Partenón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 37°58′16″N 23°43′33″L / 37.97111, -23.72583

Partenón
The Parthenon in Athens.jpg
Vista xeral do Partenón
Presentación
Nome local Παρθενων
Localización Atenas, Grecia Grecia
Estilo Arquitectura clásica
Tipo Templo grego
Propietario Goberno de Grecia
Declaración Patrimonio da Humanidade
Construción
Inicio 447—438 a. C.
Equipo
Arquitecto(s) Ictino, Calícrates e Fidias

O Partenón (en grego: Παρθενων) é a construción máis famosa da Grecia antiga que permaneceu até hoxe en día. A súa edificación foi unha homenaxe á deusa Atenea, patroa da cidade de Atenas.

É o máis admirado dos templos gregos e o maior de todo o mundo helénico. Construíuse na Acrópole de Atenas en substitución do que fora destruído no saqueo persa entre o 447 e 438 a.C., por Ictino e Calícrates. Á parte da escultura, executada por Fidias e mailos seus discípulos, levou máis de sete anos en concluír. O templo está feito de mármore do Pentélico, agás os alicerces, e realizouse en estilo dórico (aínda que o friso interior e máis algúns pequenos detalles sexan xónicos). O perístilo ten 17 columnas de cada lado e 8 nos extremos (máis dúas do que se adoitaba naquel tempo). Na cella atopábase a famosa estatua de Athena Parthenos, de Fidias. As 92 métopas do friso exterior representan a loita dos Centauros cos Lapitas, a Xigantomaquia, a Amazonomaquia e outros combates; o pedimento do lado nacente, o nacemento de Atenea, e o do lado poñente, a loita entre a deusa e Poseidón pola pose da cidade; o friso exterior, a procesión das Panateneas, cos deuses a observala. O edificio, en que foron aplicados todos os requintes da éntase, mantívose case intacto até 1687, data en que unha explosión de pólvora gardada nel, durante a guerra entre turcos e venecianos, destruíu a cobertura. O pedimento e as métopas foron apropiados por Lord Elgin e vendidos ao Museo Británico, en 1816; outras foron para o Museo do Louvre, conservándose algunhas in loco.

Historia[editar | editar a fonte]

Proxecto[editar | editar a fonte]

Vista do lado sur.

O edificio foi construído por iniciativa de Pericles, líder político ateniense do século V aC, e a súa construción foi supervisada por Fidias, quen ademais encargouse das esculturas decorativas. Os arquitectos do Partenón foron Ictinos e Calícrates. A súa construción comezou no ano 447 a.C. sendo rematado no 438 a.C., aínda así os traballos de decoración non remataron ata o ano 433 a.C. Algúns datos sobre os gastos da construción sobreviviron ata hoxe en día, estes demostraron que o maior gasto da construción deuse no transporte da pedra dende o Monte Pentélico, a uns 16 km preto de Atenas. O orzamento da obra, preto de 2.000 talentos, cifra colosal para a época, proviña da Liga de Delos, cuxos tesouros foran transferidos do Santuario de Delos á acrópole no ano 454 aC. A pesar de que o Templo Hefesto considérase o máis completo supervivente da orde dórica, o Partenón constitúe o máis refinado. Segundo JJ Norwich:

O Partenón gozaba da reputación de ser o templo dórico máis perfecto xamais construído. Ata na antigüidade, o seu refinamento arquitectónico foi lendario, sobre todo a sutil relación entre a curvatura do estilóbata, o estreitamento da nave e os entalles das columnas.

Séculos seguintes[editar | editar a fonte]

O Partenón conservou o carácter relixioso ao longo do tempo como igrexa bizantina, igrexa latina e mesquita musulmá. Non obstante, en 1687, os turcos empregaron o edificio como depósito de pólvora durante o asedio por parte da República de Venecia da Atenas dependente do imperio otomán. As tropas venecianas estaban baixo o mando do almirante Francesco Morosini. Un dos canonazos venecianos caeu no Partenón e causou unha enorme explosión que destruíu gran parte da edificación, conservada en boas condicións ata ese momento. Hai lendas que suxiren que Morosini tiña información de que o Partenón se convertera nunha polvoreira.

