Poseidón de Artemision
O Poseidón de Artemision é unha estatua en bronce no denominado estilo severo grego [1], datada c. 460 a.C. Neste momento, a escultura xa perdeu a frontalidade e o estatismo propios de épocas pasadas, pero a figura segue apoiándose en ámbolos pés, a pesar de que comeza a apuntarse o dinamismo.
Foi atopada no fondo do mar, en 1928, cerca do cabo Artemisio, ó norte da illa de Eubea, se ben un dos brazos xa fora atopado dous anos antes. Procede do afundimento dun barco no século I a.C. [2] Exponse no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.
Descrición
[editar | editar a fonte]Representa o deus Poseidón nu, en pé e en actitude de lanzar o tridente (que non se recuperou). A actitude pode asimilarse tamén á de Zeus lanzando o seu raio, polo que a escultura foi identificada cun ou outro deus [3], e recibiu o nome de "Deus do cabo Artemísion", pero existe un relevo romano onde se ve co tridente na man, o que descarta a confusión coa figura de Zeus [4]. A páxina web do Museo titula a obra como "Poseidón de Cabo Artemision" [1].
Tratase dunha escultura en vulto redondo, de estilo naturalista idealizado. Ten unha altura de 209 cm e un ancho máximo de 210 cm. Está realizada en bronce mediante a técnica da cera perdida, un método escultórico que permite obter a figura a partir dun molde elaborado con cera. Reflicte perfectamente a idea de mobilidade, para o que o deus precisa ter gran liberdade de movemento, iso esixe representalo nu (mentres que Zeus represéntase con capa ou túnica). Tamén a posición da man dereita, cos dedos abertos, parece apuntar a que sostén un tridente, mentres que un raio se representaría asido coa man pechada.
Presenta un gran realismo (na musculatura e na modelaxe do pelo e da barba), lonxe do xeometrismo arcaico. O estilo severo reflíctese na contraposición da tensión e esforzo do momento de lanzar o tridente, fronte á serenidade e sobriedade do rostro.
A autoría se atribuíu, sen seguridade, ó escultor Kalamis, un dos principais representantes do estilo severo. Non se conserva ningunha obra súa pero coñécense por copias ou por estar reproducidas en moedas [2].
No adro principal da sede das Nacións Unidas, en Nova York, exponse unha réplica desta escultura, doada polo goberno grego.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Etapa de transición entre o período Arcaico e o Clasicismo pleno, durante a primeira metade do século V a.C. Tamén se denomina Clasicismo temperán. Outra gran obra deste mesmo momento é o Auriga de Delfos.
- ↑ As circunstancias do achado impiden saber qué función puido ter ou o lugar ó que estaría destinada a escultura.
- ↑ "De controvertida identificación" (Martínez de la Torre, px. 167).
- ↑ Elvira Barba, px. 129.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Poseidón de Artemision |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Elvira Barba, Miguel Ángel (2017). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464. (en castelán)
- Martínez de la Torre, Cruz (2016). Arte de las grandes civilizaciones clásicas: Grecia y Roma. Centro de Estudios Ramón Areces. ISBN 9788499612287. (en castelán)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas (en inglés)
- Artehistoria.com (en castelán)
- Aula de Historia.org Arquivado 14 de abril de 2021 en Wayback Machine. (en castelán)