Dánao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Dánao ordenou ás súas fillas que mataran ós seus maridos, pero Hipermnestra non o obedeceu e permitu fuxir ó seu home, Linceo. Dánao quixo deixar morrer de Hipermnestra pero foi absolta. Neste prato, Linceo regresa e mata a Dánao, usurpando o trono (aquí, simbolicamente, quítalle a coroa) (Francesco Xanto Avelli, 1537)

Na mitoloxía grega, Dánao foi un dos fillos de Belo, un rei exipcio, e Anquínoe, a filla do deus fluvial Nilo. Belo era fillo de Poseidón e Libia, da cuxa unión naceron dous fillos xemelgos: Belo e Axenor. Belo quedouse en Exipto e alí, casado con Anquínoe, tivo tamén dous fillos xemelgos, Dánao e Exipto [1], entre os que dividiu o seu reino: Libia para Dánao e Arabia para Exipto.

"Belo permaneceu en Exipto onde reinou, casou con Anquínoe, filla de Nilo, e tivo os xemelgos Exipto e Dánao e, segundo Eurípides, ademais a Cefeo e Fineo. Logo, Belo instalou en Libia a Dánao e en Arabia a Exipto".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 4)

Exipto, o irmán de Dánao, conquistou as terras próximas das beiras do río Nilo, o país dos melámpodes ou pés negros [2], e ameazou o reino de Dánao, ou ben este sentiuse ameazado pola ambición expansionista do irmán, ou ben seguiu o consello dun oráculo [3]. O caso é que Dánao, seguindo o consello de Atenea, abandona Libia, nun barco [4], e fuxe coas súas cincuenta fillas, as Danaides, habidas de diversas esposas, para chegar a Rodas, onde ergue un templo e erixe unha estatua de Atenea Linda (de Lindos, cidade de Rodas). Tres das Danaides morreron durante a estancia na illa.

Dánao continuou a viaxe e desembarcou en Argos, onde reinaba o rei Xelanor. As distintas fontes discrepan na narración do que aconteceu entre eles: para uns, Xelanor cedeulle espontaneamente a coroa, pero para outros foi Dánao quen reclamou o reino argüíndo que fora elixido polos deuses para ser o rei de Argos. Ábriuse unha longa discusión entre os dous, diante do pobo arxivo, e sen ter chegado a ningún acordo, deciden adiar a decisión ó día seguinte. Pero durante a madrugada sucedeu un feito prodixioso: un lobo saíu dun bosque próximo e atacou un rabaño que pasaba diante da cidade, saltou sobre un touro e non tardou en sometelo e darlle morte. Os arxivos interpretaron o feito identificando o lobo con Dánao, que viña só e de lonxe, e acordaron que fose el o novo rei, porque se non, tomaría o trono violentamente. Xelanor abdicou e Dánao ofreceu sacrificios e levantou outro templo, desta volta a Apolo Licio (do lobo) [5], e chamou Dánaos ós habitantes do seu reino [6].

Pero o novo reino de Dánao estaba a sufrir unha forte seca a consecuencia da disputa entre Poseidón e a deusa Hera polo dominio e veneración na cidade de Argos. Nomearan árbitros ós deuses fluviais Ínaco, Cefiso e Asterión, que terminaron decidindo a favor de Hera, e a reacción de Poseidón, cheo de cólera, foi secar tódalas fontes e ríos da Argólida [7]. Dánao e as súas fillas as Danaides non atopaban auga que beber, e Dánao mandounas con grandes cántaras a buscar auga. Unha delas, Amimone disparou unha frecha contra un cervato pero foi dar a un sátiro que dormía baixo unha árbore. O sátiro intentou violar á rapaza pero esta pediu axuda e Poseidón acudiu no seu socorro, axotou ó sátiro e Amimone entregouse ó deus. Poseidón, agradecido, fixo brotar a fonte de Lerna da rocha na que cravara o tridente.

"Pero, como carecera de auga a comarca, xa que Posidón ... desecara mesmo as fontes, enviou ás súas fillas a buscar auga. Entón, unha delas, Amimone, disparou unha frecha contra un cervo e foi dar a un sátiro que se achaba durmindo e este, ó acordar, pretendeu violala. Porén, ó aparecer Posidón, o sátiro deuse á fuga. Entón, Amimone fixo o amor co deus e este reveloulle as fontes de Lerna".
(Pseudo-Apolodoro II, 1, 4)
Hipermnestra, Linceo e mailas Danaides (xilografía dunha edición de De mulieribus claris, de Giovanni Boccaccio, impresa en Ulm, c. 1474)

As novas da prosperidade do reino de Dánao chegaron ata Exipto, o seu irmán, quen lle propuxo un pacto de paz selando o acordo co matrimonio dos cincuenta fillos de Exipto coas cincuenta fillas de Dánao [8]. Este negouse de novo pero os fillos de Exipto sitiaron a cidade e tivo que simular que aceptaba o múltiple enlace pero, non crendo na sinceridade da proposta do irmán, veu a ocasión de vingar a persecución e o exilio ó que lle sometera este.

