Neoptólemo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Neptólemo (ou Ulises) mata ó meniño Astianacte, fillo de Heitor, ante o seu avó Príamo

Neptólemo, na mitoloxía grega, foi o fillo de Aquiles e Deidamía, filla do rei de Esciros, Licomedes. Coñécese tamén co nome de "Pirro" pois, cando o tivo, Aquiles estaba agochado entre as doncelas da corte de Licomedes, baixo o nome de "Pirra" [1]. Tamén se di que era fillo de Aquiles con Ifixenia, filla de Agamenón, á quen salvou de ser ofrecida en sacrificio para pedir ós deuses que axudaran á frota aquea contra Troia.

Aquiles en Esciros[editar | editar a fonte]

Aquiles xunto ás fillas de Licomedes

Cando se comezou a preparar a Guerra de Troia, Aquiles quixo participar na expedición. Pero un oráculo advertira á nai, Tetis, que Aquiles morrería nesta guerra e, para evitalo, escondérono na corte de Licomedes, onde viviu entre as fillas do rei disfrazado de muller. Recibía neste lugar o nome de Pirra e por iso, o fillo que tivo cunha delas, Neoptólemo, foi coñecido como Pirro. Ulises foi buscalo á corte de Esciros, disfrazado de comerciante e con agasallos para as fillas do rei: roupas, alfaias, etc., incluíndo tamén unha lanza e un escudo. Tras entregar os regalos, Ulises fixo tocar unha chamada de alarma, e Aquiles non dubidou en rachar as súas roupas de muller e coller as armas para saír en defensa do palacio mentres as mulleres fuxían asustadas. Deste xeito desvelou a súa identidade e Ulises convenceuno para acudir á guerra, cumprindo así o seu destino.

Guerra de Troia[editar | editar a fonte]

Morte de Príamo a mans de Neoptólemo (ánfora ática, c. 520-510 a.C., Museo do Louvre)

Licomedes era o avó de Neptólemo e criouno na súa corte mentres Aquiles loitaba na Guerra de Troia. Xa morto Aquiles, o adiviño Héleno, coñecedor dos oráculos de Troia, advertiu ós gregos que nunca poderían conquistar a cidade mentres Neoptólemo non loitara con eles, e ademais armado co arco e as frechas de Heracles; ou ben foi o adiviño Calcante, que só fala da necesidade das armas de Heracles. Igualmente, debía traerse a escápula de Pélope [2] e roubar a imaxe de Atenea, chamada Paladio, por representar a Palas, pois a cidade sería inexpugnable mentres permanecera no interior [3].

Ulises e Diomedes foron buscalo e, aínda que Licomedes se negaba, o mozo [4] marchou con eles a Troia. No camiño de volta, pararon na illa de Lemnos, onda Filoctetes [5], quen herdara as armas de Heracles, e tamén os acompañou a Troia.

[O divino Heracles convence a Filoctetes a acudir á Guerra] "Ve con eles a Troia... Pero lembra, non podes tomar Troia sen Neoptólemo, o fillo de Aquiles, como tampouco pode facelo el sen ti".
(Robert Graves, px. 645)
Neoptólemo sacrifica a Políxena sobre a tumba de Aquiles (ánfora de figuras negras, c. 570-550 a.C.)

Xa en Troia, Neoptólemo comportouse como un novo Aquiles, protagonizando diversas fazañas coas armas do seu pai, que lle entregara Ulises. Foi un dos guerreiros que entrou na cidade dentro do cabalo de Troia.

"Sinón libera ós gregos encerrados no ventre e corre ás agachadas os ferrollos de piñeiro. Aberto á brisa devólveos o cabalo e lánzanse ledos da baleira madeira os xefes Tesandro e Esténelo e Ulises cruel, baixando pola corda tendida, e Acamante e Toante e o pélida Neoptólemo e Macaonte o primeiro, e Menelao e Epeo, o propio urdidor da trampa".
(Virxilio: Eneida II, 258-264)

Entre outros, matou a Eurípilo (fillo de Télefo) e ó fillo de Heitor, Astianacte [6], aínda un meniño, e tomou a Andrómaca, agora viúva de Heitor, como botín de guerra; tamén se di que levou como refén ó propio Eneas, polo que lle pagaron un bo rescate [7]. Así mesmo, inmolou a Políxena, filla de Príamo, sobre o sepulcro do seu pai, Aquiles, pois Aquiles e Políxena amábanse [8].

Outras fontes din que matou a Polites ante os ollos do seu pai, Príamo. Logo, os soldados gregos mataron a Príamo e Neoptólemo levou o seu cadáver, decapitado, e deixouno descompoñerse sobre a tumba de Aquiles, prohibindo que o soterraran. Virxilio, Hixino e Pseudo-Apolodoro din que foi el quen matou a Príamo, que se protexía no altar de Zeus [9].

Vida posterior[editar | editar a fonte]

O regreso de Troia, segundo Homero, fíxoo por terra e uns días despois do resto dos soldados gregos, por consello de Tetis (avoa súa).

"En canto a Neoptólemo, aparéceselle Tetis e ínstalle a quedarse dous días e ofrecer sacrificios; así pois, quédase. Os demais fanse á mar e son sorprendidos por unha tormenta en torno a Tenos, pois Atenea pedira a Zeus que enviara unha treboada contra os helenos, e afundiron moitas naves".
(Pseudo-Apolodoro, Epítome VI, 5)

Esta precaución salvouno do desastre que acompañou á volta dos outros, por causa das tormentas enviadas por Atenea que, por exemplo, afundiron tódalas naves de Menelao. Segundo outras tradicións foi o adiviño Héleno quen lle advirtiu e logo o acompañou na viaxe de regreso a Iolco; en agradecemento, Neoptólemo cedeulle á súa nai Deidamía, ó morrer, e pediulle que casara con ela.

