Eneas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eneas fálalle a Dido, raíña de Cartago, da caída de Troia

O heroe mitolóxico Eneas descendía da raza de Dárdano e, por tanto, descendente do propio Zeus [1], fillo do príncipe Anquises e Afrodita (Venus, na mitoloxía romana) [2]. Figura importante da literatura grega e da romana, na Ilíada foi, xunto cos fillos de Antenor, o dirixente do continxente dárdano -ó sur de Troia- que axuda os troianos na súa defensa contra os aqueos. É o mellor guerreiro despois de Heitor, e, sobre todo, é un favorito dos deuses, que o salvan en situacións de perigo, se ben en todo caso só acadará relevancia trala caída de Troia [3].

Casou con Creúsa, filla de Príamo, coa cal tivo un fillo, Ascanio, Iulo ou Iulus.

Ante a derrota dos troianos, Eneas fuxiu da cidade e, tras diferentes aventuras, estableceuse en Italia, dando lugar á orixe mítica do pobo romano: os fundadores de Roma, Rómulo e Remo, foron descendentes seus.

Infancia[editar | editar a fonte]

Afrodita, tras deitarse con Anquises, profetizou así o futuro de Eneas:

"Terás un fillo que reinará sobre os troianos, e outros fillos nacerán deste fillo, e así sucesivamente para toda a eternidade.
(Grimal, s.v. Eneas)

Eneas naceu no monte Ida

"A Eneas pariuno a ben coroada Citerea [Afrodita], unida amorosamente ó heroe Anquises no cumio do escarpado Ida, azoutado polos ventos".
(Hesíodo: Teogonía 1008)

e foi criado polas ninfas [4]. Con cinco anos foi recuperado polo seu pai, Anquises, que o levou á cidade a casa do seu cuñado Alcátoo [5] para que este o educase. Tamérn se afirma que foi educado polo centauro Quirón, como o foron outros heroes gregos [6].

[Deífobo fala con Eneas] Agora é o teu deber acudir a rescatar ó home da túa irmá, se é que en algo te importa. Acompáñame a rescatar a Alcátoo, o teu cuñado, quen tempo atrás crioute nos teus palacios cando aínda eras meniño.
Homero, Ilíada XIII, 463)

Eneas na Guerra de Troia[editar | editar a fonte]

Eneas e Aquiles enfrontáronse por vez primeira cando este saqueaba as terras próximas a Troia, en ocasión do roubo dos rabaños de Eneas por Aquiles. Eneas non conseguiu evitalo e tivo que refuxiarse na cidade de Lirneso, que tamén foi conquistada por Aquiles, e Zeus houbo de salvar a Eneas [7].

Eneas abandona Troia coa súa familia (Federico Barocci, 1598, Galería Borghese)

Eneas participou en numerosos episodios da Guerra de Troia e, co tempo, converteuse no máis valoroso dos heroes troianos, despois de Heitor, feito recoñecido polo adiviño Héleno cando os alenta deste xeito: "Entre os licios e os troianos o afán da guerra descansa principalmente en vós, por ser en toda empresa os mellores, tanto na batalla como no consello" [8] [9]. Nos combates que tiveron lugar durante a Guerra viuse auxiliado e favorecido en varias ocasións por algúns deuses, segundo conta a narración de Homero [10].

Autores posteriores a Homero [11] contan que será Eneas quen sustitúa a Heitor, morto por Aquiles, á fronte do exército troiano. Pero unha vez que a caía de Troia se converte en inevitable, Afrodita -e o propio Ascanio- dinlle que debe fuxir da cidade, que non morrese como un bo troiano, pois Troia xa non existía e para el reservárase outro futuro. Así que colle ó seu pai sobre os ombros [12] e, acompañado da muller, Creúsa, e o fillo, Ascanio, aínda meniño, e un grupo de troianos, fuxe ó monte Ida. A lenda engade que tamén cargaba cos deuses sagrados de Troia e co Paladio [13]. Outros autores dan outra versión destes últimos momentos: segundo eles, Eneas defendeu a cidade ata o último momento; cando se veu desbordado, refuxiuse na cidadela de Pérgamo, desde onde continuou resistindo; desde alí, aproveitando a noite, enviou á súa xente ó monte Ida e, máis tarde, cargou coa familia, o tesouro e a imaxe de Atenea e uniuse a eles. Tamén se afirma que Eneas e os seus se retiraron ó monte Ida cando Príamo ordenou que trouxeran o cabalo de madeira ó interior da cidade, sospeitando que fose unha trampa [14].

