Peter Paul Rubens
Peter Paul Rubens, nado o 28 de xuño de 1577 en Siegen, Sacro Imperio Romano Xermánico, actual Alemaña e finado o 30 de maio de 1640 en Anveres, Flandres (Países Baixos españois), actual Bélxica, foi o máis popular e prolífico dos pintores flamengos e europeos do século XVII; as súas obras zumegan un estilo barroco exuberante que enfatiza o movemento, a cor e a sensualidade. As súas principais influencias procedían da arte da Antiga Grecia, a Antiga Roma e a pintura renacentista, en especial Leonardo da Vinci, Tiziano e Miguel Anxo, do que admiraba a súa representación da anatomía. Tratou unha ampla variedade de temas pictóricos: relixiosos, históricos, de mitoloxía clásica, escenas de caza, paisaxes, retratos, así como debuxos, ilustracións para libros e deseños para tapices.[1] Consérvanse arredor de mil cincocentos cadros seus.[2] Unha produción tan elevada foi posible grazas, en parte, ós membros do seu taller que, ó parecer, traballaban en cadea.[3] Foron discípulos ou axudantes seus, entre outros, Jacob Jordaens, Gaspar de Crayer, Theodor van Thulden, Erasmus Quellinus o Novo, Cornelis de Vos e Anton van Dyck, que traballaron completando varios encargos para a Corte Española en Madrid.[4] Por outra banda, consérvanse case nove mil debuxos da súa propia man.[5]
Foi o pintor favorito do rei Filipe IV de España, o seu principal cliente, que lle encargou ducias de obras para decorar os seus palacios madrileños e foi o maior comprador na almoeda dos bens do artista que se realizou tralo seu pasamento. O Rei Planeta é por iso a principal causa de que a maior colección das súas pinturas que existe hoxe en día sexa a do Museo do Prado, cuns noventa cadros (a cifra concreta varía segundo as fontes posto que a autoría dalgunhas das obras están en discusión), a gran maioría procedentes da Colección Real.[6] Tamén teñen unha importante representación da súa arte o Museo Real de Belas Artes de Anveres (Koninklijk Museum voor Schone Kunsten Antwerpen), a National Gallery de Londres, a Alte Pinakothek (Pinacoteca Antiga) de Múnic e o Kunsthistorisches Museum (Museo de Historia da Arte) de Viena.
Posuía unha ampla formación humanista e tivo sempre un fondo interese pola Antigüidade clásica. "Estou certo de que para acadar a maior perfección na pintura é preciso comprender os antigos", afirmaba. Dominaba diversas linguas, incluído o latín, e chegou a exercer como diplomático entre distintas cortes europeas. Foi ademais ennobrecido tanto por Filipe IV de España como por Carlos I de Inglaterra. O tamén pintor Eugène Delacroix, grande admirador seu, calificouno como o "Homero da pintura",[7] alcume co que é citado en ocasións.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]No século XVI, Anveres, a capital de Flandres, era un gran centro de negocios grazas ó seu importante porto, a onde chegaban mercancías de diversos países e no que operaban comerciantes xenoveses, venecianos, portugueses e españois, entre outros.
A pintura en Anveres seguiu as novas tendencias do Renacemento grazas ás achegas chegadas de Italia, que se estenderon por tódolos Países Baixos. Durero, na súa viaxe por estas terras no ano 1520, coñeceu ó pintor Quentin Metsys, a Joachim Patinir e ó gravador Lucas van Leyden. A arte flamenga deixouse influír polo manierismo e logo polo naturalismo, que se fusionaron coa súa propia tradición. Coa chegada de Pieter Brueghel o Vello, a arte flamenga tomou un rumbo máis forte, referencia dende a que Rubens construíu unha expresión pictórica totalmente innovadora, que conduciría á xenialidade do barroco.
Os Países Baixos estaban baixo o dominio español, polo matrimonio de Filipe o Fermoso con Xoana I de Castela e máis tarde polos seus herdeiros, Carlos V e, despois da súa abdicación en 1555, por Filipe II. Nin o pobo nin parte da aristocracia con Guillerme de Orange á fronte, soportaban a ditadura de Filipe II, feito que levou a que o 15 de abril de 1566 presentaran á gobernadora xeral Margarida de Parma, media irmá de Filipe II, unha petición coñecida como o "Compromiso de Breda ou "Compromiso dos Nobres", cuxo obxectivo era a supresión da Inquisición e a restauración de liberdades. Os calvinistas, en particular, destruíron igrexas, profanaron imaxes (Beeldenstorm) e incendiaron vilas. Margarida de Parma pediu axuda ó Rei Filipe II de España, que enviou ó III duque de Alba, Fernando Álvarez de Toledo e Pimentel, que tras unhas batallas e represións feroces, fixo volver a paz, e os calvinistas fuxiron a Alemaña.
