Asopo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Co nome de Asopo coñécense varios ríos de Grecia e os deuses fluviais que os habitaban. Tamén houbo algún rei grego con este mesmo nome.

Como deus do río homónimo, Asopo era fillo de pais divinos, sobre os que discrepan os mitógrafos. Pode ser fillo de Poseidón e Pero ou de Poseidón e Celusa [1], ou ben de Zeus e Eurínome (filla do deus Océano), aínda que é máis común consideralo filo de Océano e Tetis, como tódolos ríos.

"O río Asopo era fillo de Océano e Tetis, ou de Pero e Poseidón, segundo di Acusilao, ou de Zeus e Eurínome, segundo outros.
Pseudo-Apolodoro III.12.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Casou con Metope, unha náiade filla do deus fluvial Ladón, coa que tivo dous fillos (Ismeno e Pelagonte) e vinte fillas [2].

Tamén se considera pai da náiade Antíope, que será a nai de Anfión e Zeto, tras xacer con Zeus [3]; e pai de Platea, epónimo da cidade de Plateas.

"Logo vin [4] a Antíope, a filla de Esopo, que se gababa de haber dormido nos brazos de Zeus e que deu a luz dous fillos: Anfión e Zeto, os primeiros en fixar os cimentos de Tebas, a das sete portas, e levantar a muralla".
Odisea XI, 260-263

Entre as numerosas fillas que tivo destacan as chamadas Asópides maiores, aquelas ninfas que foron desexadas e seducidas polos deuses Zeus, Apolo ou Poseidón e que mesmo deron nome ós diferentes pobos que foron poboando as beiras do río Asopo.

Unha das súas fillas, Exina, foi raptada por Zeus convertido en aguia. Asopo, en canto o soubo, saíu na súa busca e chegou onda Sísifo, rei de Corinto, que sabía onde estaba a filla, co deus. A cambio de darlle esta información pediu ó deus-río un manancial permanente de auga. Asopo creouno sen problema, dando lugar así ó manancial de Pirene, na acrópole de Corinto. Sísifo díxolle onde atopar á filla e Asopo chegou onda Zeus, inundando as terras onde se agochaba, ata descubrilos. Zeus tivo que fuxir e librouse do acoso transformándose en pedra, para refuxiarse logo no Olimpo e, desde alí, obrigou a Asopo a volver ó seu ser lanzando contra el os seus raios; por iso o leito do río trae hoxe pedras de carbón. Logo, Zeus levou a Exina ata unha illa (que se chamaba Enone pero se coñece desde entón co nome de Exina) e, xacendo con ela, enxendrou un fillo, Éaco, pai de Peleo e Telamón [5].

Zeus non perdoou a indiscreción de Sísifo e ordenou a Hermes que o levase inmediatamente ó Tártaro, onde sería castigado por toda a eternidade: está obrigado a levar unha gran rocha ata o cume dunha montaña pero, cando está a piques de chegar arriba, a rocha precipítase montaña abaixo e ten que volver a empezar [6].

Tebe, a irmá xemelga de Exina, tamén foi seducida por Zeus, e tivo que esconderse nas augas de Dirce; e tamén o foi Platea.

Outra das fillas de Asopo, Salamina tivo con Poseidón un fillo, chamado Cicreo [7]. Este deus tamén acosou outras dúas fillas de Asopo: Córcira e Eubea. Tanto aquela como estas foron levadas a senllas illas do Exeo que, desde entón tomaron o nome das rapazas.

Apolo seduciu a outras dúas asópides, Sinope e Tespia; e Ares a Tanagra.

Asopo soubo da sorte das súas fillas, raptadas por diferentes deuses, grazas ó adiviño Acafrón, que lle advertiu que foron Afrodita e Eros os que induciron ós deuses a tales actos. Aconsellou ó deus-río que aceptara agradecido ante a atención recibida polas súas fillas por parte destes deuses, e Asopo acatou o consello.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pausanias: Descripción de Galicia II.14.4.
  2. Aquí volven a discrepar as fontes, e Diodoro Sículo só nomea doce, mentres que Pseudo-Apolodoro dá a cifra de vinte, sen nomealas.
  3. Homero: Odisea, XI, 260-263; Apolonio de Rodas I.735; Pausanias II.6.1.
  4. Fala Odiseo no seu descenso ós infernos co obxectivo de consultar ó adiviño Tiresias.
  5. Pseudo-Apolodoro III, 12.6.
  6. Pseudo-Apolodoro I, 9.3.
  7. Pseudo-Apolodoro III, 12.7.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1ª ed. 1981, 7ª impresión 2017.
  • Homero: Odisea. Alianza editorial 1ª ed. 2005, 5ª reimpr. 2019.
  • Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Alianza editorial 3ª ed. 2016.