Teófane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Teófane era a filla do rei Bisaltes, de Tracia.

A causa da súa extraordinaria beleza, Poseidón namorouse dela e, para librarse dos numerosos pretendentes que a solicitaban, raptouna e levouna a unha illa apartada, Crumisa [1]. Pero estes souberon onde estaba agochada e botaron un barco para ir buscala. Entón, Poseidón converteuse en carneiro e á moza e a tódolos habitantes da illa en ovellas.

Cando chegaron os nobles no barco, vendo que alí non había ninguén, dedicáronse a matar e comer o gando, polo que Poseidón os converteu en lobos, como castigo. Logo copulou con Teófane, en forma de carneiro el e de ovella ela [2], e desta unión naceu un carneiro coa pel de ouro [3]. Este carneiro sería o que salvou a vida de Frixo e Hele, fillos de Atamante, levándoos sobre o seu lombo voando ata a Cólquida (aínda que Hele caeu durante a viaxe e morreu). Chegados á Colquide, Frixo sacrificou ó carneiro a Zeus, e esa pel sería a que se coñecería despois como o vélaro de ouro, obxectivo da expedición dos Argonautas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo Grimal, non existe ningunha illa con este nome, e supón que a tradición oral terminou por deturpar o nome real.
  2. "Tamén a ti, Neptuno, ... como carneiro enganas á Bisáltide..." (Ovidio: Matemorfosis VI, 117).
  3. Grimal, s.v. Teófane.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]