Dez das Dezasete Provincias dos Países Baixos permaneceron baixo o dominio do Rei de España, ata que en 1714, polo Tratado de Utrecht, foron cedidas a Austria. A causa do enfoque artístico non iconoclasta dos católicos, os seus artistas traballaron e atoparon ós seus mecenas entre a monarquía e a realeza española, que influíron nas obras que realizaron especialmente de temas relixiosos e de batallas, así como retratos. A escola flamenga de pintura adquiriu unha forte consolidación: no sur dos Países Baixos, a Igrexa católica potenciou as maiores representacións do seu triunfo como relixión e este triunfo tivo ó seu maior intérprete en Rubens, que foi un arraigado crente católico.[8]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Peter Paul Rubens naceu en Siegen, Westfalia, (Alemaña), no seo dunha familia calvinista flamenga que en 1568 fuxira de Anveres a Colonia (Renania do Norte-Westfalia) por mor das revoltas e persecucións relixiosas. O seu pai, avogado, foi Jan Rubens, mentres que a súa nai foi Maria Pypelincks. Nesta cidade, o ex-maxistrado Jan Rubens foi nomeado asesor xurídico da segunda esposa de Guillerme de Orange, Ana de Saxonia, da que se converteu tamén en amante.
Despois de dous ou tres anos o marido descubriu o adulterio e Jan Rubens foi encarcerado no castelo de Dillenburg, sendo posto en liberdade tras dous anos de cativerio, co pago dunha fianza e a imposición de residir en Siegen, unha pequena poboación a oitenta quilómetros de Colonia. Foi alí onde, tras ser perdoado pola súa esposa, tiveron ó seu sexto fillo, Peter Paul. En 1578, trala morte da princesa Ana de Saxonia, permitíuselle volver residir en Colonia, onde posiblemente, Peter Paul Rubens iniciou a súa formación artística.[9]
En 1584, o Príncipe Guillerme, líder da revolta contra a Administración Hispana, no que se chamou Guerra dos oitenta anos, foi asasinado. Sucedeuno nas altas instancias flamengas un príncipe católico, fillo dun primeiro matrimonio de Guillerme, Filipe Guillerme de Orange-Nassau, (1554 - 1618), príncipe de Orange, quen fora retido en España durante moitos anos como unha especie de refén e formado na Universidade de Alcalá de Henares.
En 1589, dous anos despois da morte de Jan, a nai de Rubens, que se convertera ó catolicismo, regresou co seu fillo a Anveres, onde el proseguiu coa súa formación. Estudou latín, alemán, castelán e francés con Rombaut Verdonck, pero as penurias económicas da familia obrigárono a abandonar os estudos e entrou como paxe ó servizo da condesa Margaretha de Ligne-Arenberg, viúva de Filipe II de Lalaing, en Oudenaarde.[10] Non se sabe exactamente en que datas, pero crese que tivo dous mestres de pintura, Adam van Noort e Otto van Veen (Otto Vaenius),[11] aínda que non parece que deixasen unha influencia artística relevante no seu alumno.[12]
Non se sabe gran cousa sobre as primeiras obras do pintor realizadas en Anveres, aínda que hai constancia de que fixo copias de pinturas de Hans Holbein, de Albrecht Dürer e de Tobias Stimmer. O testamento da súa nai, María Pypelincks, dicía que legaba os seus retratos ós seus fillos pero que "todos os demais cadros, que son bonitos, pertencen a Peter, que os pintou".[13] Das súas obras de mocidade, existe unha dun home de medio corpo que ten na man dereita unha escuadra e un compás, e na man esquerda, suxeitado por unha cadea, outro instrumento sen identificar; coñéceselle con varios títulos: Retrato dun mozo sabio, O reloxeiro e O home de vinte e seis anos.[13] É unha pintura ó óleo sobre un ferro de cobre de pequeno formato e que se atopa nunha colección particular de Nova York; no seu dorso leva a inscrición "Petrus Paulus Rubens", e na parte dianteira está a data: "MDLXXXXVII", e a idade do modelo: "Aetatis XXVI".[13]
Rubens obtivo o grao de mestre na guilda de San Lucas.[14] Ademais, existe un certificado de "bos costumes e de boa saúde" que data do 8 de maio de 1600, que o artista pediu para poder realizar unha viaxe a Italia.[15]
Italia (1600-1608)
