Pan (deus)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O deus Pan (na enciclopedia Meyers Konversationslexikon)

Pan (en lingua grega antiga Πάν) era o deus dos pastores e dos rabaños na mitoloxía grega. Tense por deus da fertilidade e da sexualidade masculina sen freo e asegúrase que se dedicaba a perseguir ninfas ou mozos, indistintamente, polos montes.

A tradición común di que, cando o deus Hermes pastoreaba os rabaños de Dríope, seduciu a unha das súas fillas, tamén chamada Dríope, e dese encontro amoroso naceu o deus Pan. Este tiña a parte superior do corpo de forma humana pero a metade inferior era de macho cabrío, polo que a nai, asustada cando viu o que dera a luz, abandonouno no monte. Sobreviviu porque Hermes o recolleu, o vestiu nunha pel de lebre e o levou ó Olimpo, onde os deuses lle puxeron o nome de Pan por ser fonte de diversión para todos eles, especialmente de Dioniso, pola semellanza con Sileno e os sátiros. Unha variante di que Pan fuxiu ó monte acabado de nacer e Hermes tivo que ir buscalo para levalo ó Olimpo.

Pero tamén se afirma que Pan era fillo de Penélope. Segundo esta versión, na ausencia de Ulises, que non acababa de regresar da Guerra de Troia, Penélope tivo varios amantes[1] ó mesmo tempo e de todos eles preñou á vez. Froito desa preñez nacería Pan, nome que significa fillo de todos. O ben foi que Ulises a repudiou despois de retornar e saber das súas infidelidades, e logo Penélope concibiu a Pan de Hermes, transformado en carneiro[2].

Tamén se di que era fillo de Zeus e de Hibris[3] ou ben de Zeus e Calisto[4].

Finalmente, tamén se di que era fillo dun pastor, chamado Cratis, e unha cabra do seu rabaño. Ou de Hermes coa cabra Amaltea.

Descrición[editar | editar a fonte]

Como se dixo, Pan era un ser monstruoso, metade home e metade castrón. Tiña a cara enrugada, barba e un queixo prominente e dous cornos na fronte; ás veces tamén se lle apoñen unhas longas orellas peludas. O corpo estaba cuberto de pelo, tiña cola e as patas remataban, no canto de pés, en pezuños fendidos.

Era moi áxil e rápido na carreira, capaz de rubir entre as rochas e de agocharse no mato para axexar as ninfas sen ser descuberto. Gustaba do fresco das fontes e sa sombra das árbores, onde se deitaba a descansar ou a facer a sesta nas horas máis calorosas. Nesta situación, dicíase que era perigoso espertalo, xa que pegaba tremendos sustos a quen ousaba importunalo.

Pan era quen de lanzar uns berros espantosos, que poñían medo ó máis valente, e de aí vén a palabra pánico[5]); este terror pánico que podía provocar podía multiplicarse ó dividirse o deus en varios panes[6].De aí que se invocase a este deus nas batallas, para desmoralizar ós exércitos inimigos e, concretamente, con éxito, na Batalla de Maratón.

Cando o monstro Tifón derrotou a Zeus, cortoulle os tendóns e deixouno tolleito no fondo dunha cova[7]. Hermes e Pan foron na súa busca e Pan conseguiu facer fuxir a Delfine, a irmá de Tifón e tan monstruosa coma el, que vixiaba o saco onde gardara os tendóns, e así Hermes puido volvelos a poñer nos brazos e pernas de Zeus[8]. Pero os deuses olímpicos, vendo a Zeus derrotado, fuxiran asustados a Exipto. Pan aconselloulles que se transformaran en animais, para así despistar a Tifón, ata que Zeus puido matar a este cos seus raios. Os deuses, agradecidos, elevaron a Pan ata os ceos, na constelación de Capricornio[9].

Tamén foron os seus berros os que asustaron ós titáns na loita que mantiveron Zeus e os deuses olímpicos contra Cronos e os seus irmáns, os titáns, na denominada Titanomaquia, e fixo que estes fuxiran. Os deuses foron tras eles e derrotáronnos[10].

Pero o trazo máis característico de Pan era a súa potencia sexual exacerbada, que o facía persegjuir continuamente amantes masculinos e femininos[11]. Vivía nunha cova do Parnaso, chamada Coriciana, na compaña das ninfas, ás que acosaba continuamente.

O deus Pan coa frauta que inventara (José Manuel Félix Magdalena, 2012)

Tivo amores coa ninfa Pitis pero o seu rival, o deus do vento do norte Bóreas, nun ataque de celos, tirou a Pitis dende o alto dun penedo. A deusa Xea sentiu mágoa da ninfa e transformouna en piñeiro ou abeto, e dende entón Pan aparece cunha coroa de follas de piñeiro e seica esta árbore xeme cando sopra Bóreas[12].