Formáronse as parellas por similitude de nome [9], por ter nais de rango similar [10] ou, na maioría dos casos, por simple sorteo. A relación das cincuenta danaides e os seus cincuenta maridos pode consutarse en Grimal, s.v. Danaides, Pseudo-Apolodoro II, 1, 5, e Hixino: Fábulas 170.

Celebráronse os matrimonios e, tralo banquete, entregou unha daga a cada filla, facéndoas prometer que matarían a cadanseu marido durante a noite de vodas. Todas obedeceron a orde do pai excepto a maior, Hipermnestra (ou Hipermestra), que non quixo matar ó seu home, Linceo (ou Lino), porque este respectara a súa vontade de permanecer virxe [11] (ou ben por estar namorada del ou, simplemente, por escrúpulos ante o asasinato), e axudouno a fuxir. Pola súa desobediencia, Dánao pediu a morte da filla, pero o tribunal que a xulgou declarouna inocente, pola intervención de Afrodita. En agradecemento, Hipermnestra levantou unha estatua á deusa no templo de Apolo Licio.

O castigo eterno das Danaides (John Singer Sargent, 1922-1925, Museo de Bellas Artes de Boston)

Dánao persoalmente, ou as outras fillas, decapitaron ás súas vítimas e enterraron os corpos en Argos, con honores fúnebres ante as murallas da cidade, e as cabezas en Lerna [12]. Desde entón, Lerna converteuse nun pantano nauseabundo, onde iría vivir a Hidra de Lerna, que matará Heracles no segundo dos seus doce traballos. Zeus ordenou a Hermes e Atenea que purificaran ás Danaides do crime cometido, pero cando morreron foron condenadas ó Hades polo xuíces do Inframundo, e castigadas a encher de auga unha cántara que tiña o fondo perforado, de tal xeito que nunca se daba enchida.

Co tempo, Linceo regresou e matou a Dánao, vingando así a morte dos seus irmáns, se ben outras fontes afirman que se reconciliou con el e casou con Hipermnestra, herdando o seu reino, mentres Dánao entregaba ás outras fillas ós vencedores dunha contenda atlética. Hipermnestra e Linceo reinaron en Argos e deron orixe á dinastía Danaide; os seus netos foron Acrisio, pai de Dánae, e Preto. Hipermnestra foi premiada co acceso directo ós Campos Elisios.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Por veces engádense tamén Cefeo (pai de Andrómeda e esposo de Casiopea) e Fineo (a quen matou Perseo).
  2. Chamados así en referencia á lama negra das crecidas do Nilo.
  3. Graves di que Exipto xa fixera neste momento a proposta de casar os seus cincuenta fillos coas cincuenta fillas de Dánao, para superar as disputas que tiñan por cousa da herdanza de Belo. Dánao non o aceptou e o oráculo confirmoulle que era só unha estrataxema do irmán para matar ás princesas e quedarse con todo.
  4. Pseudo-Apolodoro di que el foi o primeiro en construír un barco (II, 1, 4); Graves matiza que se tratou da primeira embarcación de dobre proa (px. 222).
  5. Dánao creu que o lobo que lle deu o trono era o mesmo Apolo disfrazado.
  6. Conceptos como Dánaos, Arxivos e, posteriormente, Aqueos convértense así en sinónimos.
  7. Tiña prohibido vingarse con inundacións como xa fixera tras unha discusión semellante con Atenea polo dominio de Atenas
  8. "De numerosas mulleres tiveron Exipto cincuenta fillos e Dánao cincuenta fillas" (Pseudo-Apolodoro II, 1, 4).
  9. A filla de Dánao, Clite, co fillo de Exipto, Clito; Crísipe con Crisipo, etc.
  10. Hipermnestra con Linceo, os dous de sangue real.
  11. Pseudo-Apolodoro II, 1, 5.
  12. Segundo Pausanias (II, 24, 2), as cabezas foron enterradas en Larisa e os corpos en Lerna.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]