[editar | editar a fonte]A súa estadía en Italia entre 1600 e 1608 serviulle para coñecer a escultura antiga e a obra dalgúns dos máis importantes pintores do século XVI. En 1600 estivo en Venecia, Italia, onde coñeceu a un aristócrata mantuano que o recomendou ante o duque de Mantua, Vincenzo Gonzaga, obtendo o cargo de pintor da corte.[16] O seu cargo obrigáballe a executar os retratos do duque e a súa familia, copiar as pinturas de grandes artistas que desexase o duque e coidar da decoración dos seus palacios. Os Gonzaga tiñan a fama de ser uns grandes amantes das artes e uns bos mecenas, polo que Rubens atopouse con gran cantidade de obras importantes de grandes mestres italianos como Tiziano, Paolo Veronese e Tintoretto;[17] tamén algúns como Annibale Carracci e Caravaggio considerados xa do incipiente estilo barroco.[18]
Por orde do seu mecenas, Rubens trasladouse a Roma para adquirir obxectos antigos e facer copias doutros pintores, cunha carta de recomendación con data do 18 de xullo de 1601 que ía dirixida ao cardeal Alessandro Montaldo con estas palabras: "a Peter Paul, flamengo, pintor da miña corte, que envío ao voso lado para copiar e executar algunhas obras de pintura...". En Roma realizou, por encargo do archiduque Alberto de Austria, un tríptico para a Basílica da Santa Cruz de Xerusalén, formado por Santa Elena coa Beira Cruz, A Coroación de espiñas e A Elevación da Cruz.[19]
O 5 de marzo de 1603 partiu para España nunha misión diplomática; debía entregar uns agasallos enviados polo duque de Mantua ao rei Filipe III e ao seu valido, Francisco Gómez de Sandoval y Rojas, primeiro duque de Lerma. O seu destino era Madrid, polo que se dirixiu en barco a Alacant, en cuxo porto desembarcou o 22 de abril. Pero a Corte trasladouse a Valladolid, polo que tivo que emprender unha viaxe por terra de vinte e un días até alí. Durante a súa estancia encargóuselle a realización de varias pinturas sobre bustos de apóstolos,[20] actualmente conservados no Museo do Prado. Entre as obras realizadas destaca o Retrato ecuestre do duque de Lerma, da que tamén se conservan varios debuxos preparatorios. Esta obra mostra un gran equilibrio e vigor; o personaxe parece contemplar ao espectador, e o pintor realizou uns escorzos do cabalo moi ben executados.[21]
En 1604 regresou a Italia, onde permaneceu durante o seguintes catro anos, primeiro en Mantua e posteriormente en Xénova e Roma. En Mantua o duque Vincenzo Gonzaga encargoulle un gran tríptico para a igrexa dos xesuítas da cidade, que superou en grandeza ao que fixera anteriormente para a basílica romana de Santa Cruz de Xerusalén, pero esta obra sufriu graves danos durante as incursións francesas de 1797.
En Xénova pintou numerosos retratos, como o da marquesa Brigida Spinola-Doria (National Gallery of Art, Washington, D.C.) e o retrato de Maria Serra Pallavicino (The Bankes Collection, Kingston Lacy), considerado un dos mellores xamais pintados por Rubens, nun estilo que influíu posteriormente en obras de Van Dyck, Reynolds e Gainsborough.[22] Tamén realizou traballos preparatorios dun libro no que ilustraba os palacios da cidade, que editou en 1622 en dous volumes co título de Palazzi di Genova (Palacios de Xénova), e que lle serviron ademais no seu día como fonte de inspiración para deseñar a súa propia casa en Anveres, a Rubenshuis. O modo en que mostrou a nova arquitectura xenovesa de palacios, vilas e igrexas e a introdución que escribiu para o libro, na que se presentaba a si mesmo como pintor-arquitecto, resultaron de gran modernidade para o seu tempo.[23]
De 1606 a 1608 estivo principalmente en Roma. Durante este período recibiu o que sería o seu máis importante encargo até entón, o altar maior da igrexa máis elegante das construídas na cidade nesa época, Santa Maria in Vallicella, chamada tamén a Chiesa Nuova (Igrexa Nova). Este altar foille encargado polo cardeal Jacopo Serra, o irmán de Maria Serra Pallavicino, que lle pagou por el 300 escudos. O traballo orixinal foi un lenzo no que se representaba a diversos santos adorando unha icona da Virxe e o Neno, hoxe no Musée des Beaux-Arts de Grenoble (Museo de Belas Artes de Grenoble), Francia, pero foi inmediatamente substituído pola versión actual, que se compón de tres óleos sobre lousa, A Virxe e o Neno adorados por anxos e os paneis laterais Santos Domitila, Nereo e Aquileo e Santos Gregorio Magno, Mauro e Papia. Ten unha montaxe que permite que a auténtica sacra imaxe milagrosa de Santa Maria in Vallicella sexa mostrada aos fieis en días sinalados grazas a unha cuberta de cobre desmontable pintada polo propio Rubens. Hai que destacar que estas pinturas causaron unha convulsión entre os romanos, pouco afeitos ao estilo da pintura flamenga.
