Xigantes (mitoloxía grega)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Poseidón (esquerda) brandindo un tridente e portando a illa Nísiros nos ombreiros mentres loita cun xigante (probabelmente Polibotes), cerámica do -500 ou -450.[1]

Na mitoloxía grega e romana, os xigantes (en grego: Γίγαντες, Gígantes, en singular: Γίγας, Gígas) foron unha raza fantástica de gran forza e agresividade. Protagonizaron a Xigantomaquia, a batalla que tiveron contra os deuses olímpicos.[2] Segundo Hesíodo, os xigantes eran descendentes de Xea (a Terra), nados do sangue que caeu cando Urano (o Ceo) foi castrado polo seu fillo, o titán Cronos [3].

"Pois cantas gotas de sangue desprenderon, recolleunas todas Xea e, transcorrido o tempo, deu a luz ás poderosas Erinias, ós grandes Xigantes, resplandecentes co brillo das súas armas, con longas lanzas nas súas mans, e ás Ninfas que chaman Melias na inmensa terra" [4].
(Hesíodo: Teogonía 183-188)

Xea enxendrou ós Xigantes para vingar ós Titáns, tamén fillos seus, que foran encerrados no Tártaro por Zeus trala Titanomaquia.

O número de Xigantes estímase en 24 [5], aínda que os diferentes mitógrafos discordan nas cifras que dan. Tampouco coinciden os nomes que proporcionan. Pseudo-Apolodoro só menciona 13 nomes pero engade que había máis: "ó resto exterminouno Zeus fulminándoos cos raios" [6]. Hixino dá unha lista de 23, entre os que inclúe algúns que nada teñen que ver cos xigantes do mito, a outros están marcados como dubidosos [7].

Cómpre advertir que hai moitos máis personaxes mitolóxicos descritos como xigantes (por exemplo, Xerión, Tifón ou Atreo). Grimal atribúe a adición destes xigantes, propia de tradicións máis modernas, a unha inclusión abusiva dos mitógrafos de seres xigantescos, de gran forza, ou mesmo monstruosos, pero que non pertencen á raza dos Xigantes fillos de Xea e do sangue de Urano [8].

Nómina dos Xigantes[editar | editar a fonte]

Non será ata o Período helenístico que comeza a darse nome ós diferentes Xigantes e identificar a cada deus co que se enfrontou cada Xigante[9]:

Orixe[editar | editar a fonte]

O nome "xigantes" está asociado normalmente con "nados da terra"[10], e a Teogonía de Hesíodo explicítao ó describir que os xigantes son os descendentes de Xea (a Terra). De acordo con Hesíodo, Xea, muller de Urano, tivo moitos fillos: unha primeira xeración de titáns, os ciclopes e os hecatonquiros [11].

Mais Urano odiaba os seus fillos, e tan axiña como nacían, encerrábaos dentro de Xea, causándolle a ela moita anguria. E entón Xea fixo unha fouce de aceiro e deulla a Cronos, o máis novo dos seus fillos titáns, e agochouno (presumiblemente aínda dentro do cuerpo de Xea) para agardar por unha emboscada.[12]

Un Xigante loitando contra Artemisa (relevo no Vaticano)

Cando Urano quixo xacer con Xea, Cronos castrou ó seu pai, e as pingas de sangue que caeron recibiunas Xea, que deu a luz ós xigantes. Os xenitais de Urano -que Cronos lanzou ó mar- crearon unha escuma branca da cal xurdiu Afrodita.

O mitógrafo Pseudo-Apolodoro di que os xigantes proveñen da unión de Xea e Urano, e non fai ningunha conexión coa castración de Urano, dicindo sinxelamente que Xea "irritada polo acontecido ós titáns, enxendra con Urano os xigantes" [13].

O lugar do seu nacemento e escenario da guerra foi Flegras, na península de Palene, a máis occidental das tres que compoñen a Calcídica (Macedonia). Timeo di que a guerra tivo lugar no sur de Italia, de onde lles vén a relación popular cos volcáns desta zona.

Descrición[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Xigantomaquia.

Os Xigantes eran enormes criaturas [14], de aspecto terrorífico e inmensa forza, con longas barbas e mesto cabelo; tiñan colas de serpes no canto de pernas. Da súa forza dá proba o feito de que comezasen a guerra contra Zeus lanzando ó Olimpo rochas como montañas e árbores ardendo[15].

Dicíase que os Xigantes vencidos foron enterrados baixo volcáns e que eran a causa de erupcións volcánicas e terremotos, como manifestación do seu enfado pola súa reclusión eterna.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Beazley Archive 204546; Cook, Plate III, A.
  2. Hansen, pp. 177–179; Gantz, pp. 445–454. Para o seu tamaño véxase: Hansen p. 177: "Hesíodo descríbeos como "grandes," referíndose quizais á súa estatura, mais os xigantes non son sempre representados como enormes. Malia que a palabra xigantes deriva deriva do grego Gigantes, os trazos máis persistentes dos xigantes son a forza e a agresión."
  3. Hesíodo: Teogonía 185. Hixino sinala a Tártaro como pai dos xigantes (Fábulas, prólogo 4). Un paralelismo do nacemento dos xigantes é o nacemento de Afrodita do mar igualmente fertilizado polos xenitais de Urano.
  4. As Melias ou Melíades eran as chamadas ninfas dos freixos, que naceron como os Xigantes e as Erinias, das gotas de sangue de Urano.
  5. Graves, px. 147.
  6. Pseudo-Apolodoro I, 6, 2.
  7. Fábulas, prólogo 4.
  8. Grimal, s.v. gigantes.
  9. Apolodoro I, 6, 2.
  10. Hard, p. 86; Gantz, p. 16; Merry, Homer's Odyssey 7.59; Douglas Harper menciona tamén unha posible orixe pregrega ("giant". Online Etymology Dictionary).
  11. Hesíodo: Teogonía 133-154.
  12. Hesíodo, Teogonía 154–175; Gantz, p. 10.
  13. Pseudo-Apolodoro I, 6, 1.
  14. "Altos e terribles" (Graves, px. 147); "Insuperables pola magnitude dos seus corpos e invencibles pola súa potencia física" (Pseudo-Apolodoro I, 6, 1).
  15. Pseudo-Apolodoro especifica que se trataba de aciñeiras (Biblioteca mitológica I, 6, 1).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]