Namorouse tamén da ninfa Siringa, pero ela non o correspondía. Dunha volta que fuxía do acoso de Pan, tirouse ó río e pediu axuda ás súas irmás as ninfas que, compadecidas, convertérona nunha cana. Cando Pan chegou só puido abrazar as canas abaneadas polo vento, e o son que producían gustoulle tanto que cortou unhas canas para crear un novo instrumento musical con elas; deste xeito inventou a frauta pastoril chamada siringa en recordo da ninfa[13].

"Ó volver do outeiro do Liceo viuna Pan [a Siringa] coa cabeza adornada de piñeiro aguzado, faloulle... e a ninfa desprezou as súas súplicas e fuxiu por lugares solitarios ata que chegou á plácida corrente do Ladón areoso. Alí, cando as augas lle impedían a carreira, pedira ás súas limpas irmás que a transformaran. Pan, cando xa pensaba en abrazas a Siringa contra el, en lugar do corpo da ninfa apretaba unhas canas do pantano e, ó suspirar sobre elas, ó vento levantado na cana producía un son dñebil semellante a un laído. O deus, cautivado por esta nova arte e a dozura da voz, dixo 'Este diálogo haberá sempre entre ti e mais eu'. E así, unidas as canas dispares cunha ensamblaxe de cera, conservou nelas o nome da doncela"
Metamorfosis I, 699-712

Outra ninfa obxecto dos seus amores foi Eco, coa que tivo un fillo, Ifinxe. Pero Eco namorouse de Narciso e, ademais, foi castigada por Hera. Con Eufema, outra ninfa, tivo outro fillo, Croto, o arqueiro do Zodíaco.

Seduciu a Selene, a Lúa, regalándolle un rabaño de bois brancos, pero tamén se di que cubriu o seu corpo peludo e negro cun vélaro branco ben lavado, e Selene montou riba del. Pan e Selene eran venerados nunha cova do monte Niceo.

Era curandeiro e músico; foi el quen ensinou a Dafnis[14] a tocar a zampoña, un tipo de flauta. Pero o deus da música por excelencia foi Apolo que, logo de vencer a Marsias tocando a lira (e castigándoo cruelmente), tivo outra competición musical con Pan e tamén o venceu[15]. Vivía nos montes e nas selvas, enredando coas ovellas e asustando ós homes que se atrevían a internarse no monte.

Pan tamén era cazador. Unha vez estaba partindo un lince e apareceulle a deusa Ártemis cando esta comezaba a cazar. Pan deulle tres podengos da súa manda de cans, tal fortes que eran quen de arrastrar leóns vivos ata á súa canceira, máis sete lebreiros especialmente rápidos.

Heracles matou a Ífito, fillo de Éurito, rei de Ecalia, ó ser acusado de roubar unhas eguas propiedade do seu pai. Para expiar o asasinato, o oráculo ditaminou que debía servir como escravo a un mortal e Hermes púxoo á venda, resultando ser Ónfale a compradora e ama de Heracles durante tres anos. Pero Heracles e Ónfale terminaron sendo amantes nunha relación na que ela mantiña unha situación dominante sobre el. Unha vez que estaban nunha cova, ela vestiuno con vestidos de seda e cunha malla moi pequena para a corpulencia de Heracles e mandouno dormir nunha cama separada. Pan, na súa busca de aventuras sexuais, estaba namorado de Ónfale e aproveitou a ocasión para meterse na cama de Ónfale, pero resultou que quen realmente estaba nesa cama era Heracles. Este botouno fóra da cama dunha patada e logo, xunto a Ónfale, ríronse do pobre Pan cando trouxeron luces e o viron escarranchado no chan[16].

Culto[editar | editar a fonte]

Pan era o deus das brisas do amencer e da tardiña. Atribúenselle dons proféticos e formaba parte do séquito de Dioniso, con quen se di que compartía as súas costumes.

Os rituais de fertilidade orixinais foros asumidos a partir do século V a. C. polas Bacantes cuns rituais pagáns que se celebraron ata ben entrada a Idade Media.

Foi especialmente venerado en Arcadia[17], aínda que non tiña alí grandes santuarios. Os arcadianos crían que cando unha persoa durmía a sesta non se podía espertar, pois dese xeito interrompíase o sono de Pan.

Pan ensina a Dafnis a tocar a zampoña (c. 100 a. C., Museo Arqueolóxico de Napoles)

En Atenas foille consagrada unha das grutas da vertente norte da Acrópole, e instituíse na súa honra unha festa anual cunha carreira de fachos.

Na mitoloxía romana relaciónase a Pan co deus Fauno ou con Silvano, o deus dos bosques.

