Plutarco de Queronea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Plutarco.

Mestrio Plutarco (Πλούταρχος Ploútarkhos, Queronea, hoxe desaparecida, actual Grecia, h. 50 ou 46 - h. 120) foi un historiador, biógrafo e ensaísta grego.

Plutarco nace na rexión grega de Beocia, probabelmente durante o goberno do emperador romano Claudio. Realizou moitas viaxes polo mundo mediterráneo, incluíndo unha a Exipto e dúas viaxes a Roma. Grazas á capacidade económica dos seus pais, Plutarco estudou filosofía, retórica e matemáticas na Academia de Atenas sobre o ano 67.

Algúns dos seus amigos foron moi influentes, incluíndo a Soscio Senecio e a Fundano, ambos os dous importantes senadores e aos cales dedicou algúns dos seus últimos escritos. A maior parte da súa vida pasouna en Queronea, onde foi iniciado nos misterios do deus grego Apolo. Porén, as súas obrigas como o maior dos dous sacerdotes de Apolo no Oráculo de Delfos (onde era o responsábel de interpretar os augurios da ou das pitonisas do oráculo) ocupaban aparentemente unha parte pequena do seu tempo. Levou unha vida social e cívica moi activa, ademais de producir unha gran cantidade de escritos, parte dos cales aínda existen.

Máis moralista que filósofo e historiador, foi un dos últimos grandes representantes do helenismo durante a segunda sofística, cando xa tocaba ao seu fin, e un dos grandes da literatura helénica de todos os tempos.

Maxistrado e embaixador[editar | editar a fonte]

Ademais dos seus deberes como sacerdote do templo de Delfos, Plutarco foi tamén maxistrado en Queronea e representou ao seu pobo en varias misións a países estranxeiros durante os seus primeiros anos na vida pública. O seu amigo Lucio Mestrio Floro, cónsul romano, patrocinou a Plutarco para conseguir a cidadanía romana, e de acordo co historiador do século X Xurxo Sincelo, o emperador Hadriano nomeouno, xa na vellez do escritor, procurador de Acaia (provincia romana da península do Peloponeso). Este cargo permitiulle portar as vestiduras e ornamentos propios dun cónsul. A enciclopedia Suda di que o predecesor do emperador Hadriano, Traxano, fixo a Plutarco procurador de Iliria, aínda que moitos historiadores consideran isto como pouco probábel, xa que Iliria non era unha provincia procuratorial, e Plutarco seguramente tampouco falaba o idioma.

Vidas Paralelas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Vidas paralelas.
Edición das Vidas paralelas de Plutarco de Ulrich Han, 1470.

O seu traballo máis coñecido son as Vidas Paralelas, unha serie de biografías de gregos e romanos famosos, elaborada en forma de parellas co fin de comparar as súas virtudes e defectos comúns. As Vidas superviventes conteñen vinte e tres pares de biografías, onde cada par comprende unha vida grega e unha vida romana, así como catro vidas desemparelladas. Como el mesmo explica no primeiro parágrafo da súa Vida de Alexandre, Plutarco non pretendía tanto escribir historias como explorar a influencia do carácter (fose bo ou malo) sobre as vidas e os destinos dos homes famosos. Algunhas das máis interesantes vidas, como, por exemplo, a que fala sobre Heracles e Filipo II de Macedonia, xa non existen, e de moitas das restantes non se dispón da totalidade do texto, de xeito que existen importantes lagoas, deturpacións e interpolacións de escritores posteriores.

Vida de Alexandre[editar | editar a fonte]

O seu Vida de Alexandre é unha das cinco fontes terciarias superviventes sobre o conquistador macedonio, e inclúe anécdotas e descricións de incidentes que non aparecen noutras fontes. Así mesmo, o seu retrato de Numa Pompilio, un dos reis romanos, tamén contén información única sobre o calendario romano inicial.

Outras obras[editar | editar a fonte]

As Moralia[editar | editar a fonte]

Estatua de filósofo, quizais Plutarco. Museo arqueolóxico de Delfos, Grecia.

