Hércules (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hércules
Antonio del Pollaiolo - Ercole e l'Idra e Ercole e Anteo - Google Art Project.jpg
Hércules e a Hidra, por Antonio Pollaiuolo
PaiXúpiter
NaiAlcmena
FillosAventinus
editar datos en Wikidata ]

Hércules era o nome na mitoloxía romana do heroe da mitoloxía grega Heracles, sendo unha metátese do nome grego. Era fillo de Xúpiter, o equivalente romano do deus grego Zeus, e a mortal Alcmena.

Os romanos adoptaron a versión grega da súa vida e traballos sen cambios esenciais, pero engadiron detalles anecdóticos propios, algúns deles relacionando ao heroe coa xeografía do mar Mediterráneo occidental. Os detalles do seu culto tamén foron adaptados na Península Ibérica.

Os Doce Traballos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Os doce traballos de Heracles.

Heracles, nun ramo de loucura enviado pola deusa Hera, matou ós seus fillos. Para expiar semellante pecado foi consultar o Oráculo de Delfos, que lle dixo que debía poñerse ó servizo do seu primo Euristeo e acometer dez traballos que este lle impuxera.

No décimo traballo, Heracles tivo que roubar o gando do xigante Xerión, que vivía nunha illa chamada Eritía (ou Eritea) (hoxe Gadir ou Gades, é dicir, Cádiz). A tradición máis estendida di que conseguiu facelo logo de matar ó pastor que o coidaba, ó monstruoso can que tiña (Ortro) e ó propio Xerión, tralo cal regresou a Micenas, pero outras variantes cambian o final do sucedido.

Hércules en España[editar | editar a fonte]

Na viaxe a Eritía percorre o sur de Europa, cruza o Mediterráneo para chegar a Libia (que daquela designaba todo o norte de África) e chega por fin a Xibraltar, onde se localizaba Tartessos (na desembocadura do Guadalquivir) e alí, no linde entre Europa e Libia, ergueu as Columnas de Hércules.

Foi o mesmo Hércules quen separou os dous montes unidos (Abila e Calpe) como un cordal continuo e así foi como ó Océano, contido antes pola mole dos montes, déuselle ós lugares que agora anega".
(Pomponio Mela: Corografía, I5, 27)

España non foi allea ó uso da figura de Hércules como ferramenta de propaganda política. Desde a Crónica xeral de Afonso X o Sabio, dáse por certo que Hércules fundara Sevilla e sentara as bases da monarquía española. A apropiación do mito pode verse nos frescos do teito do camarín grande da Casa de Pilatos (Sevilla), pintados por Francisco Pacheco en 1604 [1], ou no conxunto que pintou Zurbarán para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), en 1634.

Hércules en Galicia[editar | editar a fonte]

Escudo da Coruña, coa torre e a caveira de Xerión.

Ferro Ruibal recolle a seguinte lenda nunha crónica galega de 1344.

No centro o sur de Hispania vivía un rei chamado Xerión (ou Xedeón), que gobernaba tiranicamente e esixía ós seus súbditos a metade do que posuían, matando a quen se negaba a satisfacer semellante tributo. Ó saber que o heroe grego Hércules, afamado protector dos débiles, andaba por onde hoxe é Lisboa, pedíronlle que viñese na súa axuda.

Hércules accedeu e dispúxose a loitar con Xerión, pero este colleu medo e fuxiu cara o norte coa súa xente. Hércules deulle alcance xa en Gallaecia, e comezaron a loitar. Tras catro días de agarrada, Hércules venceu e cortoulle a cabeza a Xerión, enterrou a súa caveira e sobre ela ergueu unha alta torre que, reconstruída polos romanos, se coñecería como a Torre de Hércules [2]. No escudo da cidade aparece a torre e, por baixo dela, a caveira de Xerión.

Fundou no lugar unha nova cidade, e a primeira persoa que se presentou foi unha muller chamada Crunna, polo que mandou que a cidade tomase o nome daquela muller.

Na Crónica Xeral de España de Afonso X, cóntase que Hércules chegou en barca ás costas que rodean actualmente a Torre, e que foi precisamente no lugar onde hoxe se sitúa esta onde enterrou a cabeza do xigante Xerión.

Ferro engade que, segundo a tradición, Hércules tamén fundou Lugo e Iria Flavia. Cómpre lembrar tamén que houbo outros heroes míticos gregos que viñeron fundar cidades en Galicia, como Teucro en Pontevedra e Tyde en Tui.

Hércules no cine[editar | editar a fonte]

As interpretacións modernas da lenda de Hércules móstrano como un líder sabio e bo amigo (en moitas das adaptacións televisivas e cinematográficas representase así, especialmente na serie dos anos 1990 Hercules: The Legendary Journeys e na película Hércules). A pesar de que Hércules foi un campión e un gran guerreiro, non foi alleo ás trampas e enganos ao seu favor.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juan José Castillo Herrera: "La Apoteosis de Hércules: un discurso humanista en la Sevilla del Renacimiento", en Eviterna, Revista de Humanidades, Arte y Cultura. Número especial, xullo 2017 (ISSN: 2530-6014).
  2. Ou "Torre de Breogán", engade Xoán R. Cuba que di que mellor se chamaría de Xerión (Dicionario dos seres míticos galegos, s. v. 'Hércules'). Hércules, tras matar a Xerión, arrecadou o gando e comezou o regreso a Grecia, se ben foi perdendo algunhas reses polo camiño de volta, roubadas ou extraviadas. Cuba pensa na posibilidade de que os illotes Boi Grande e Boi Pequeno, fronte á punta de Orzán, na Coruña, foran algúns destes animais extraviados.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • CUBA, X. R. e outros: Dicionario dos seres míticos galegos, Xerais, Vigo, 5ª ed. 2008.
  • FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.