Nauplio (fillo de Poseidón)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nauplio foi o fillo de Poseidón coa ninfa Amimone, unha das cincuenta fillas de Dánao.

A lenda conta que un sátiro intentou violar á danaide Amimone mentres cazaba, ou ben mentres ía coas súas irmás a buscar auga, dada a seca que padecía o país de Argos [1]. Ela pediu auxilio e acudiu Poseidón, que axotou ó sátiro lanzándolle o tridente, pero este esquivouno e o tridente cravouse nunha rocha. A seguir, xaceu con Amimone e enxendrou a Nauplio. Estrabón engade que Poseidón fixo abrollar alí mesmo unha fonte, da rocha na que se cravara o tridente, que se chamou fonte de Lerna e da que nace o río Amimonio [2].

"Amimone concibiu de Posidón a Nauplio. Este tivo unha longa vida; cando sucaba o mar, adoitaba atraer con fachos cara a morte a quen se atopaba con el, pero ocorreu que tamén el veu morrer do mesmo xeito. Non obstante, antes de morrer casou con Clímene, filla de Catreo, ou con Fílira, ou con Hesíone, e enxendrou a Palamedes, Éax e Nausimedonte".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 5 [3])

Este Nauplio foi un dos Argonautas [4]. Tivo dous fillos: Damastor, o avó de Polidectes e de Dictis [5], e Preto, avó de Náubolo. Un dos bisnetos de Preto recibiría tamén o nome de Nauplio, polo que para diferencialos coñecerase como Nauplio II, pero o certo é que se pode comprobar cómo os mitógrafos confúndennos en ocasións.

Segundo Pseudo-Apolodoro, Heracles seduciu a Auxe, filla de Aleo, e tivo un fillo, Télefo. Para que o pai non se decatara, deixouno nun templo de Atenea, pero Aleo terminou sabéndoo e abandonou ó meniño no bosque, onde foi criado por unha cerva, e entregou a Auxe a Nauplio para que a vendera como escrava. Pero Nauplio, no canto de vendela, entregoulla a Teutrante, rei de Teutrania, quen casou con ela [6].

A mitoloxía grega considérao o fundador da cidade de Nauplia (no golfo Argólico, na costa leste do Peloponeso) [7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Seca que, precisamente, provocou Poseidón, anoxado porque os deuses-río decidiran que o país pertencera a Hera, cando Poseidón pretendíao para si.
  2. Ou ó revés, fonte Amimone, que posteriormente se denominará como de Lerna (Hixino: Fábulas 169A).
  3. Pseudo-Apolodoro mestura aquí a biografía de Nauplio, fillo de Poseidón, e a de Nauplio, fillo de Clitoneo e tataraneto daquel; este segundo sería o pai de Palamedes, un dos heroes da Guerra de Troia.
  4. Hixino (Fábulas 14, 11) déixao ben claro: na relación de argonautas cita a "Nauplio, fillo de Neptuno e de Amimone, filla de Dánao, de Argos". Doutras fontes dedúcese que se trata doutro Nauplio.
  5. Dictis foi quen recolleu a Dánae e ó seu fillo Perseo cando o pai daquela, Acrisio, botounos ó mar dentro dun cofre. Pero o seu irmán Polidectes namorouse de Dánae e, para librarse da presenza de Perseo, mandouno traer a cabeza de Medusa.
  6. Pseudo-Apolodoro II, 7, 4 e III, 9, 1. O caso é que noutro lugar, no Libro III, 2, 1-2, relata un sucedido semellante pero protagonizado polo outro Nauplio (o fillo de Clitoneo): aquí son dúas fillas de Catreo, fillo de Minos, Aérope e Clímene, que son entregadas polo pai a Nauplio para que as vendera fóra do país, pois un oráculo prognosticara que ía morrer a man dun dos seus fillos, pero Nauplio prefiriu casar con Clímene e entregar Aérope a Plístenes, pai de Agamenón.
  7. Pausanias: Descripción de Grecia II, 38, 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]