Os restos superviventes do seu traballo recompílanse baixo o título de Moralia (traducidos como Obras morais e de costumes). O título non llo deu o propio Plutarco, senón o monxe bizantino Máximo Planudes, que recolleu no século XIII diversos traballos dispersos do autor, e incluso outros considerados hoxe espurios, baixo este rótulo. É esta unha colección ecléctica de setenta e oito opúsculos sobre ética (De virtute morali, De virtute et vitio, De laude ipsius, De garrulitate, De vitando aere alieno, De adulatore et amico, De amicorum multitudine, a fragmentaria Epístola sobre a amizade, Amatorius, Praecepta coniugalia, Consolatio ad uxorem, De fraterno amore); política, considerada de forma realista e en que se contrastan superioridade intelectual dos gregos e superioridade política dos romanos (Praecepta gerendae rei publicae, Ad principem indoctum, An seni res publica gerenda sit); sobre Filosofía e Ciencia (Platonicae quaestiones, De anima- ou da erudición aristotélica -De facie in orbe lunae, De primo frigido-, rexeitando o Estoicismo extremo -De Stoicorum repugnantibus, De communibus notitiis adversus Stoicos- e o Epicureísmo -Non posse suaviter vivi secundum Epicurum, De latenter vivendo-); sobre Teoloxía (De E apud delphos, De Pythiae oraculis, De defectu oraculorum, De sera numinis vindicta, De Iside et Osiride, De Daedalis Plataeensibus, conservado en fragmentos); sobre Zooloxía (Bruta animalia ratione uti, De sollertia animalium De esu carnium I-II); sobre Pedagoxía (Plutarco sostén que o fundamento da educación é a lectura e a escritura e a comprensión do mundo infantil (De audiendis poetis, De audiendo)); sobre crítica e erudición (Commentarii in Hesiodum, Quaestiones in Arati signis, conservadas de forma fragmentaria, De comparatione Aristophanis et Menandri epitome, De Herodoti malignitate, De mulierum virtute, colección de anécdotas históricas, Aetia Romana, Aetia Graeca); de tipo declamatorio (An virtus doceri possit, De fortuna); sobre Historia (De Alexandri Magni fortuna aut virtute, De fortuna Romanorum, De gloria Atheniensium) e de temática miscelánea (Quaestiones Conviviales, en nove libros, a máis ampla obra plutarquea, concibida como un banquete sobre os temas máis diversos; Septem Sapientium Convivium, un imaxinario convite de tradición gnómica entre os antigos Sete Sabios que discuten e enuncian as súas célebres máximas).

Diálogo Sobre a música de Plutarco, 1735.

A forma destes opúsculos é tamén variábel e vacila entre o diálogo, a diatriba estoico-cínica, o tratado ou o discurso epidíctico, o que chamariamos modernamente ensaio. Un dos máis importantes é Sobre Isis e Osiris, pois é o principal documento extenso sobre o culto de Osiris e Isis e ademais é posibelmente a última obra de Plutarco, polo que dalgunha maneira sintetiza o seu pensamento. Baixo o nome de Diálogos píticos agrúpanse tres destes opúsculos: O E de Delfos, Os oráculos da Pitia e A desaparición dos oráculos foron compostos seguramente mentres se achaba ao servizo do templo de Apolo en Delfos. A temática destes diálogos relaciónase con este mundo máxico e escuro: a evolución das respostas oraculares, o rito e o ornato monumental e a decadencia das sedes oraculares. Sobre a Fortuna ou as Virtudes de Alexandre o Grande é unha fonte importante sobre a vida do gran conquistador. Sobre a Malicia de Heródoto podería constituír, como as oracións sobre os feitos de Alexandre, un exercicio retórico e critica o que el ve como o desvío sistemático no traballo de Heródoto. Hai tamén tratados de tipo máis filosófico como o xa citado Sobre a Decadencia dos Oráculos, Sobre a demora da divina vinganza ou Sobre a paz da mente. Ademais, o seu legado inclúe obras máis lixeiras como Odiseo e Grilio, un diálogo humorístico entre o Ulises de Homero e un dos porcos encantados de Circe. Os Moralia foron compostos en primeiro lugar, mentres que a escritura das Vidas ocupou a maior parte das dúas últimas décadas da vida de Plutarco.

Algunhas edicións dos Moralia inclúen moitos traballos que hoxe en día son recoñecidos como apócrifos. Entre estes atópanse as Vidas dos Dez Oradores (biografías dos dez mellores oradores da antiga Atenas, baseadas en Cecilio de Calacte), As doutrinas dos filósofos e Sobre a música. Atribúese estas obras a un «pseudo-Plutarco», aínda que a autoría real é, por suposto, descoñecida. Aínda que as opinións e o pensamento rexistrado nestas obras non parecen pertencer a Plutarco e poden proceder dunha época posterior, son así mesmo textos de orixe clásica con valor histórico.

