Creteo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Na mitoloxía grega, Creteo foi o fundador de Iolco e rei desta cidade. Era fillo de Eolo e Enareta (ou Enáreta), e irmán de Sísifo, Salmoneo, Magnes, etc.

Uníndose coa súa sobriña Tiro, filla de Salmoneo, tivo tres fillos: Esón, Feres e Amitaón [1]. Por Esón, Creteo era o avó de Xasón, o heroe que encabezou a expedición dos Argonautas. Outras fontes engaden outros fillos de Creteo: Tálao [2], Hipólita [3] e Mirina [4].

Tiro xa tiña dous fillos xemelgos antes de casar con Creteo, Neleo e Pelias, habidos con Poseidón [5], que Creteo adoptou como seus. A lenda conta que Tiro estaba namorada do deus-río Enipeo e achegábase á beira a lamentarse. Enipeo non estaba interesado nela, así que Poseidón, aproveitando a situación, tomou a forma de Enipeo e xaceu con Tiro, que quedou embarazada. Pero Tiro decidiu abandonar ós meniños no monte, onde unha egua que pasou por alí rozou co pezuño a cara dun deles, deixándoo marcado. O dono da besta recolleunos e criounos, chamando Pelias ó que tiña a marca e Neleo ó outro [6].

Pelias quixo dominar toda Tesalia e expulsou a Neleo, reinando sobre Iolco tras Creteo. Un oráculo advertiulle que tivera coidado cun home que levara unha sandalia nada máis. Este home cunha soa sandalia foi Xasón.

Neleo exiliouse e fundou a cidade de Pilos, en Mesenia. Terminou morrendo a mans de Heracles, xunto a once dos seus doce fillos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 9, 11.
  2. Futuro rei de Argos e pai de Adrasto, que outros consideran fillo de Abante.
  3. A muller de Acasto, fillo de Pelias.
  4. Esposa de Toante, rei de Lemnos.
  5. Hixino: Fábulas 157, 3.
  6. Pseudo-Apolodoro I, 9, 8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]