Epopeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Epopeo foi fillo de Poseidón e Cánace, filla de Eolo, se ben algunhas tradicións din que era fillo de Aloeo, un dos fillos de Poseidón e Cánace. Para Hixino, Epopeo naceu da unión de Poseidón coa pléiade Alcíone, filla de Atlas [1].

Poseidón e Cánace tiveron, ademais, outros fillos: Hopleo, Nireo, Aloeo e Tríope [2]. Epopeo tivo un fillo, Maratón, e unha filla, Enope (ou Énope). Hixino di que Poseidón tivo un fillo con esta, Megareo [3].

Epopeo foi rei de Sición [4], ó suceder a Córax, que morrera sen deixar fillos [5]. Tamén se fixo co trono de Corinto trala morte de Buno.

Antíope, filla do rei de Tebas Nicteo, foi amada por Zeus e enxendrou dous fillos, Anfión e Zeto. Por medo á reacción do seu pai, antes do momento do parto fuxiu da cidade e refuxiouse en Sición [6]. Nicteo suicidouse pola desesperación, pero antes de facelo ordenou ó seu fillo Lico que vingase a aldraxe.

Lico atacou e tomou Sición, matando a Epopeo e rescatando a Antíope. Pero tamén se di que os tebanos foron derrotados, aínda que Epopeo resultou ferido na batalla e morreu pouco despois. Lamedonte[7], irmán de Córax, puido así recuperar o trono.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hixino: Fábulas 157, 2.
  2. Pseudo-Apolodoro, I, 7, 4.
  3. Fábulas 157, 2.
  4. Antiga cidade grega situada ó norte do Peloponeso, próxima a Corinto.
  5. Tamén se di que Epopeo usurpou o trono tras conquistar Sición á morte de Córax.
  6. Segundo outras tradicións, foi raptada por Epopeo, quen a fixo a súa esposa.
  7. Non confundir con Laomedonte, rei de Troia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]