Cuestións[editar | editar a fonte]

Existen un par de traballos menores compilados nas Cuestións, un sobre escuros detalles dos costumes e o culto romano e outro sobre o mesmo tema en Grecia.

Plutarco nas literaturas hispánicas[editar | editar a fonte]

A primeira tradución a unha lingua vernácula europea da obra de Plutarco é a debida ao Gran Mestre da Orde de San Xoán de Xerusalén Johan Ferrández d'Heredia (h. 1310 - 1396) que mandou traducir ao aragonés en 1389 a gran maioría das Vidas desde unha versión intermedia que Demetrio Talodico fixo ao grego bizantino; esta versión foi pronto vertida ao italiano e circulou entre os ávidos humanistas itálicos do século XV. Despois Alfonso de Palencia traduciu todas as Vidas paralelas en 1491 ao castelán. O humanista protestante español Francisco de Encinas ou de Enzinas traduciu parte delas e dedicounas a Carlos V en 1551. Diego Gracián de Alderete traduciu as dúas que faltaban a Enzinas e ademais os Moralia, cuxa versión impresa apareceu en 1548. Xa antes frei Antonio de Guevara saqueara as obras do Queronense sen piedade e sen precisión nas citas. Quevedo fixo unha tradución glosada da Vida de Marco Bruto que é unha das súas mellores obras e un monumento de prosa conceptista. No século XIX fíxose célebre a tradución das Vidas de Antonio Ranz Romanillos, que se ten reimprimido ata a actualidade.

Plutarco na literatura francesa[editar | editar a fonte]

A tradución francesa das Vidas paralelas por Amyot (1559) tivo unha importancia capital para o humanismo europeo, dando unha extraordinaria popularidade ao queronense, tanto que se pode dicir que sen ela Montaigne non podería escribir os seus Essais. Xa no século XVIII Jean-Jacques Rousseau estudou de neno non só as Vidas, que aprendeu de memoria, senón os Tratados morais, e sacou deles notas e extractos. Admiraba especialmente a descrición das leis e as virtudes de Esparta e arelou unha reforma política que empezase por unha reforma moral segundo os vellos valores cívicos espartanos; durante os anos da Revolución Francesa ningún autor houbo máis popular que Plutarco, e escribíanse traxedias inspiradas nos seus heroes..

Plutarco na literatura anglosaxoa[editar | editar a fonte]

Os escritos de Plutarco tiveron unha enorme influencia sobre a literatura inglesa. Shakespeare parafrasea en moitas das súas obras partes da tradución das Vidas paralelas que Thomas North fixo desde a famosa tradución ao francés de Amyot en 1579, e Julio César, Coriolano, Antonio e Cleopatra e Timón de Atenas o corroboran. Ralph Waldo Emerson e os transcendentalistas estiveron moi influenciados polos Moralia (Emerson escribiu unha moi brillante introdución ao quinto volume na súa edición do século XIX dos Moralia). Boswell cita os comentarios sobre a escritura das Vidas de Plutarco na introdución da súa propia Vida de Samuel Johnson. A súa lista de admiradores inclúe a Ben Jonson, John Dryden, Alexander Hamilton, John Milton e Sir Francis Bacon, así como figuras tan dispares como Cotton Mather e Robert Browning.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Obra propia en castelán[editar | editar a fonte]

