Pitón (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Apolo matando a Pitón, gravado por Virgin Solis, do primeiro libro das Metamorfoses de Ovidio.

Na mitoloxía grega, Pitón era unha serpe xigantesca, ás veces representada como un dragón, que vivía no centro da terra, que os antigos gregos situaban en Delfos (orixinalmente chamado Pytho). Crese que naceu do lodo despois do gran Dioivo e que exterminaba homes e animais da contorna.

Pitón, ás veces escrito Phython, moraba en Delfos. Os gregos consideraban que o lugar era o centro da terra, representado por unha pedra, o Omphalos ou o embigo.

O relato mitolóxico sostén que Zeus deitouse coa deusa Leto, coa que tivo dous fillos xemelgos: Artemisa e Apolo. Ao sabelo Hera -a esposa de Zeus- da xestación de Leto, e celosa como coas outras infidelidades do deus, enviou a Pitón a perseguir a Leto por todas as terras para que non puidese dar a luz en ningún lugar iluminado polo sol [1].

Cando Apolo creceu, quixo vingar a difícil situación da súa nai e perseguiu a Pitón, dirixíndose directamente ao monte Parnaso onde moraba a serpe, ata o oráculo de Gaia en Delfos. Outra versión conta que Apolo, na súa xuventude [2], quixo apropiarse do oráculo de Delfos, custodiado por Pitón, polo que matou a serpe. En todo caso, entrou no recinto sagrado e matou a Pitón coas súas frechas, xunto á fendedura da roca onde a sacerdotisa se sentaba no seu trípode; desde entón, foi coñecido como Apolo Pitio. Suponse que desa fendedura saían os vapores que permitían á sacerdotisa emitir os seus oráculos. Higinio recolleu a lenda de que un oráculo vaticinara que pitón morrería a mans dun fillo de Leto.

Tras matar a serpe, gardou as súas cinzas nun sarcófago, que enterrou baixo o ónfalo do templo de Delfos. Despois, para aplacar a opinión local en Delfos, ou ben para evitar ser castigado por matar a Pitón (que, ó cabo, era fillo de Gaia, a Terra), Apolo instituíu uns xogos fúnebres regulares en honor de Piton, coñecidos como Xogos Píticos. Ovidio explícao como a forma de que o tempo nunca puidese borrar a memoria da súa fazaña [3].

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Grimal, Pierre: Diccionario de Mitología griega y romana. Paidós, 1ª ed., 7ª reimpresión.
  • Ovidio: Metamorfosis. Alianza Editorial, 2017, 3ª ed., 2ª reimpresión.
  1. Zeus convenceu a Posidón de que a ocultara e este levouna á illa Ortigia, daquela cuberta polas augas, onde puido parir ó abrigo dos raios do sol.
  2. Segundo Grimal, cando Apolo tiña tres días.
  3. Ovidio, Metamorfosis, Libro I, 434-452.