O posterior proceso de deterioración e erosión continuou e os danos seguiron a principios do século XIX, cando o embaixador británico en Constantinopla, Thomas Bruce Elgin, decidió quitar a meirande parte da decoración escultórica que quedaba no monumento (frisos, métopas, frontóns) e trasladala a Inglaterra para vendela ao Museo Británico, onde aínda se exhibe, sendo unha das coleccións máis significativas do museo. A fachada occidental do Partenón está conservada relativamente intacta.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Planta do Partenón.

O deseño do Partenón estivo condicionado inicialmente polo proxecto de albergar a imaxe de ouro e marfil de Atenea Parthenos, esculpida por Fidias. A colosal estatua de doce metros de altura precisaba unha inmensa cella de máis de 18 metros de largo, dividida en tres naves mediante unha columnata dobre formada por dúas ordes superpostas de estilo dórico. A nave central medía dez metros de largo. Dentro da cella do lado leste, a columnata dispúxose en forma de "U" e estaba composta por nove columnas cun entrepano entre cada unha delas, nos lados máis longos do "U" e por tres columnas con dous entrepanos no lado máis curto.

Na zona oeste, no fondo do interior da columnata de catro columnas, situábase o basamento da estatua para o culto a Atenea Parthenos cun amplo estanque, pouco profundo, que producía un efecto de brillo mediante a auga que había fronte á estatua. Ambas as cellas estaban pechadas por portas de bronce.

A cella do leste estaba dedicada a Atenea Polías, protectora da cidade, e a cella do oeste estaba dedicada a Atenea Párthenos, "a virxe", polo que todo o edificio acabou sendo coñecido como Partenón.

Esta construción é un dos exemplos máis claros dos coñecementos en xeometría por parte dos matemáticos e arquitectos gregos. É octástilo e períptero, é dicir, ten columnas en todo o seu perímetro, oito nas dúas fachadas máis curtas e dezasete nas laterais. Consta dunha dobre cella con pronaos e opistodomo, mais cun próstilo de seis columnas.

Os arquitectos conseguiron que o efecto visual que mostra o Partenón non permitise apreciar a antiestética deformación que se percibe ao situarse nas proximidades doutros grandes monumentos. Lograron obter un efecto visual máis estético con algunhas alteracións na súa construción: columnas con éntase, un pouco curvadas cara ao centro, non equidistantes e algo máis grosas nas esquinas; o frontón levemente arqueado e a estilóbata lixeiramente convexa.

Decoración[editar | editar a fonte]

Esquina do friso occidental do Partenón.
Detalle do friso, no Museo Británico.

A decoración escultórica do Partenón é unha combinación única das métopas (esculpidas en altorrelevo que se estenden polos catro lados externos do templo), os tímpanos (ocupando os espazos triangulares de cada frontón) e un friso (esculpido en baixorrelevo e que abrangue o perímetro exterior da cella). Neles represéntanse varias escenas da mitoloxía grega. Ademais, as diferentes partes do templo estaban pintadas de cores vivas. O Partenón é, sen dúbida, o máximo expoñente da orde dórica, como se pode apreciar no deseño do friso ou das súas columnas.

As métopas de cada fachada representaban distintas escenas: a xigantomaquia no lado leste, a amazonomaquia no oeste, a centauromaquia no sur, e escenas da guerra de Troia no norte. Cada tímpano do templo tiña unha escena mitolóxica: ao leste, sobre a entrada principal do edificio, o nacemento de Atenea, e ao oeste, a loita entre Atenea e Poseidón polo patrocinio da cidade de Atenas. No interior, o friso mostraba a representación da procesión das Panateneas, o festival relixioso máis importante de Atenas. A escena desenvolvíase ao longo dos catro lados do edificio e inclúe figuras de deuses, bestas e uns trescentos sesenta seres humanos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Partenón

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]