Arión (cabalo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Na mitoloxía grega, Arión (en grego antigo Άρείων, Areíôn, 'mellor', 'máis forte', 'más valoroso') foi un cabalo fillo de Poseidón e Deméter. Tiña as crinas azuladas [1] e podía correr tan rápido que podía ir sobre a auga [2]. Tiña estirpe divina [3].

Conta a lenda que cando a deusa Deméter andaba polo mundo adiante buscando á súa filla Perséfone, que fora raptada por Hades, ía seguida por Poseidón, namorado e obsesionado con ela. Para escapar deste acoso, Deméter converteuse en egua e ocultouse nunha eguada do rei Onco (en Telpusa, na Arcadia [4]). Esta camuflaxe foi inútil á hora de evitar ó deus, porque este, transformado en semental, terminou cubríndoa.

"Tamén a ti, Neptuno, ... te sentiu a de loiros cabelos, a dulce nai das méses".
(Ovidio VI, 115-118 [5])

Desta unión naceu unha filla, só coñecida como "A Ama" ou "A Señora" e cuxo nome non se debía pronunciar, e mailo cabalo Arión.

Arión foi o cabalo de Adrasto, rei de Argos, que encabezou a fracasada expedición dos Sete contra Tebas, e o único dos sete paladíns que sobreviviu. Ó ser derrotados, Adrasto salvou a vida porque Arión o levou ata un lugar afastado e seguro, na Ática [6].

"Tan só a Adrasto o salvou o seu cabalo Arión, o que enxendrara Poseidón de Deméter, cando ela durante o coito tomara a aparencia dunha Erinia".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 6, 8)

Antes de pertencer a Adrasto, os donos de Arión foron o rei Onco, en cuxas eguadas naceu, e o mesmo Heracles. Cando Heracles marchaba contra a Élide parou en Arcadia e pediulle o cabalo a Onco, e así puido conquistar Elis.

A lenda pretende explicar a teoría de que Poseidón foi o creador do cabalo, aínda que xa a nai, Rea, déralle a comer a Cronos un poldro, para salvar a Poseidón acabado de nacer, pois o pai, Cronos, ía comendo a tódolos fillos que ía tendo Rea. O que si é certo é que os cabalos lle están consagrados a el, e que creou as carreiras de cabalos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hesíodo: Escudo 121.
  2. Propercio, Elegías II, 34, 37.
  3. Homero, Ilíada XX, 346.
  4. Grimal, s. v. Arión; Ovidio e Pausanias. Para Pseudo-Apolodoro, tomara a forma dunha Erinia.
  5. Deméter é a deusa da agricultura, denominada Ceres na mitoloxía romana.
  6. Graves, px. 415; Pseudo-Apolodoro III, 6, 8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. 
  • Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. 
  • Hesíodo (2013). Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen. Alianza Editorial. ISBN 9788420678825. 
  • Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. 
  • Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277.