"Pero os fados non permiten que a esperanza de Troia quede destruída coas súas murallas. Sobre os seus ombros leva o heroe citereo os obxectos sagrados e, non menos sagrado, leva ó seu pai, carga venerable. De entre tan inmensas riquezas escolleu o piadoso aquel botín e ó seu Ascanio, e coa súa escuadra fuxitiva surca os mares desde Antandros, deixa atrás as casas criminais dos tracios e a terra que mana sangue de Polidoro e, con vento en popa e ondada favorable arriba en compañía dos seus á cidade de Apolo". [15]
(Ovidio: Metamorfosis XIII, 623-631)

Este xesto, de salvar ó pai e saír da cidade sen mostrar temor, foi observado por Agamenón, que ordenou respectar a Eneas, por ser un fillo piadoso, e á súa familia [16].

Creúsa quedou rezagada durante a fuxida e morreu. Eneas reuniu no monte Ida a tódolos troianos que puideron escapar, e alí fundou unha nova cidade, da que foi rei [17].

Robert Graves califica de falsas estas tradicións de Eneas fuxindo da cidade e todo o ciclo posterior ata Italia. Asegura que Eneas foi capturado por Neoptólemo (fillo de Aquiles) e levado como botín de guerra, polo que os dardánidas tiveron que pagar un considerable rescate [18].

Eneas en Italia[editar | editar a fonte]

A lenda máis difundida, que recolle as aventuras e sucesos posteriores, foi escrita polo poeta romano Virxilio (poeta oficial do emperador Augusto) no seu poema A Eneida. Segundo Virxilio, Eneas permaneceu un tempo no Ida e logo marchou cos troianos superviventes cara o Mediterráneo occidental. Tras cruzar Tracia chegan a Delos, onde o oráculo de Apolo dille que deben fundar unha cidade en Creta, a terra dos seus devanceiros. Chegados alí, Eneas ten un soño no que os deuses Penates que rescataran en Troia lle ordenan que continúe cara Italia [19]. Pasan polas costas de Epiro, onde se atopa con Andrómaca (a viúva de Heitor) agora casada con Héleno, outro dos fillos de Príamo que tiña dotes adiviñatorias. Héleno profetiza que se establezan alí onde se atopen cunha porca con doce bacoriños, e aconséllalle que rodee a illa de Sicilia, para evitar os perigos de Escila e Caribdis, que a lenda situaba no estreito de Messina. Así, van percorrendo outros lugares, ata chegar ó sur da na península Itálica.

Localización de Cartago, ó suroeste de Sicilia

Aquí, Eneas ten que enfrontarse cos habitantes das numerosas colonias gregas establecidas na costa itálica, polo que descende e regresa a Sicilia, á que bordea. Fai escala en Drépano (hoxe, Trapani), na punta occidental de Sicilia, onde morre Anquises, e Eneas celebrou os ritos funerarios e uns xogos fúnebres no seu honor, que incluíron unha competición naval [20]. Neste punto prodúcese a protesta das mulleres da expedición, cansas de navegar, que querían establecerse dunha vez nun sitio fixo, e intentan queimar as naves [21].

De novo na mar sofre as consecuencias dun forte temporal -enviado por Hera, inimiga declarada dos troianos- que desvía o barco e lévao a Cartago, na costa africana. Pero Poseidón, irritado, enfróntase ós Ventos por atreverse a actuar sen o seu consentemento coas palabras "Quos ego!" (¿A quen eu?) [22], episodio que deu lugar a unha temática propia representada por artistas como Rafael ou Rubens. Nestas obras, Poseidón aparece en primeiro plano, sobre un mar tempestuoso, e ó fondo vense as naves de Eneas.

Conseguen arribar á costa e alí, Eneas foi acollido por Dido, a raíña e fundadora de Cartago [23] que, co tempo, namórase del e convértese na súa amante [24]. Eneas relata a Dido o acontecido na Guerra de Troia e na viaxe desde alí ata chegar a Cartago [25].

