Olimpia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Plan Olympia sanctuary-en.svg
Reconstrución do Templo de Zeus en Olimpia.
Durante meses antes dos Xogos Olímpicos, diferentes deportistas relévanse para levar a chama Olímpica desde Olimpia ata o sitio da apertura dos xogos.

Olimpia (en grego Ολυμπία Olympía ou Ολύμπια Olýmpia) é unha cidade da antiga Grecia na prefectura de Élide, no Peloponeso. A cidade atópase ó pé do monte Cronio e na beira dereita do río Alfeo.

Historia[editar | editar a fonte]

É coñecida por ser o lugar no que se celebraron na antigüidade os primeiros Xogos Olímpicos, cunha importancia comparable ós Xogos Píticos que se celebraban en Delfos. Ambos se celebraban cada olimpíada (catro anos). Os primeiros dos que se ten constancia celebráronse en 776 a.C.. Ó final do século IV, o emperador Teodosio I aboliunos.

Olimpia tamén foi famosa por ser un centro relixioso, e pola súa xigantesca estatua de ouro e marfil de Zeus feita por Fidias, (tallada trala vitoria sobre os persas na Segunda Guerra Médica) que era unha das Sete Marabillas do Mundo. Preto do templo, escavacións arqueolóxicas atoparon o taller de Fidias, con numerosas ferramentas do escultor.

Os abundantes tesouros acumulados no templo levaron a que fora saqueado polos arcadios. Desde 342 a.C., foi protectorado de Alexandre Magno, que usou Olimpia para anunciar o seu Rescripto sobre os Desterrados do ano 324 a.C..

Durante a dominación romana, Olimpia enriqueceuse, especialmente o perímetro sagrado, o Altis, onde Nerón mandou construír un pazo. Trala morte de Adriano a cidade entrou en decadencia e os últimos xogos celebráronse en 324. As invasións bárbaras asolaron a cidade, que se converteu nunha simple aldea para logo ser abandonada e enterrada polos aluvións do Alfeo.

As escavacións comezaron cunha expedición francesa en 1829, continuada por alemáns a finais dese século, quen descubriron intacta a estatua de Hermes, obra do escultor Praxíteles, ademais doutros artefactos. A mediados do século XX, o estadio foi desenterrado.

A chama Olímpica dos actuais Xogos Olímpicos acéndese no estadio desta cidade mediante o reflexo da luz solar nun espello parabólico, tralo que se transporta nun facho ó lugar que acolle os xogos (normalmente dando un grande rodeo pasando polas principais cidades de todo o mundo).

Nos Xogos Olímpicos de 2004, celebrados en Atenas, as probas de lanzamento de peso celebráronse no estadio de Olimpia.

Arte[editar | editar a fonte]

Olimpia, o friso completo

O Heraion construíuse en 600 adC sobre os templos anteriores, e é o templo helénico de grandes dimensións máis antigo que se coñece (50 x 19,6 m). Entre o Heraion e o estadio, as polis gregas construíron capelas (tesouros).

  • O Templo de Zeus é do ano 460 adC. O seu arquitecto foi Libón de Élide. Posúe belos frontóns e metopas.
  • A Estatua de Zeus, obra de Fidias, está desaparecida pero coñécese como era polas moedas e descricións de cronistas da época.
  • A Niké de Peonio (425 adC) é unha das estatuas clásicas máis belas, pódese contemplar no alto dun alicerce.
  • O Filipeion contiña as estatuas dos príncipes e princesas de Macedonia.
  • Hai varias estatuas de emperadores que datan da época romana.
  • Arredor do Altis pódese encontrar un ximnasio, unha palestra, a Gran Hostalería de Leonideo (para visitantes distinguidos), o Pritaneo e o Bouleterión.
  • O hipódromo desapareceu por completo, pero parte do estadio subsiste.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]