Xasón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xasón é un heroe mitolóxico grego. Era fillo de Esón e de Alcímeda, rei de Yolcos, quen foi destronado polo seu irmán Pelias. O oráculo advertiuno de ter coidado cun home calzado cunha soa sandalia porque poría en perigo o seu trono.

Xasón foi educado polo centauro Quirón ata que foi adulto. Cando Xasón cumpriu os vinte anos, dirixiuse a Yolcos disposto a recuperar o trono que por herdanza lle pertencía. No camiño, tivo que cruzar un río onde perdeu unha das súas sandalias. Ao chegar á cidade, foi chamado polo seu tío Pelias e este, ao darse conta de que aquel podía ser o home que anunciaba o oráculo, decidiu afastalo da súa terra enviándoo a unha difícil misión: viaxar ata a Cólquida (ao pé do Cáucaso), e traer de alí o vélaro de ouro, que fora a pel dun carneiro fabuloso que salvara a vida a Frixo, antepasado de Pelias, e trasladouno á Cólquida. Alí Frixo ofreceu en sacrificio a Zeus este carneiro e logo regalou a pel do animal, que era de ouro, ao rei Eetes, que o depositou nunha árbore custodiada por dous touros que botaban lume pola boca e unha serpe que endexamais durmía.

Os Argonautas[editar | editar a fonte]

Xasón, acompañado dun grupo duns cincuenta heroes gregos (Orfeo, Cástor, Pólux, Peleo, Hércules, Teseo, Laertes, Atalanta -única muller da expedición, famosa corredora e porteira—, Meleagro...) organizou a expedición. Encargoulle a Argos, a construción do navío que recibiu o nome de Argo en homenaxe ao seu construtor. E do nome da nave tomaron á súa vez o de Argonautas (mariñeiros de Argo) os heroes que nela embarcaron. Reunidos pois os Argonautas, fixéronse á mar en dirección á Cólquida.

Non moito despois chegaron á illa de Lemnos, onde só habitaban mulleres. A raíña, Hipsípila, que se namorou de Xasón, contoulle que as mulleres da illa foran castigadas pola deusa Afrodita, ao non renderlle culto, impregnándoas dun cheiro tan desagradable que os homes rexeitáronas, uníndose con mulleres das illas veciñas. En vinganza, as lemnias mataron aos homes da illa. Os Argonautas permaneceron con elas un tempo e logo marcharon.

Logo de pasar por algúns países, chegaron a Salmideso onde atoparon a Fineo, cego e adiviño, ao que os Argonautas axudaron a se desfacer das Harpías, monstros voadores con rostro de muller, garras e ás, que, cumprindo un castigo imposto polos deuses, impedían que Fineo se puidese alimentar.

Fineo, en agradecemento, informou aos Argonautas sobre o camiño a seguir ata a Cólquida e ademais díxolles como podían superar o perigo que lles esperaba ao chegaren ás Rochas Azuis, dous enormes penedos flotantes en continuo movemento que chocaban entre si esmagando a todos os que pretendían pasar entre elas.

Superado este obstáculo, chegaron á Cólquida. Xasón anunciou o seu propósito ao seu rei Eetes. Este díxolle que lle deixaría ir co vélaro de ouro se antes daba xunguido aos dous touros que o custodiaban, arar un campo con eles, arroxar sobre os sucos uns dentes que entregara Atenea ao rei e logo vencer a unha serpe que nunca durmía e que permanecía a carón da árbore onde se achaba o vélaro. Medea, a filla do rei Eetes, que era feiticeira, namorouse apaixonadamente de Xasón e axudou a este a levar a bo termo a súa fazaña (previo compromiso de Xasón de levala consigo a Yolcos), pondo en práctica a súa bruxaría.

Deu a Xasón unha apócema máxica para que non lle fixesen dano os touros monstruosos. Unha vez que deu xunguido aos touros, lanzou os dentes sobre os sucos feitos na terra. Deles brotaron centos de homes armados que se lanzaron contra o heroe, pero este, seguindo as instrucións de Medea, arroxou unha pedra entre eles e os exércitos enfrontáronse entre si. Logo, Medea provocou un terrible soño á serpe, Xasón apoderouse da prezada pel e fuxiu cos seus homes, con Medea e co irmán desta, Apsirto, na súa embarcación. Os homes de Eetes perseguiron á nave e Medea matou a seu irmán, esnaquizouno e botouno ao mar. O rei Eetes recolleu os restos do seu fillo e perdeu de vista aos Argonautas.

Logo disto, os Argonautas emprenderon o regreso sorteando diversos perigos: tempestades, o asedio das Sereas, o ataque dos monstros Escila e Caribdis. Finalmente chegaron a Yolcos. Alí Pelias recibiu de Xasón o vélaro e logo morreu, nas mans das súas propias fillas, debido a unha artimaña de Medea. Entón Xasón e Medea fuxiron a Corinto. Tiveron dous fillos. Pero máis tarde Xasón repudiou á súa muller para casar con Glauca, filla do rei de Corinto. Medea, para se vingar, acabou coa vida de Glauca e coa dos fillos que tivera con Xasón.

Xasón e o cinema[editar | editar a fonte]

Existen cinco filmes que tratan sobre a viaxe dos argonautas en busca do vélaro: Jason and the Argonauts, 1963, dirixida por Don Chaffey na que salientan os efectos especiais de Ray Harryhausen, Jason and the Argonauts (2000) un telefilm producido por Hallmark, Medea (1969) de Pier Paolo Pasolini con María Calas, "Os xigantes de Tessaglia" (1961) e "Hércules" (1958).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Xasón