Pero o rei do pobo veciño, Iarbas, anhelaba casar con Dido pero esta rexeitábao e, por iso, cando soubo desta relación esixiu a Zeus que se levase a Eneas. Zeus sabía que o destino de Eneas era crear as bases da futura Roma e non admitían que se quedara na cidade que no futuro sería rival de Roma, e por iso mándalle a Hermes que lle diga que deixe a Dido e embarque de novo para continuar a súa viaxe. Dido, cando se viu abandonada, suicidouse no lume.

Sibila de Cumas (Michelangelo, Capela Sixtina)

Eneas vuelve a ascender pola costa de Italia e chega a Cumas (na actual Campania) onde, segundo o relato de Virxilio, visita á profetisa Sibila e ten lugar o descenso de Eneas ós Infernos acompañado pola propia Sibila. Alí, a alma do seu pai móstralle a grandeza que alcanzará Roma. Segue a viaxe cara o norte ata chegar á desembocadura do río Álbula (que máis tarde sería chamado Tíber), onde monta un campamento e logo, deixando alí a boa parte dos seus compañeiros, ascende pola beira do río ata chegar á cidade de Palanteo, emprazada no lugar que co tempo sería coñecido como o Palatino de Roma, no Lacio. Eneas consegue estabecer unha alianza co rei Evandro, vello amigo de Anquises, e este manda no seu apoio unhas tropas ó mando do seu fillo Palante. Tamén se conta que este pacto foi co rei Latino (ou Lavinio), rei de Laurentia, que deu nome ós latinos, e que casou con Lavinia, a súa filla, cumprindo así unha vella profecía.

Aconsellado por Evandro, Eneas achégase a Agila, máis colecida como Caere, na Etruria. Alí apoia a sublevación dos súbditos do rei etrusco Mecencio para derrocalo, por tirano e cruel. Pero mentres tanto, Turno, rei dos rútulos antigo pretendente de Lavinia, ataca o campamento grego e case chega a queimar as naves, en alianza con Mecencio, aínda que nese momento regresa Eneas e derrota e mata a Turno en combate singular, grazas ás armas que Hefesto lle fabricara para el, a petición da súa nai Afrodita [26]. Tamén deixa malferido a Mecencio e mata ó fillo deste, Lauso; posteriormente Mecencio intenta vingar ó seu fillo pero tamén resulta morto por Eneas.

Neste punto remata Virxilio a súa narración, pola morte do poeta sen poder rematar a vida de Eneas. Serán outros mitógrafos posteriores os que continúen relatando as súas fazañas. Este funda a cidade de Lavinio, na honra da súa dona Lavinia, e somete a diversas tribos do país e, finalmente, morre -ou desaparece- durante unha treboada. Foi soterrado na ribeira do río Numicio. Tamén se di que Zeus fíxoo inmortal, atendendo ós rogos da súa nai Afrodita, e, tras ser lavado polas augas do río Numicio, foi convertido en deus, recibindo culto baixo o nome de Xúpiter Indiges (ou Indígete).

"Padre [Venus implora a Xúpiter], xamais fuches servero comigo, sé agora máis compracente que nunca, pídocho, e ó meu Eneas, que te fixo avó polo meu sangue, concédelle, augusto, unha natureza divina, aínda que sexa menor, con tal que lle concedas algunha... Entón dixo o pai: Dignos sodes da condición divina, ti que a pides e aquel por quen a pides; ten, filla, o que desexas".
(Ovidio: Metamorfosis XIV, 581-608)

Os seus descendentes, Rómulo e Remo, fundarán Roma e Ascanio, o fillo de Eneas, fundará anos despois Alba Longa, a metrópole de Roma.

Outras tradicións[editar | editar a fonte]

Outras lendas consideran ó propio Eneas como o fundador de Roma, que herdará así a orixe mítica de Eneas como descendente de Zeus e de Afrodita. Deste xeito, o propio Xulio César se vangloriaba de ser descendente de Venus a través de Iulo (Ascanio) [27].

Iconografía[editar | editar a fonte]

Eneas abandona a Dido (Pompeo Batoni, 1747)

Os momentos representados na arte do mito de Eneas son os seguintes:

  • Fuxida de Troia, transportando ó seu pai sobre os ombros e levando ó fillo da man.
  • Periplo de Eneas e os seus polo mar Mediterráneo.
  • Encuentro de Eneas e Dido en Cartago, ben cando Eneas lle conta o episodio da Guerra de Troia, ben cando fan o amor nunha cova.
  • Suicidio de Dido.
  • Afrodita entrega a Eneas as armas fabricadas por Hefesto.
  • Divinización de Eneas.

