Nereo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nereo e as Nereidas (gravado, 1586)

Na mitoloxía grega, Nereo era fillo de Ponto (a personificación masculina do mar) e Xea (a Terra), polo que se considera unha das forzas elementais do mundo e anterior ós deuses olímpicos [1]. Casou con Dóride (ou Doris), filla de Océano, coa que tivo cincuenta fillas [2], coñecidas como as Nereidas [3]. Tamén tiveron un fillo varón especialmente fermoso, Nerites, unha divindade menor.

As Nereidas non adoitan singularizarse nas lendas aínda que si se pode individualizar algunha sobre as demais: Tetis, nai de Aquiles; Galatea, da que se namorou o ciclope Polifemo [4]; Anfitrite, esposa de Poseidón; ou Psámate, esposa de Éaco.

Nereo é coñecido como o "Vello do Mar" [5], e forma parte con moita frecuencia do folclore mariño grego, anterior a Poseidón, que terminaría desplazándoo como deidade mariña. Tiña a capacidade de poder metamorfosearse en calquera outro ser ou obxecto, propiedade común a outros deuses mariños. Trátase dun deus protector e benevolente cos mariñeiros, ós que gustaba aconsellar, como, por exemplo, ós Argonautas.

"Deste xeito, creáronse dúas familias paralelas: polo exterior do mundo xiraban Océano, Tetis e as súas fillas, as numerosas oceánidas; nos mares interiores movíanse Nereo, Dóride e as súas cincuenta fillas".
(Elvira Barba, px. 127)

Destacaba pola súa sabiduría e bo xuízo, tras ter percorrido tódolos mares e tódalas costas.

"O Ponto enxendrou ó veraz Nereo, o maior dos seus fillos, ó que chaman o Ancián porque, infalible e bondadoso, non lle pasan inadvertidas as leis divinas, senón que coñece os xustos e benévolos designios".
(Hesíodo: Teogonía 234-237)

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Cando Heracles recibiu o encargo de roubar as mazás de ouro do xardín das Hespérides, o último dos seus doce traballos, tivo que preguntar polo camiño para chegar alá. As ninfas do río Erídano dixéronlle que o único que podía explicarllo era o deus Nereo, e levárono onda el cando durmía. Nereo intentou zafarse adoptando diversas formas pero Heracles conseguiu atalo e díxolle que non o soltaría ata que non lle indicara o itinerario, ó que Nereo non lle quedou outra que acceder, aconsellándolle tamén que pedise a Atlas que fose el quen entrase no xardín e collese as mazás, no canto de facelo Heracles directamente [6].

Nereo (crátera c. 590 a.C., Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas)

Iconografía[editar | editar a fonte]

Represéntase como un ancián, de longa barba canosa, cabalgando sobre un Tritón e por veces armado cun tridente ou un cetro. Adoita estar acompañado polas fillas e outros seres mariños.

A súa capacidade de metamorfosearse pode explicar que fose confundido con Tritón (fillo de Poseidón e da nereida Anfitrite) en vasos do Período Arcaico [7], representándose habitualmente co medio corpo inferior en forma de cola de peixe ou de anguía. Posteriormente perdeu a cola e tomou a forma clásica de vello bondadoso.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nereo, como fillo de Ponto e Xea, é irmán de Forcis, Taumante, Euribia e Ceto, polo que as Nereidas resultan ser primas das Harpías.
  2. Os diferentes mitógrafos dan cifras moi variables, desde 17 ata un cento.
  3. En Pseudo-Apolodoro I, 2, 7, Hesíodo 240-263, Hixino Fábulas, prólogo 8, ou Homero XVIII, 39ss, pode consultarse a relación dos nomes das Nereidas, con variacións dunha a outra fonte. Tamén, unha compilación en Grimal s.v. Nereidas.
  4. "Polo menos non te desexa unha besta [fala Galatea con Escila], senón homes, e podes, como fas, rexeitarlles impunemente. En cambio, a min, que teño por pai a Nereo, que me pariu a cerúlea Doris e que me arroupan innumerables irmás, só ó prezo dunha morte me foi posible escapar ó amor do Ciclope" (Ovidio: Metamorfosis XIII, 740-745).
  5. Tamén ten sona outro Vello do mar, Proteo.
  6. Outras fontes din que foi Prometeo quen lle proporcionou este consello.
  7. Elvira Barba, px. 372.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]