Megareo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Megareo foi un fillo de Poseidón e Enope (filla de Epopeo[1] e Antíope), nado en Onquesto (na Beocia). Outras fontes fano fillo de Apolo.

Crese que a súa esposa foi Mérope, que lle deu varios fillos. Entre estes destacan Timalco e Evipo, e segundo outra tradición, Hipómenes[2]. Timalco morreu a mans de Teseo. Evipo morreu devorado polo León de Citerón, e Megareo ofreceu ceder o reino e a man da súa filla Evecme a quen conseguise matar o león, cousa que puido lograr Alcátoo (ou Alcatos, fillo de Pélope), quen o sucedeu no trono. E Hipómenes venceu a Atalanta nunha carreira e casou con ela[3].

O rei de Nisa, chamado Niso, chamouno na súa axuda cando foi atacado por Minos[4]. Niso foi derrotado[5] e Megareo morreu na batalla, pero, cando Alcátoo recuperou e reconstruíu a cidade, bautizouna co nome de Mégara[6].

Non moito despois, [Minos] atacou coa súa escuadra a Atenas, tomou Mégara durante o reinado de Niso, e matou a Megareo, fillo de Hipómenes, que acudira en auxilio de Niso. Tamén morreu Niso, pola traizón da súa filla.
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 15, 8)

Non obstante existe outra tradición, procedente da cidade de Mégara, que nega que fose conquistada[7]. Segundo esta versión, Megareo casou con Ifínoe, filla de Niso, e sucedeu a este no trono normalmente. Do mesmo xeito, Alcátoo sucedeu a Megareo ó casar coa filla deste, Evecme.

Robert Graves afirma que Megareo está enterrado na subida á Acrópole de Mégara[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hixino: Fillos de Neptuno: ... Megareo, de Énope, filla de Epopeo (Fábulas 157).
  2. Hixino: [Atalanta] "ó fin foi vencida por Hipómenes, fillo de Megareo e de Mérope" (Fábulas 185), se ben Pseudo-Apolodoro di que Megareo era fillo de Hipómenes (Biblioteca mitológica III, 15, 8).
  3. Ovidio: Metamorfosis X, 560ss.
  4. A esposa de Niso, Abrota, era irmá de Megareo, segundo Plutarco.
  5. Niso era invencible grazas a un guecho de pelo vermello ou púrpura oculto entre a súa cabeleira branca. Pero a filla, Escila, namorouse de Minos (instigada por Afrodita) e traizoou ó pai, cortándolle o guecho de pelo mentres durmía. Só así puido ser derrotado (Ovidio VIII, 8-94).
  6. Pausanias: Descrición de Grecia, I, 39, 5; Graves, px. 339.
  7. "'Os megarenses, no seu intento de borrar da acordanza como Minos capturou a súa cidade e para suxerir que ó rei Niso lle sucedeu pacificamente o seu xenro Megareo..." (Graves, px. 439).
  8. Graves, px. 440.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]