Ceneo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Poseidón e Cenis (grabado para As metamorfoses, de Ovidio)

Ceneo foi un personaxe mitolóxico ó que Poseidón converteu de muller en home, despois de habela violado.

Era fillo do lápita Élato [1]. E foi pai de Corono, que reinaba nos lápitas en tempos de Heracles: expulsou ós dorios e o rei, Eximio, pediu axuda a Heracles e grazas a el venceu a Corono e recuperou o reino.

Naceu como muller, baixo o nome de Cenis (ou Cene ou Célide), pero foi violada por Poseidón cando estaba bañándose nunha illa deserta. Despois, Poseidón prometeulle concederlle o que quixera, e ela pediulle ser home para que nunca tivese que volver a sufrir semellante aldraxe [2]. Poseidón accedeu e non só a converteu en home senón que lle concedeu a invulnerabilidade grazas a unha pel impenetrable. A partir de entón, convertido nun gran loitador, pasou a chamarse Ceneo.

"Ceneo era ó principio muller, pero pediu a Posidón, o seu amante, converterse en home invulnerable, polo que, na loita contra os centauros, exterminou a moitos deles ríndose das feridas, pero os restantes cercárono e sepultárono en terra golpeándolle con abetos".
(Pseudo-Apolodoro, Epítome I, 22)

Ceneo participou na expedición dos Argonautas [3], se ben obsérvase unha contradición nos textos mitográficos: na relación que proporciona Pseudo-Apolodoro cítase a "Ceneo, fillo de Corono" [4], mentres que Hixino menciona a "Corono, fillo de Ceneo" [5] aínda que máis adiante volve a citalo como "O outro Ceneo, fillo de Corono" [6]. Tamén foi un dos integrantes da partida de caza do xabaril de Calidón [7].

Dous centauros cravan no chan a Ceneo (relevo en bronce do Período Arcaico, Museo Arqueolóxico de Olimpia)

A pesar de ser invulnerable, terminou morrendo a mans dos centauros na guerra aberta entre estes seres e os lápitas. Tras matar a moitos deles e como os centauros non conseguían matalo, recorreron a golpealo con troncos de abeto e, finalmente, enterrárono vivo. Unha vez morto, volveuse a transformar en muller [8]. Outra tradición conta que escapou convertido nunha ave, nun flamengo.

Outra tradición di que, ó verse convertido en home, sentiuse tan orgulloso que cravou unha lanza no centro da praza pública e esixiu que se lle rendise culto como se fose un deus. Zeus castigouno facendo que fose atacado e morto polos centauros.

"¡Facede rodar sobre el penas e troncos, montes enteiros,
botádelle bosques e aplastade a súa testana vida! Que un bosque
lle oprima a gorxa e o peso fará as veces da ferida.
Dixo, e atopando por azar un tronco que a furia do Austro
desatado derribara, lanzouno sobre o seu robusto rival;
e deu exemplo, pois ó pouco tempo estaba o Otris nu
e o Pelión non tiña sombras
[9]. Ceneo, sepultado
por unha mole xigantesca, forcexea baixo o peso das árbores
e soporta os madeiros amontoados,
pero cando a morea crece por riba da boca e cabeza,
e o seu alento non ten aire aque respirar, desfalece".
(Ovidio: Metamorfosis XII, 507-517)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os lápitas foron os poboadores da Tesalia (Grecia), próximo ó Monte Olimpo.
  2. Ovidio: Metamorfosis XII, 195-203.
  3. Grimal, s. v. Ceneo.
  4. Pseudo-Apolodoro I, 9, 16.
  5. Fábulas 14, 3.
  6. Fábulas 14, 23.
  7. Hixino 173, 3; Ovidio VII, 305 ("Ceneo, que xa non era muller"); pero Pseudo-Apolodoro non o cita (I, 8, 2).
  8. "...e Céneo, mozo un día e hoxe muller de novo, volta á súa antiga figura por obra do destino" (Ovidio: Eneida VI, 448).
  9. Refírese a dous montes de Grecia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós. ISBN 9788449324574. 
  • Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. 
  • Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. 
  • Virxilio (1986). Eneida. Alianza Editorial. ISBN 8420601942.