Polifemo
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
Na mitoloxía grega, Polifemo (en grego antigo Πολύφημος Polyphêmos, ‘de moitas palabras’) é o máis famoso dos ciclopes, fillo de Poseidón e da ninfa Toosa. Acostúmase representar como un xigante barbudo cun só ollo na fronte e as orellas puntiagudas dun sátiro.
Polifemo na Odisea de Homero[editar | editar a fonte]
No canto IX da Odisea de Homero, unha partida de recoñecemento encabezada por Odiseo, o heroe da Guerra de Troia, chegou á illa dos Ciclopes e aventurouse nunha gran cova. Nela entraron e empezaron a comer a comida que alí había. Non sabían que dita cova era o fogar de Polifemo, quen pronto atopou aos intrusos e pechounos nela. Logo empezou a devorar a varios deles, pero Odiseo urdiu un astuto plan para fuxir.
Para facer que Polifemo se confiase, Odiseo deulle un barril cheo de viño moi forte sen augar. Cando Polifemo preguntoulle o seu nome, Odiseo díxolle que se chamaba ουτις outis, un nome que pode traducirse como «Ningún home» ou «Ninguén». Cando o xigante, bébedo, caeu durmido, Odiseo e os seus homes tomaron unha lanza fraguada e craváronlla no único ollo de Polifemo. Este empezou a berrarlle aos demais ciclopes que «Ninguén» o ferira, polo que entenderon que Polifemo toleara, chegando á conclusión de que o maldicira un deus, e polo tanto non interviron. Pola mañá, Odiseo atou aos seus homes e a si mesmo ao ventre das ovellas de Polifemo. Cando o ciclope sacou as ovellas a pastar, palpou os seus lombos para asegurarse de que os homes non as montaban, pois ao estar cego non podía velos. Pero non palpou os seus ventres, e así fuxiron.
Cando as ovellas (e os homes) xa estaban fóra, Polifemo decatouse de que os homes xa non estaban na súa cova. Cando se afastaban navegando, Odiseo gritoulle a Polifemo xactándose de que «Non te feriu ninguén, senón Odiseo!» Desafortunadamente, non sabía que Polifemo era fillo de Poseidón, deus de quen xa se gañara a súa inimizade por profanar o seu templo en Troia e idear o saqueo da cidade, cuxos habitantes tiñan a Poseidón en grande estima (aínda que Poseidón loitara bastante tempo do lado dos gregos segundo a Ilíada). Polifemo lanzou entón unha maldición sobre Odiseo, xunto cunha pesada rocha que caeu tras o barco; debido a isto, Poseidón causoulle gran cantidade de problemas a Odiseo durante todo o resto da súa viaxe.
Polifemo en O Ciclope de Eurípides[editar | editar a fonte]
Esta historia da Odisea cóntase máis humoristicamente no único drama satírico conservado de Eurípides, titulado O Ciclope, no que se lle atribúe ao monstro unha tendencia homosexual.
Polifemo na Eneida de Virxilio[editar | editar a fonte]
No libro III da Eneida, Eneas e os seus compañeiros, tras ser despedidos por Héleno e navegar desde Epiro até Sicilia, encontráronse con Aqueménides, un desventurado compañeiro de Odiseo, abandonado na illa dos Ciclopes. Logo de escoitar as súas súplicas de socorro e ceder ante estas, foron descubertos por Polifemo que, cun pavoroso clamor —que conmoveu o océano— advertiu da presenza dos intrusos ao resto dos ciclopes. Aterrorizados, Eneas, Aqueménides e o resto da tripulación, lograron por fin escapar coa axuda dos ventos.[1]
Acis e Galatea[editar | editar a fonte]
No seu ditirambo Ciclope ou Galatea, o poeta dos séculos V - IV a.C. Filóxeno de Citera tratou por primeira vez o amor desgraciado de Polifemo por Galatea, unha nereida. Seguiuno o poeta grego de Sicilia Teócrito, quen escribiu dous poemas polo ano 275 a. C. sobre dito amor. Posteriormente, Ovidio retomou a trama nas súas Metamorfoses, introducindo o personaxe de Acis, amado de Galatea.
Segundo a versión ovidiana, cando Galatea rexeitou ao ciclope en favor de Acis, un pastor siciliano, Polifemo, celoso, matouno cun croio. Galatea transformou o sangue de Acis nun río de Sicilia que leva este nome. Así Acis transformouse nun deus río.
Segundo algunhas versións, Polifemo acabou sendo pai con Galatea de Gálata, Celto e Ilirio, deuses epónimos dos gálatas, os celtas e os irilios, respectivamente.
A historia da traxedia romántica de Acis e Galatea foi continuada na literatura e música occidentais. Así, por exemplo, na literatura española o poeta barroco Luis Carrillo y Sotomayor é autor da Fábula de Acis y Galatea. Pero, sen dúbida, a versión máis coñecida é a que escribiu Góngora, Fábula de Polifemo y Galatea, que tivo diversas continuacións.[2] Por último, Georg Friedrich Händel estreou en 1718 a ópera Acis e Galatea, cun libreto de John Gay, Alexander Pope e John Hughes.
Outros personaxes mitolóxicos[editar | editar a fonte]
Adicionalmente, un dos argonautas chamábase Polifemo. Axudou a Heracles na súa procura de Hilas, e ambos foron abandonados polo Argo.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polifemo ![]() |
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- «Polyphemus» en Greek Mythology Link (en inglés)
- «Polyphemus» en Theoi Project (en inglés)