trono, concedéndolle a cidade de Tirinto. Por outra banda, Belerofonte, fillo de Glauco, matara accidentalmente ó rei de Corinto, Delíades (quizais irmán de Belerofonte [2]), e tivo que fuxir da cidade. Foi a Tirinto, onde foi purificado por Preto.

Estenebea intentou manter relacións con Belerofonte pero este rexeitouna. Entón, ela acudiu ó seu home, Preto, dicíndolle que Belerofonte intentara seducila, e Preto creuna. Por respecto á lei de hospitalidade, Preto non podía matar a Belerofonte coas súas mans, polo que o mandou onda Ióbates a entregarlle unha carta na que lle pedía que o matara: "Prégoche que borres deste mundo ó portador desta carta. Intentou violar á miña esposa, a túa filla" [3].

[Estenebea] "díxolle a Preto que Belerofonte lle fixera proposicións deshonestas. Preto creuna e entregoulle unhas cartas para que as levase a Ióbates, nas que escribira que matase a Belerofonte".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 3, 1)

Íobates, no canto de cumprir directamente o encargo, mandoulle buscar e matar a Quimera, un ser monstruoso con cabeza de león, corpo de cabra (ou unha cabeza de cabra nas costas) e cuartos traseiros de serpe ou dragón. Ióbates daba por feito que Belerofonte nunca o podería conseguir e que morrería no intento, pero este a matou a frechazos desde a seguridade que lle daba volar sobre o seu cabalo alado Pegaso.

Vindo que Belerofonte sobrevivira a este traballo, mandouno a loitar contra os sólimos, un pobo próximo belicoso e moi feroz, e tamén os venceu. Mandoulle entón a loitar contra as Amazonas, e tamén resultou vitorioso. Así mesmo, acabou cunha banda de piratas ás ordes de Quimárroo. Entón, Ióbates decidiu acabar con el dunha vez e ordenou a un grupo escollido dos seus soldados que organizaran unha emboscada cando regresara, e que lle deran morte. Pero Belerofonte, que sabía da trampa que lle esperaba, pediu a Poseidón que o protexera e o deus mandou grandes ondas que foron asolagando tras el a chaira do palacio. Como ninguén podía conseguir que se retirase, as mulleres da cidade foron núas cara el para deixarse posuír e aplacar a súa cólera, pero Belerofonte rexeitounas e retirouse, e con el retiráronse as augas [4]. Outras fontes din, simplemente, que venceu ós soldados e matou a todos eles [5].

Ante estes feitos, Ióbates quedou admirado e recoñeceu a orixe divina do heroe. Mostroulle a carta recibida de Preto, pois xa non cría que violara a Estenebea, e invitoulle a quedarse ó seu servizo, casándoo coa súa filla Filónoe (ou Anticlia, ou Casandra, ou Alcímene), coa que tivo dous fillos e unha filla, Laodamía, que se uniría a Zeus para enxendrar o heroe Sarpedón. Hixino conta que cando Estenebea o soubo, suicidouse [6].

Cando Íobates morreu, Belerofonte herdou o reino.

Sófocles escribiu unha traxedia, baixo o título de Ióbates, que non se conserva.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Unha rexión da costa suroeste de Asia Menor.
  2. As distintas fontes danlle diversos nomes, un deles Bélero, do que lle viría o nome: o matador de Bélero (Graves, px. 278).
  3. Graves, px. 278.
  4. Graves, px. 279.
  5. Pseudo-Apolodoro II, 3, 2.
  6. Hixino: Fábulas 57, 4. Lémbrese que Estenebea e Filónoe eran irmás.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]