A diferenza da Odisea, escrita no século VIII a.C., a Eneida, que será a obra que estenderá o mito de Eneas, escríbese nos anos 29-19 a.C., e no terá gran difusión (agás as miniaturas que ilustraban os manuscritos do poema) ata a Idade media, e especialmente a partir do século XV e a implantación do Humanismo.

A escena da fuxida de Eneas da Troia conquistada é a imaxe máis característica do personaxe: Eneas, normalmente vestido coa súa armadura, carga co pai sobre os ombros, representado como un ancián venerable, e co seu fillo Ascanio da man ou tras el. Móstrase xa na cerámica de finais da Grecia arcaica e reprodúcese mesmo en moedas. Chega case sen variacións ata o Renacemento (Rafael, Incendio del Borgo, 1514; Bernini, 1618; e moitos máis exemplos). Pode aproveitarse para representar o amor filial.

A travesía polo Mediterráneo e as aventuras que lles acontecen foron representados abundantemente en diferentes ciclos decorativos renacentistas en Italia (Dosso Dossi, Niccolò dell'Abbate, Annibale Carracci ou Tiepolo). pero tamén en Francia ou Inglaterra.

O encontro coa raíña Dido e a relación amorosa que manteñen inspirou a numerosos artistas, como Andrea Mantegna (c. 1500) ata Turner (1815) ou Burne Jones (1861). Esta relación atravesa por tres momentos principais: o banquete de Dido celebra en honor de Eneas, o seu hóspede; o encontro amoroso producido durante unha cacería durante a que se refuxian nunha cova; e a despedida dos dous amantes cando Zeus lle ordena que zarpe cara Italia, e Dido, despechada, suicídase. Este último momento, especialmente, represéntase cando Dido se crava unha daga no peito (Carracci (c. 1592), Guercino (1630), Rubens (c. 1635), Simon Vouet (c. 1640), etc.).

O descenso ós infernos, protexido cunha rama se ouro, foi pintado por artistas como William Turner ou Delacroix. A descrición que Virxilio fai do inferno no seu Libro VI (e que logo inspirará a Dante na súa Divina Comedia) puido servir de base ás recreacións de Brueghel o Vello ou Burne Jones, entre outros.

O establecemento de Eneas e os seus no Lacio, previa conquista das terras, reflectiuse por numerosos pintores italianos -principalmente- pero escasos artistas modernos alleos a Italia, o que obedece ó interese e tratamento locais do mito, como suposta orixe do imperio romano. A chegada de Eneas aparece xa en moedas e relevos, entre os que destaca o da Ara Pacis (c. 10 a.C.) [28] e mostran o momento en que Eneas sacrifica a cocha dos trinta leitóns que profetizara Héleno.

"Súbita aparición e asombrosa ós ollos, unha porca branca coas súas crías da mesma cor, déitase no bosque e aparece na verde ribeira; no teu honor, precisamente para ti, Xuno soberana, Eneas piadoso lévaa en sacrificio ó altar, coa súa camada, e inmólaa".
(Virxilio: Eneida VIII, 81-85)

Na Arte moderna, as diferentes aventuras desta fase do periplo de Eneas represéntanse nas obras de artistas como Claude Lorrain (1650, o desembarco na desembocadura do Tíber), Rubens (1639, a morte dun cervo por Ascanio, que dará lugar á guerra entre troianos e latinos), Anton van Dyck (c. 1630, Hefesto fabricando as armas de Eneas), Nicolas Poussin (c. 1635, a entrega destas armas ó heroe), etc.

Finalmente, tamén se representan os momentos finais da vida de Eneas, como a fundación da cidade de Lavinio ou, sobre todo, a apoteose do heroe (Jacob Jordaens (1617), Charles Le Brun (1642) ou Tiepolo (1762)).

