Saltar ao contido

Quimera (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaQuimera

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Χίμαιρα Editar o valor en Wikidata
Biografía
Familia
ParellaOrtro Editar o valor en Wikidata
FillosEsfinxe, León de Nemea Editar o valor en Wikidata
PaisTifón Editar o valor en Wikidata  e Equidna Editar o valor en Wikidata
IrmánsHidra de Lerna
Cérbero Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Chimæra Editar o valor en Wikidata

Na mitoloxía grega, Quimera (en grego antigo Χίμαιρα, Chímaira, que significa "animal fabuloso"; a través do latín Chimæra) era un monstro horrendo, filla de Tifón e de Equidna; para Hesíodo, era filla da Hidra de Lerna. Fora criada por Amisodares, rei de Cardia. Foi a nai, con Ortro, da Esfinxe e do León de Nemea [1].

Mitoloxía

[editar | editar a fonte]

Quimera vagaba polas rexións de Asia Menor aterrorizando as poboacións e engulindo animais e rabaños enteiros.

As súas descricións varían desde as que dicían que tiña o corpo dunha cabra, os cuartos traseiros dunha serpe ou un dragón e a cabeza dun león [2], até as que afirmaban que tiña tres cabezas: unha de león, outra de macho cabrío, que lle saía do lombo, e a última de dragón, que nacía na cola. Todas as descricións coinciden, porén, en que vomitaba fogo por unha ou máis das súas cabezas e polo traseiro. Era sumamente rápida.

"Do xigante Tifón e de Equidna naceron... a Quimera, que houbo en Licia, que tiña a cabeza de león, a cola de serpe e a do medio de cabra".
(Hixino: Fábulas, 151)
"A Hidra deu a luz a Quimera, que exhalaba fogo, terrible, enorme, de rápidos pés e violenta. Tres eran as súas cabezas: unha de león, de brillantes ollos, outra de cabra e a terceira de serpe, de poderoso dragón. Por diante león, por detrás dragón e no medio cabra, que exhala ardente fogo, de terrible forza".
(Hesíodo: Teogonía 319-325)

Quimera foi derrotada finalmente por Belerofonte coa axuda de Pegaso, o cabalo alado, ás ordes do rei Ióbates de Licia[3]. Hai varias descricións da súa morte: algunhas din simplemente que Belerofonte a atravesou coa súa lanza, mentres que outras sosteñen que a matou cubrindo a punta da lanza con chumbo que se fundiu ao ser exposto á ardente respiración de Quimera [4].

A Quimera de Arezzo, obra mestra da escultura etrusca
"Ióbates ordenoulle que dera morte a Quimera, xa que cría que sería aniquilado pola besta, pois non era posible que fora dominada por moitos e menos por un só; tiña a parte dianteira de león, a cola de dragón e, no medio, unha terceira cabeza de cabra pola que botaba lume... Belerofonte montou sobre Pegaso... e elevándose polos aires, desde alí disparou as súas frechas contra a Quimera".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 3, 1-2)

Outros personaxes

[editar | editar a fonte]

Tamén se chamaba Quimera unha ninfa que se namorou do fermoso Dafnis. Outra ninfa, Nomia, fixéralle xurar que nunca lle sería infiel, so pena de deixalo cego. Pero Quimera seduciuno cando estaba bébedo e Nomia, cumprindo a súa ameaza, cegouno. Dafnis sobreviviu pouco tempo, cantando tristes cancións, ata que Hermes, o seu pai, converteuno nunha pedra na que naceu unha fonte [5].

Eneas, famoso polo seu papel na Guerra de Troia, celebrou en Sicilia unha competición naval dentro das honras fúnebres polo seu pai, Anquises. Unha das naves participantes chamábase Quimera [6].

  1. Grimal, px. 506
  2. Resulta curioso que Ovidio, a describa con peito e cabeza de leoa.
  3. O rei Preto, mandou recado ó rei Ióbates para que matara a Belerofonte, porque a muller lle acusara, falsamente, de que intentara violala. Ióbates, en lugar de matar directamente a Belerofonte, mandouno a matar a Quimera, supoñendo que morrería no intento.
  4. Robert Graves mestura as dúas fórmulas: voando sobre Pegaso, atravesouna coas súas frechas e meteulle entre as mandíbulas un cacho de chumbo que cravara na punta da súa lanza. O bafo de lume da Quimera fundiu o chumbo, que se deslizou pola gorxa e abrasoulle as vísceras (Graves, 279).
  5. Graves, px. 77.
  6. Hixino, 273.14; Virxilio V, 118: "Xías guía a inmensa Quimera, de inmensa mole como dunha cidade, que en triple fieira a xuventude impele".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 278-282.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 57; 151.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, IX, 647-648 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • VIRXILIO: Eneida. Alianza Editorial, 1ª Ed 1986, V, 118 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Outros artigos

[editar | editar a fonte]