Tras herdar o reino do seu avó Peleo e matar ós fillos de Acasto, que expulsara a Peleo de Ftía, marchou cara Epiro. Alí atopou uns parentes e levantou unha cidade.

Ulises mata ós pretendentes de Penélope (vaso ático de figuras vermellas, c. 440 a.C.)

É coñecido que cando Ulises regresou a Ítaca matou a tódolos pretendentes que acosaban á súa dona Penélope. Os familiares destes promoveron unha liorta contra Ulises e o seu sogro Laertes que tivo que deter Atenea, pero denunciárono por asasinato. Nomeouse xuíz a Neoptólemo, quen decideu que Ulises abandonara o reino por espazo de dez anos, sendo substituído polo seu fillo Telémaco, a quen os denunciantes deberían indemnizar polos saqueos cometidos.

O rei dos amimneos, Harpálico, foi atacado por Neoptólemo no seu regreso de Troia, pero a filla, Harpálice, unha valorosa guerreira, logrou salvalo, aínda que gravemente ferido, e facer fuxir a Neoptólemo [10].

Menelao, daquela rei de Esparta, déralle á súa filla, Hermíone, como esposa. Non tivo fillos coa ela, pero si coa escrava Andrómaca: Moloso [11], Pielo e Pérgamo. Por celos, Hermíone fixo vir ó seu antigo prometido, Orestes [12], para matar ó seu marido, e deste xeito matouno en Ftía ou en Delfos, a onde fora Neoptólemo para preguntar a razón da esterilidade de Hermíone; ou ben para ofrecer ó deus parte do seu botín de guerra. Outros din fora para esixir contas a Apolo, e unha compensación, pola xenreira que o deus tiña contra o seu pai Aquiles, a quen lle causara a morte ó dirixir a frecha disparada por Paris [13], e que de feito, a Pitia ordenara ós sacerdotes de Delfos matar a Neoptólemo, como continuación da animosidade de Apolo contra Aquiles e os seus descendentes; se ben é certo que cando se lle denegou a petición de explicacións e o pago de ningunha compensación, el incendiou e saqueou o templo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pirra, alcumada a Loura, foi a esposa de Deucalión e filla de Epimeteo e Pandora.
  2. Pélope era o fillo de Tántalo, quen o matou, parteu en cachos e cociñou para un banquete ofrecido ós deuses. Tódolos deuses recoñeceron a orixe da carne que lles ofreceu e rexeitaron comer, menos Deméter, que comeu a escápula esquerda antes de darse de conta. Zeus condenou a un castigo eterno a Tántalo e ordenou a Hermes recoller tódalas partes de Pélope. Volveuno a ferver a resucitouno, cunha escápula de marfil para substituír á que comera Deméter. E resucitou tan fermoso que Poseidón se namorou del e nomeouno o seu copeiro.
  3. Pseudo-Apolodoro, Epítome V, 10-11.
  4. Algúns din que só contaba con doce anos de idade (Graves, 746). Pero cómpre advertir que houbo unha primeira viaxe contra Troia, que fracasou, e logo o ataque definitivo, oito anos despois. Deste xeito, Neoptólemo tería nesta segunda ocasión vinte anos, de aí o sobrenome de Xove guerreiro.
  5. Filoctetes era un dos compañeiros de armas de Heracles. Cóntase que o axudou a levantar a pira funeraria onde foi morrer o heroe e o único que se atreveu a plantar lume na pira; Heracles, agradecido, doulle o seu arco e as súas frechas. Pola contra, Pseudo-Apolodoro di que foi Peante, un pastor, quen a prendeu (II, 7, 7). Foi abandonado na deshabitada illa de Lemnos por cousa dunha ferida no pé, infectada e cheirenta, que lle provocara a picada dunha serpe.
  6. Ou ben fíxoo Ulises (Graves, px. 760).
  7. Graves, px. 757. Non obstante, a tradición máis popular di que Afrodita, nai de Eneas, díxolle que fuxise da cidade, que non morrese inutilmente, pois Troia xa non existía e para el reservárase outro futuro. E así, Eneas marchou cun grupo de troianos.
  8. Graves, px. 760-761.
  9. Hixino: Fábulas 113, 4; Pseudo-Apolodoro, Epítome V, 21; Virxilio: "Agora morre. Así dicindo, arrastrouno ata o altar [a Príamo], tremendo e esvarando no sangue do seu fillo, coa esquerda colleu o seu cabelo, desenvaiñou coa destra a súa espada brillante e afundiuna no costado ata a empuñadura" (Eneira II, 550-553).
  10. Hixino, 193.
  11. Hixino dálle o nome de Anfíalo. É o único autor que non o nomea Moloso.
  12. O avó de Hermíone, Tindáreo, déralla como esposa a Orestes, fillo de Agamenón, pero Orestes estaba maldito e casárona con Neoptólemo. Trala morte deste, Orestes e Hermíone puideron casar.
  13. Ou disparouna el mesmo, disfrazado de Paris.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, (en castelán).
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, (en castelán).
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, (en castelán).
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, (en castelán) [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • VIRXILIO: Eneida. Alianza Editorial, 1ª Ed 1986, (en castelán) [a numeración segue a utilizada neste texto].