  1. Volumen I: Teseo & Rómulo; Licurgo & Numa. ISBN 978-84-249-0985-7. 
  2. Volumen II: Solón & Publícola; Temístocles & Camilo; Pericles & Fabio Máximo. ISBN 978-84-249-1796-8. 
  3. Volumen III: Coriolano & Alcibíades; Paulo Emilio & Timoleón; Pelópidas & Marcelo. ISBN 978-84-249-2860-5. 
  4. Volumen IV: Arístides & Catón; Filopemen & Flaminino; Pirro & Mario. ISBN 978-84-249-2867-4. 
  5. Volumen V: Lisandro & Sila; Cimón & Lúculo; Nicias & Craso. ISBN 978-84-249-2870-4. 
  6. Volumen VI: Alexandre & César; Agesilao & Pompeyo; Sertorio & Eumenes. ISBN 978-84-249-2881-0. 
  • Obras Morales y de Costumbres (Moralia). Obra completa en 13 volúmenes. Madrid: Editorial Gredos, 1986/2004. ISBN 978-84-249-1601-5
  1. Volumen I: Sobre la educación de los hijos; Cómo debe el joven escuchar poesía; Sobre cómo se debe escuchar; Cómo distinguir a un adulador de un amigo; Cómo percibir los propios progresos en la virtud; Cómo sacar provecho de los enemigos; Sobre la abundancia de amigos. ISBN 978-84-249-0973-4. 
  2. Volumen II: Sobre la fortuna; Sobre la virtud y el vicio; Escrito de consolación a Apolonio; Consejos para conservar la salud; Deberes del matrimonio; Banquete de los siete sabios; Sobre la superstición. ISBN 978-84-249-1069-3. 
  3. Volumen III: Máximas de reyes y generales; Máximas de romanos; Máximas de espartanos; Antiguas costumbres de los espartanos; Máximas de mujeres espartanas; Virtudes de mujeres. ISBN 978-84-249-1232-1. 
  4. Volumen IV: Charlas de sobremesa. ISBN 978-84-249-1253-6. 
  5. Volumen V: Las cuestiones romanas y las cuestiones griegas; Sobre la fortuna de los romanos; Sobre la fortuna de Alexandre; Sobre la fama de los atenienses; ¿Fueron los atenienses más ilustres en guerra o en sabiduría?. ISBN 978-84-249-1404-2. 
  6. Volumen VI: Isis y Osiris; Diálogos píticos: «La E de Delfos», «Los oráculos de la Pitia» y «La desaparición de los oráculos». ISBN 978-84-249-1791-3. 
  7. Volumen VII: Si la virtud puede enseñarse; Sobre la virtud moral; Sobre el refrenamiento de la ira; Sobre la paz de alma. ISBN 978-84-249-1789-0. 
  8. Volumen VIII: Sobre el amor a la riqueza; Sobre la falsa vergüenza; Sobre la envidia y el odio; De cómo alabarse sin despertar envidia; De la tardanza de la divinidad en castigar; Sobre el hado; Sobre el demon de Sócrates; Sobre el destierro; Escrito de consolación a su mujer. ISBN 978-84-249-1804-0. 
  9. Volumen IX: Sobre la malevolencia de Heródoto; Cuestiones sobre la naturaleza; Sobre el principio del frío; Sobre si es más útil el agua o el fuego; Sobre la cara visible de la luna; Sobre la inteligencia de los animales; Grilo; Sobre comer carne. ISBN 978-84-249-2322-8. 
  10. Volumen X: Erótico; Narraciones de amor; Seis tratados políticos: «Sobre la necesidad de que el filósofo converse con los gobernantes», «A un gobernante falto de instrucción», «Sobre si el anciano debe intervenir en política», «Consejos políticos», «La inconveniencia de contraer deudas», etc.; Vidas de los diez oradores; Comparación de Aristófanes y Menandro. ISBN 978-84-249-2381-5. 
  11. Volumen XI: Tratados platónicos: «Cuestiones platónicas», «Sobre la generación del alma en el “Timeo”» y «Epítome a ‘Sobre la generación del alma en el “Timeo”’»; Tratados antiestoicos: «Las contradicciones de los estoicos», «Los estoicos dicen más disparates que los poetas» y «Sobre las nociones comunes, contra los estoicos». ISBN 978-84-249-2715-8. 
  12. Volumen XII: Tratados antiepicúreos: «Contra Colotes», «Sobre la imposibilidad de vivir placenteramente según Epicuro» y «De si está bien dicho lo de “vive ocultamente”». ISBN 978-84-249-2714-1. 
  13. Volumen XIII: Sobre la música; Fragmentos. ISBN 978-84-249-2719-6. 

Sobre Plutarco[editar | editar a fonte]

  • Fernández Delgado, J. A. & Pordomingo Pardo, Fca. (eds.). Estudios sobre Plutarco. Aspectos formales de la obra de Plutarco. ISBN 84-7882-240-2. 
  • García Valdés, M. Estudios sobre Plutarco. Ideas religiosas. ISBN 84-7882-135-X. 
  • Morales Ortiz, A. Plutarco en España: Traducciones de Moralia en el siglo XVI. ISBN 84-8371-180-X. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Plutarco de Queronea
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Plutarco de Queronea
Neoplatonismo
Filósofos neoplatónicos Amonio Sacas | Filón de Alexandría | Hipatia | Iámblico | Plotino | Plutarco | Porfirio | Proclo | Pseudo-Dionisio
Conceptos básicos Emanacións | Hipóstase | Monismo | Nous | Un
Filósofos influenciados Agostiño de Hipona | Escoto Eríxena | Marsilio Ficino | Pico della Mirandola