Deuses olímpicos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fragmento dun relevo helenístico (século-I – século I) representando ós doce olímpicos portando os seus atributos en procesión; de esquerda a dereita, Hestia (maza), Hermes (gorro alado e bastón), Afrodita (cun veo), Ares (casco e lanza), Deméter (cetro e presa de trigo), Hefesto (bastón), Hera (maza), Poseidón (tridente), Atenea (bufo e casco), Zeus (raio e bastón), Ártemis (arco) e Apolo (lira).[1]

Na mitoloxía grega, os deuses olímpicos son as deidades maiores do pantéon grego, entrando nesta consideración Zeus, Hera, Poseidón, Deméter, Atenea, Apolo, Ártemis, Ares, Afrodita, Hefesto, Hermes e Hestia e Dioniso.[2] Eventualmente, Hades, Perséfone, Heracles ou Asclepio foron considerados como membros dos deuses olímpicos (principalmente debido á influencia dos Misterios eleusinos), mais Hades foi excluído porque residía no inframundo e nunca visitou o Monte Olimpo.

Os doce olímpicos[editar | editar a fonte]

Os doce olímpicos, tamén coñecidos como Dodekatheon (grego: Δωδεκάθεον,δώδεκα, dōdeka, "doce"+ θεοί, theoi, "deuses"), eran as principais deidades que residían no mítico Monte Olimpo. Os olímpicos acadaron a vitoria na Titanomaquia, a guerra na que Zeus liderou ós seus irmás cara a vitoria sobre os titáns.

Lista de olímpicos[editar | editar a fonte]

Olímpicos maiores[editar | editar a fonte]

Nome grego Nome romano Imaxe Funcións e atributos
Zeus Xúpiter Rei dos deuses e gobernante do Monte Olimpo; deus do ceo e do trono. É o fillo máis novo dos Titáns Cronos e Rea. É irmán e marido de Hera, mais tivo moitas outras amantes. Irmán de Poseidón e Hades. Os seus símbolos son o raio, a aguia, o carballo, a maza e a báscula.
Hera Xuno Raíña dos deuses e protectora do matrimonio e a familia. Os seus símbolos son o pavón, a granada, a coroa, o cuco, o león e a vaca. Filla máis nova de Cronos e Rea. Irmá e muller de Zeus. Sendo a deusa do matrimonio, frecuentemente intentou vingarse das amantes de Zeus e dos seus fillos.
Poseidón Neptuno Deus dos mares, os terremotos e os maremotos. Os seus símbolos son o cabalo, o touro, o golfiño e o tridente. Fillo mediano de Cronos e Rea. Irmán de Zeus e Hades. Casado coa nereida Anfitrite, mais tivo tamén outras amantes.
Deméter Ceres Deusa da fertilidade , a agricultura, a natureza e as estacións. Os seus símbolos son a papoula, o trigo, o facho e o porco. Filla mediana de Cronos e Rea.
Atenea Minerva Deusa da sabedoría, a artesanía, a defensa e a guerra estratéxica. Os seus símbolos son o bufo e a oliveira. Filla de Zeus e da oceánide Metis, xurdiu da testa do seu pai sendo adulta e coa armadura de batalla posta.
Apolo Apolo (ou Febo) Deus da luz, o coñecemente, a curación, as pragas e a escuridade, as artes, a música, a poesía, a profecía, a arquería, o sol, a xuventude e a beleza. Fillo de Zeus e Leto e irmán xemelgo de Ártemis. Os seus símbolos son o sol, a lira, o arco e frecha, o corvo, o golfiño, o lobo, o cisne e o rato.
Ártemis Diana Deusa da caza, a virxindade, a infancia, a arquería, a lúa e os animais. Os seus símbolos son a lúa, o cervo, o can de caza, a osa, a cobra, o ciprés e o arco coa frecha. Filla de Zeus e Leto e irmá xemelga de Apolo.
Ares Marte Deus da guerra, a violencia e o derramamento de sangue. Os seus símbolos son o xabaril, a cobra, o can, o voitre, a lanza e o escudo. Fillo de Zeus e Hera, tódolos outros deuses (agás Afrodita) desprézano.
Afrodita Venus Deusa do amor, a beleza e o desexo. Os seus símbolos son a pomba, o paxaro, a mazá, a abella, o cisne, o mirto e a rosa. Filla de Zeus e a oceánide Dione, ou tamén nada do mar produto do seme de Urano que foi castrado polo seu fillo máis novo, Cronos, quen guindou os xenitais do seu pai ó mar. Casada con Hefesto, tivo numerosos amantes, entre eles Ares.
Hefesto Vulcano Mestre ferreiro e artesán dos deuses; deus do lume e da forxa. Os seus símbolos son o lume, a bigornia, a machada, o burro, o martelo, as tenaces e o paspallás. Fillo de Hera e casado con Afrodita.
Hermes Mercurio Mensaxeiro dos deuses; deus do comercio, dos ladróns e os xogos. Os seus símbolos son o caduceo (bastón con dúas cobras), as sandalias e a gorra aladas, a cegoña e a tartaruga. Fillo de Zeus e da ninfa Maia.
Hestia Vesta Deusa do corazón e da familia; foi unha das deusas da primeira xeración de olímpicos, ata que lle cedeu o seu trono a Dioniso para manter a paz, o que a converteu na máis xenerosa e xentil dos deuses. É a primeira dos fillos de Cronos e Rea, irmá máis vella de Hades, Deméter, Poseidón, Hera e Zeus.
Dioniso Baco Deus do viño, as celebracións e a éxtase. Deus patrón da arte do teatro. Os seus símbolos son as uvas, a hedra, o vaso, o tigre, o leopardo, o golfiño, a cabra e a piña. Fillo de Zeus e da princesa de Tebas Sémele. Casado coa princesa de Creta Ariadna.