Pero a obra máis importante deste período foi a Adoración dos pastores, coñecida tamén como La notte (A noite), pintada en 1607 para a igrexa de San Filippo Neri (San Filipe Neri) de Fermo, hoxe na Pinacoteca Cívica de Fermo. Nela advírtese a influencia do naturalismo de Caravaggio e da luminosidade de Correggio.[24] Desta obra consérvase un bosquexo no Museo do Hermitage de San Petersburgo, Rusia e ademais, tras a súa volta a Anveres, faría en 1609 unha copia con variacións para a igrexa de San Paulo (Sint-Pauluskerk) da cidade.
O apreso en Italia marcou en diante a arte de Rubens. El ademais seguiu escribindo moitas das súas cartas en italiano, asinou xa sempre como "Pietro Pauolo Rubens", e comentou en máis dunha ocasión as súas ansias por regresar a aquel país, unha esperanza que nunca chegaría a materializar.[25]
Amtuerpen (finais de 1608-1621)
[editar | editar a fonte]Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde maio de 2022) |
A pintura de Rubens representa os ideais contrarreformistas e está ó servizo da política dos Casa de Habsburgo. As súas composicións caracterízanse pola súa complexidade, polo cromatismo cálido e vibrante, as potentes anatomías, o dinamismo e enerxía que chega mesmo ó violento. A partir de 1617 un obradoiro con numerosos empregados permítelle cumprir os encargos de amplas series. Os seus últimos anos, aproximadamente a partir de 1635, defínense pola súa técnica descontinua, pola unificación tonal e o debuxo diluído, á vez que pola súa sensibilidade pola vida do campo, a alegría vital dos espidos mitolóxicos e a emoción das súas obras relixiosas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Rubens e os tapices da historia de Aquiles". El Cultural. 18 de decembro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2013. Consultado o 3 de xaneiro de 2013.
- ↑ Vergara, Alejandro (2010). "Rubens". Museo do Prado. Consultado o 1 de setembro de 2011.
- ↑ Historia Universal del Arte, Volumen XII (1984)
- ↑ Historia del Arte Espasa (2004) p.799
- ↑ Sánchez, Camilo (20 de decembro de 2010). "O Prado leva Rubens á Rede". El País. Consultado o 22 de xaneiro de 2013.
- ↑ "Rubens". Museo do Prado. Consultado o 1 de febreiro de 2013.
- ↑ Éditions Larousse (ed.). "Petrus Paulus Rubens". Encyclopédie en ligne Larousse (en francés). Consultado o 30 de decembro de 2012.
- ↑ Micheletti, Emma (1966) p.6
- ↑ (Cabanne 1967, pp. 16 — 18)
- ↑ Belkin (1998): 11–18.
- ↑ Held (1983): 14-35.
- ↑ Micheletti, Emma (1966) pp. 6-7
- ↑ 13,0 13,1 13,2 (Cabanne 1967, pp. 32 — 33)
- ↑ Belkin (1998): 22–38.
- ↑ (Cabanne 1967, p. 34)
- ↑ Morales y Marín 1989, p. 299.
- ↑ Belkin (1998): 42; 57.
- ↑ Cabanne 1967, p. 36.
- ↑ Cabanne 1967, pp. 40-41.
- ↑ Belkin (1998): 71-73.
- ↑ Müller Hofstede, Justus (1964) p. 1.
- ↑ Belkin, p. 75.
- ↑ Lombaerde, P. (editor) (2002). "The Reception of P.P. Rubens's 'Palazzi di Genova' during the 17th Century in Europe: Questions and Problems" (en inglés). Brepols Publishers. Consultado o 7 de marzo do 2024.
- ↑ Micheletti, Emma, p. 8.