Galería de arte[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Anquises era fillo de Capis (descendente de Dárdano) e Temiste.
  2. Froito da relación que mantiveron na aba do monte Ida mentres Anquises pastoreaba o seu gando (Homero, Ilíada II, 823).
  3. Elvira Barba, px. 457.
  4. Ou ben por uns pastores.
  5. Casado coa irmá de Eneas, Hipodamía.
  6. Xenofonte.
  7. Aqui, en Lirneso, Aquiles tomou como escrava a Briseida, que protagonizaría o enfado de Aquiles con Agamenón e a retirada daquel da contenda.
  8. Ilíada VI, 77-81.
  9. Hixino dá as cifras de cantos inimigos mataron os principais heroes aqueos e troianos: Eneas matou a 28 inimigos, só por detrás de Heitor, con 31; foron superados con creces por Aquiles, con 72, e Patroclo, con 53 (Hixino: Fábulas 114 e 115).
  10. Por exemplo, estivo a piques de resultar morto dunha pedrada por Diomedes, pero Afrodita impediuno e resultou ferida por este; Apolo salvouno, obrigando a Diomedes a retirarse, e logo levouno, envolto nunha nube, ó seu santuario en Pérgamo, onde foi curado por Leto e Ártemis (Homero, Ilíada V, 437). Máis adiante, tamén foi atacado por Aquiles e foi Poseidón que debeu intervir para salvalo, pois estaba escrito que Aquiles era o único dos aqueos que podía matar a Eneas (lémbrese que Poseidón apoiaba ós gregos nesta guerra).
  11. Lémbrese que a Ilíada remata coa morte de Heitor.
  12. Cóntase que Anquises foi castigado por Zeus, que lle lanzou un raio por revelar (nunha bebedela, segundo Hixino, 94, 1) que o pai de Eneas era a deusa Afrodita, e quedou paralítico.
  13. Escultura de madeira de Atenea, que se cría caída do ceo en Troia. Na Ilíada cóntase que Odiseo e Diomedes protagonizaran unha incursión na cidade e que roubaran a estatua do Paladio (Canto X), se ben as lendas romanas afirman que o que roubaron foi unha copia que era o que estaba exposto ó público (Robert Graves, px. 748).
  14. Robert Graves, px. 753.
  15. O heroe citereo é Eneas, chamado así pola súa nai Afrodita, que veu nacer, levada polas ondas, na beira da illa Citerea. Antandros ou Antandro é unha cidade costeira da Tróade, próxima a Troia. Polidoro foi un dos fillos de Príamo, que este enviou a Tracia para salvalo do asedio á cidade; dise que foi asasinado por Poliméstor no intento dos aqueos de exterminar a liñaxe de Príamo. A cidade de Apolo é Delfos, onde o deus tiña o seu santuario.
  16. Robert Graves, px. 757. A única outra familia troiana que respectaron os gregos foi a de Antenor, que fora partidario de devolver a Helena a Menelao e rematar a guerra, como tamén o era o propio Eneas. Antenor fora autorizado por Príamo a negociar a paz con Agamenón, aínda que traicionou ó rei de Troia; díxolle a Agamenón que podía contar coa axuda de Eneas.
  17. De feito, a pesar da profecía de Afrodita, Eneas nunca foi rei de Troia, pois cando el fuxiu da cidade aínda esta vivo o rei lexítimo, Príamo.
  18. Robert Graves, px. 757.
  19. O seu antecesor Dárdano, que fundara Troia, nacera alí.
  20. Hixino: Fábulas 273, 14.
  21. Elvira Barba, px. 496.
  22. Virxilio: Eneida I, 124-139.
  23. A lenda conta que Dido viña fuxindo do seu irmán, que matara ó seu home e quería roubarlle as súas riquezas. Dido pediu refuxio ós nativos e estes permitíronlle tomar todo o terreo que puidese cubrir unha pel de boi. O que fixo foi cortar a pel en finísimas tiras que foi atando unha a outra ata conseguir unha longa corda que lle permitiu delimitar un amplo territorio para levantar a súa cidade. E os nativos tiveron que cumprir a súa promesa.
  24. Instigada por Afrodita.
  25. Narración á aque Virxilio dedica os capítulos II e III.
  26. Lémbrese que Hefesto tamén lle fixo a armadura a Aquiles, despois de que Heitor despoxara da súa a Patroclo.
  27. Carmona Muela: Iconografía clásica, px. 128.
  28. Dentro da habitual manipulación histórica protagonizada polos emperadores romanos e, neste caso particular, por Octavio Augusto, que recorre á figura de Eneas, ou á de Rómulo e Remo, para reflictir á súa refundación de Roma. No Foro de Augusto entronca a súa liñaxe -da dinastía Xulio-Claudia- coas estatuas de Eneas e Rómulo (Elvira Barba, px. 517).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]