Iconografía[editar | editar a fonte]

Pan represéntase cun caxato de pastor e unha siringa, tamén chamada Frauta de Pan. Pode levar unha coroa de piñeiro ou, simplemente, unha póla na man.

As primeiras representacións de Pan prodúcense no século VI a. C.. Pan aparece con corpo de home e cabeza de cabrón, patas de cabra ou pernas humanas con pezuños en lugar de pés, moitas veces co pene erecto. Pero a finais do V ou principios do IV a. C. adopta unha nova imaxe: figura de sátiro, agraciado, cornos pequenos e unha frauta na man, coa metade inferior do corpo cabrúa.

Por outra banda, no período clásico da cultura grega aparece integrado no cortexo dionisíaco, transformándose no Fauno da arte romana.

O episodio do certame entre Apolo e Pan, no que este resulta vencido, ten moi pouca presenza nas artes, en comparación co éxito que tivo Marsias en circunstancias semellantes. Existe nalgún caso confusión entre os dous certames musicais, pero a descrición que fai Ovidio do caso de Pan permite diferencialos: o deus-monte Tmolo como xuíz, a fisionomía de Pan como cabra e, por veces, a presenza de Midas como personaxe desconforme co ditame (coas súas orellas de burro). O tema non se representará nas artes ata o Renacemento (Peruzzi, 1511; Giulio Romano, 1527; Annibale Carracci, 1597; Rubens, 1636).

A partir da Idade Media e ata os nosos días, a imaxe tradicional de Pan lígase á imaxe do demo en forma de macho cabrío e ós aquelarres.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ou ben con Antínoo, un dos moitos pretendentes que a acosaban.
  2. Grimal, s. v. Pan. Ulises, desilusionado, marcharía por toda Grecia en busca de aventuras. Graves ve nesta versión unha tradición prehelénica de orxías sexuais dominadas polas relacións promiscuas (Graves, px. 704). Hixino menciona tanxencialmente esta ascendencia: "Pan, fillo de Mercurio e de Penélope", sen máis explicacións (Hixino, Fábulas 224.4; lémbrese que para os romanos, Hermes toma o nome de Mercurio).
  3. Na mitoloxía grega, o termo de Hibris adoita aplicarse a unha actitude de orgullo e arrogancia desmedidas, unha falta de moderación que conculca os límites que os deuses impoñen ós homes mortais e que termina, normalmente, co castigo de quen así se porta. Pero tamén existiu unha deusa chamada Hibris, que era a personificación do concepto anterior. Esta ascendencia, de Zeus e Hibris, procede do Himno homérico a Pan, e Graves considéraa a máis plausible (Graves, px. 115).
  4. Isto faría de Pan un irmán xemelgo de Árcade, heroe de Arcadia.
  5. "Medo moi intenso, xeralmente sen fundamento real e a miúdo de carácter colectivo" [DRAG, consultado o 4.01.2024].
  6. Elvira Barba, px. 286.
  7. Zeus era inmortal e por iso Tifón non podía matalo, pero si inutilizalo.
  8. Graves, px. 151.
  9. Hixino, Fábulas 196. "Capricornio, o animal híbrido de cabra e peixe, que serviu como atributo ó deus mesopotámico Ea, houbo de ser interpretado con moita imaxinación, xa que, en Grecia, só o cabuxo mariño se lle parecía. Pensouse que era Pan, e que a súa imaxe foi trasladada ó ceo porque axudou ós deuses na Titanomaquia" (Elvira Barba, px. 549).
  10. Graves, px. 50.
  11. Ou chegando a masturbarse se estas persecucións fracasaban (Grimal, s. v. Pan).
  12. "¿Que non fixeron por posuíla [a Pomona, unha ninfa] tanto os Sátiros ... como os Panes, cos seus cornos coroados de piñeiro, e Sileno...?" (Metamorfosis, XIV, 637-639).
  13. Unha vez perdeu a flauta e atopouna Hermes, que a copiou e logo dixo que se trataba dun invento seu, e vendeuna a Apolo (Graves, px. 116).
  14. Non confundir con Dafne, a amada de Apolo. Este Dafnis foi un dos numerosos fillos de Hermes.
  15. Metamorfosis XI, 146ss.
  16. Tintoretto pintou este momento (1590, Museo de Belas Artes de Budapest).
  17. Onde, ó parecer, naceu Pan e o seu mito.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Elvira Barba, Miguel Ángel (2008 (3ª ed 2017)). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464.  (en castelán)
  • Franco Llopis e outros, Borja (2018). Imágenes de la tradición clásica y cristiana. Una aproximación desde la iconografía. Centro de Estudios Ramón Areces S. A. ISBN 9788499612720. , px. 143 (en castelán)
  • Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940.  (en castelán)
  • Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574.  (en castelán)
  • Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722.  (en castelán)
  • Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208.  (en castelán)

Outros artigos[editar | editar a fonte]