- ↑ Belkin, p. 95.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Peter Paul Rubens |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Belkin, Kristin Lohse (1998). Rubens (en inglés). 2ª reimpresión, 2005. Londres: Phaidon Press. ISBN 0-7148-3412-2.
- Cabanne, Pierre (1967). Rubens. Traducido del francés por Juan Massot Gimeno. Barcelona: Daimon. Depósito legal B-22396/1967.
- Cavalli-Björkman, Görel (1987). "Rubens y Tiziano". En varios autores. Rubens. Copista de Tiziano. Madrid: Museo del Prado. pp. 37–46. ISBN 84-505-5776-3.
- Díaz Padrón, Matías (1995). El Siglo de Rubens en el Museo del Prado. Catálogo Razonado de Pintura Flamenca del Siglo XVII. Barcelona / Madrid: Editorial Prensa Ibérica / Museo Nacional del Prado. ISBN 84-87657-89-3.
- Evers, Hans Gerhard, Peter Paul Rubens, Múnich 1942.
- Giorgi, Rosa (1999). Velázquez. Luces y sombras del Siglo de Oro. Madrid: Electa España. ISBN 84-8156-217-3.
- Hetzer, Theodor, Rubens und Rembrandt, Stuttgart: Urachhaus 1984 (Schriften Theodor Hetzers, ed. G. Berthold, Bd. 5).
- Hyatt Mayor, Alpheus (1971). Prints and people (en inglés). Nova York / Princeton (Nueva Jersey): Museo Metropolitano de Arte / Princeton University Press. ISBN 978-0-6910-0326-9.
- Liess, Reinhard, Die Kunst des Rubens, Braunschweig: Weisenhaus-Buchdruckerei 1977.
- Lilar, Suzanne (1988). Le Couple (en francés). Bruselas: Les Éperonniers. ISBN 2-87132-193-0.
- Martin, John Rupert (1977). Baroque (en inglés). Nova York: Harper & Row. ISBN 0064300773.
- Martínez Leiva, Gloria; Rodríguez Rebollo, Ángel (2015). El Inventario del Alcázar de Madrid de 1666. Felipe IV y su colección artística. Madrid: Consello Superior de Investigacións Científicas/Polifemo. ISBN 978-84-00-10039-1.
- Micheletti, Emma (1966). Rubens. Teide, Barcelona.
- Morales y Marín, José Luis (1989). Historia Universal del Arte: Barroco y Rococó. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-6687-7.
- Müller Hofstede, Justus (1964). Pinacoteca de los genios: Rubens. Traducción de Julio Gómez de la Serna. Buenos Aires: Codex. OCLC 4734840.
- Néret, Gilles (2006). Pedro Pablo Rubens. 1577-1640. El Homero de la pintura. Colonia: Taschen. ISBN 978-3-8228-2884-7.
- Pérez Preciado, José Juan; Vergara, Alejandro (2011). Rubens (guía de la colección). Madrid: Museo Nacional del Prado Difusión. ISBN 978-84-8480-211-2.
- Pijoán, José (1966). Historia del Arte (volumen III). Salvat, Barcelona. Depósito legal B-10789/1966.
- Smith, John (1830). A Catalogue Raisonné of the Works of the Most Eminent Dutch, Flemish, and French Painters: Peter Paul Rubens (en inglés). Londres: Smith and son.
- Tarabra, Daniela (2004). Rubens. Electa (Mondadori Electa), Milán. ISBN 84-8156-372-2.
- Vlieghe, Hans, Arte y arquitectura flamenca, 1585-1700, Madrid, Cátedra, 2000, ISBN 84-376-1842-8
- VV. AA. (2009). La senda española de los artistas flamencos. Galaxia Gutenberg / Círculo de Lectores, Barcelona — Fundación Amigos do Museo do Prado, Madrid. ISBN 978-84-8109-831-0 (Galaxia Gutenberg) / 978-84-672-3702-3 (Círculo de Lectores)
|isbn=
incorrecto: invalid character (Axuda). - VV. AA. (1994). Historia de la Pintura y de la Escultura (volumen I). Altaya, Barcelona. ISBN 84-487-0230-1.
- VV. AA. (1984). Historia Universal del Arte (volumen 12). SARPE, Madrid. ISBN 84-7291-588-3.
- VV. AA. (2004). Historia del Arte Espasa. Espasa-Calpe, Barcelona. ISBN 84-670-1323-0.
- VV. AA. (1968-2020 (previsión)). Corpus Rubenianum Ludwig Burchard. Varias editoriales (dirección: Nationaal Centrum voor de Plastische Kunsten in de XVIde en XVIIde Eeuw).