Outros olímpicos[editar | editar a fonte]

Os seguintes deuses e deusas son ás veces incluídos como un dos doce olímpicos.

Nome grego Nome romano Imaxe Funcións e atributos
Hades Plutón (tamén Orcus ou
Dis Pater)
Deus do Inframundo, a morte e as riquezas baixo a terra; naceu na primeira xeración de olímpicos, sendo o irmán máis vello de Zeus e Poseidón, e irmán máis novo de Hestia. Como vive no Inframundo e non no Monte Olimpo, non é incluído entre os doce olímpicos.
Heracles Hércules Un heroe divino, fillo de Zeus e Alcmena, fillo adoptivo de Ampfitrión e bisneto de Perseo. Foi o máis grande dos heroes gregos, o parangón da masculinidade e campión dos olímpicos contra os titáns.
Perséfone Proserpina Raíña do Inframundo e filla de Deméter e Zeus. Tamén é deusa da primavera. Converteuse na consorte de Hades, o deus do Inframundo, cando foi secuestrada por el.
Asclepio Esculapio Deus da medicina. Representa o aspecto da curación das artes médicas; as súas fillas son Hygieia ("Saúde"), Iaso ("Medicina"), Aceso ("Curación"), Aglæa/Ægle ("resplandor saudable") e Panacea ("remedio universal"). É fillo de Apolo e Coronis.
Eros Cupido Deus do amor sexual e da beleza. Tamén foi adorado como deidade da fertilidade. Fillo de Afrodita e Ares. É representado portando unha lira ou cun arco e frechas. Tamén é acompañado por golfiños, rosas e fachos.
Hebe Iuventas Filla de Zeus e Hera. Hebe era a copeira dos deuses do Monte Olimpo, servindo o néctar e a ambrosía, ata que casou con Heracles.
Pan Fauno ou
Silvano
Deus da natureza, o salvaxe, os pastores e os rabaños, as montañas, a caza, o bosque e a música rústica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Walters Art Museum, accession number 23.40 Arquivado 09 de novembro de 2013 en Wayback Machine..
  2. Hansen, p. 250; Burkert, pp. 125 ff.; Dowden, p. 43; Chadwick, p. 85; Müller, pp. 419 ff.; Pache, pp. 308 ff.; Thomas, p. 12; Smith, p. 362.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Burkert, Walter, Greek Religion, Wiley-Blackwell, 1991. ISBN 978-0-631-15624-6.
  • Chadwick, John, The Mycenaean World, Cambridge University Press, 1976. ISBN 9780521290371.
  • Dowden, Ken, "Olympian Gods, Olympian Pantheon", in A Companion to Greek Religion, Daniel Ogden editor, John Wiley & Sons, 2010. ISBN 9781444334173.
  • Evelyn-White, Hugh, The Homeric Hymns and Homerica with an English Translation by Hugh G. Evelyn-White. Homeric Hymns. Cambridge, MA.,Harvard University Press; Londres, William Heinemann Ltd. 1914.
  • Hansen, William, William F. Hansen, Classical Mythology: A Guide to the Mythical World of the Greeks and Romans, Oxford University Press, 2005. ISBN 9780195300352.
  • Morford, Mark P. O., Robert J. Lenardon, Classical Mythology, Eighth Edition, Oxford University Press, 2007. ISBN 978-0-19-530805-1.
  • Müller, Karl Otfried, Ancient Art and Its Remains: Or, A Manual of the Archaeology of Art, translated by John Leitch, B. Quaritch, 1852.
  • Ogden, Daniel "Introduction" to A Companion to Greek Religion, Daniel Ogden editor, John Wiley & Sons, 2010. ISBN 9781444334173.
  • Pache, Corinne Ondine, "Gods, Greek" in The Oxford Encyclopedia of Ancient Greece and Rome, Volume 3, Oxford University Press. 2010. ISBN 9780195170726.
  • Pindar, Odes, Diane Arnson Svarlien. 1990.
  • Rutherford, Ian, "Canonizing the Pantheon: the Dodekatheon in Greek Religion and its Origins" in The Gods of Ancient Greece: Identities and Transformations, editors Jan N. Bremmer, Andrew Erskine, Edinburgh University Press 2010. ISBN 978-0748637980.
  • Smith, Tyler Jo, Dimitris Plantzos, A Companion to Greek Art, editors Tyler Jo Smith, Dimitris Plantzos, John Wiley & Sons, 2012. ISBN 9781118273371.
  • Thomas, Edmund, "From the pantheon of the gods to the Pantheon of Rome" in Pantheons: Transformations of a Monumental Idea, editors Richard Wrigley, Matthew Craske, Ashgate Publishing, Ltd., 2004. ISBN 9780754608080.