Ovidio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Publio Ovidio Nasón
Publius Ovidius Naso.jpg
Datos persoais
Nacemento 20 de marzo do 43 a. de C.
Lugar Sulmona, República Romana
Falecemento 17 ou 18 d. de C.(59 anos)
Lugar Tomis, Imperio Romano
Actividade
Lingua Latín
Xéneros Poesía

Publio Ovidio Nasón, (latín: Publius Ovidius Naso) nado en Sulmona o 20 de marzo do 43 a. de C. e finado en Tomis, actual Constanza no mar Negro no 17 ou 18 d. C., foi un poeta romano que escribiu sobre temas de amor, mulleres abandonadas e transformacións mitolóxicas. Contase, xunto con Virxilio e Horacio, como un dos tres poetas por excelencia da literatura latina. Ovidio foi amplamente considerado o máis grande mestre do dístico elexíaco. A súa poesía, moi imitada durante o final da Idade Antiga e a Idade Medieval, tivo unha influencia decisiva na arte e a literatura de Europa durante moitos séculos.

Ovidio escribía en dísticos elexíacos[1] con só dúas excepcións: o seu Medea perdida, os dous fragmentos da que se conservan están en trimetres iámbicos[2] e en anapestos[3], respectivamente, e a súa grande Metamorfoses, que escribiu en hexámetros dactílicos, o mesmo que a Eneida de Virxilio e os poemas épicos (Ilíada e a Odisea) de Homero. Ovidio ofrece unha épica diferente á dos seus predecesores, unha historia cronolóxica do cosmos desde a creación ata o seu propio día, e incorpora moitos mitos e lendas sobre transformacións sobrenaturais propias das tradicións grega e romana.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estatua de Ovidio por Ettore Ferrari na Piazza XX Settembre de Sulmona, Italia.

Ovidio naceu o 20 de marzo do ano 43 a. C. en Sulmo, como el mesmo di, no país dos pelignos. Pertencía a unha familia aristócrata, e se sentía orgulloso da antigüidade da súa estirpe. O seu pai era propietario de terras e morreu aos noventa anos, pouco antes cá nai. Viviu dende moi novo en Roma e o seu irmán, que nacera exactamente un ano antes ca el, foi compañeiro seu nos estudos que realizaba na cidade sobre retórica, nun principio para dedicarse ao dereito. Porén, Ovidio foi dando mostras de sensibilidade poética mais que da elocuencia prosaica que se requiría no foro. O seu pai reprocháballe que se inclinase cara a uns estudos sen ningún proveito, posto que o mesmo Homero morrera na pobreza. Ovidio contestáballe procurando emendarse, pero, involuntariamente, en verso:

Parce mihi, nunquam versificabo, pater! Perdóname, pai!, podo xurar / que nunca volverei versificar.[4]

Aínda que se esforzaba por escribir en prosa por satisfacer o seu pai, as palabras víñanlle sempre con ritmo e cadencia de verso "e era verso ao final canto intentaba escribir":

Quidquid tentabam dicere, versus erat
Tristia IV 10, 26).

Tivo como mestres de elocuencia a Hixino, Arelio Fusco (orixinario de Asia Menor) e Porcio Latrón (de Hispania)[5] e relacionouse con outros escritores da época como Horacio ou Propercio. Compartiu co seu irmán a vida política ata os vinte anos, idade á que este faleceu. Ocupou cargos públicos pouco relevantes, sendo un dos tresviri capitales,[6] membro da corte centumviral,[7] e un dos decemviri litibus iudicandis,[8] mais dimitiu do cargo para seguir a carreira poética arredor dos anos 29 ou 25 a. C., decisión reprobada polo seu pai.[9]

Cando morreu o seu pai, converteuse en herdeiro de todas as posesións, polo que puido vivir sen preocupacións e viaxar a diferentes lugares, como Atenas, Asia Menor e Sicilia, onde completou os seus estudos, dedicándose xa plenamente á poesía.[10]

A súa obra iniciouse cun cancioneiro amoroso, poemas que abren un ciclo erótico no que tamén se inclúen as Heroides, colección de ficticias cartas de amor escritas por heroínas da mitoloxía e da historia, pero os seus títulos máis ambiciosos son Fasti e Metamorfoses.

En Tristia, unha elexía de forma epistolar, cobran importancia singular as referencias autobiográficas. Na época na que Ovidio estivo desterrado escribiu a súa obra mais famosa: Metamorfoses (Metamorphoseon), escrita en hexámetro dactílico. Desde a Idade Media e o Renacemento, coma é o caso dos Carmina Burana, a obra de Ovidio nunca deixou de estar presente na tradición literaria europea.

No ano 8 un enfrontamento co emperador Augusto levouno a un exilio obrigado a Tomis (actual Constancia), á beira do mar Negro. A pesar da súa popularidade os seus libros foron retirados das bibliotecas e queimados en público por inmorais. Non están claras as razóns que provocaron o desterro, e o propio Ovidio descríbeas como carmen et error ("un poema e un erro").[11]

Casou tres veces e divorciouse dúas cando tiña arredor de trinta anos. Tivo unha filla, que lle deu netos.[12] A súa última esposa estaba relacionada coa influente gens Fabia e axudouno durante o seu exilio.[13]

Obras[editar | editar a fonte]

(En orde de publicación)

Obras perdidas[editar | editar a fonte]

Unha perda descrita polo mesmo Ovidio é a primeira edición en cinco libros de Amores. Á parte desta, a maior perda é a única traxedia escrita por Ovidio, Medea, da que só se conservan unhas liñas. Quintiliano admiraba esta obra e considerábao un grande exemplo do talento poético de Ovidio.[14]

Prisciano cita unha liña dunha obra titulada Epigrammata.[15] Ovidio tamén menciona algunha poesía ocasional (Epithalamium,[16]). Tampouco se conserva o final de Medicamina e descoñécese se chegou a existir o último dos seis libros de Fasti.

Obras espurias[editar | editar a fonte]

  • Consolatio ad Liviam ("Consolo a Livia")
  • Halieutica ("Sobre a pesca"), atribuída a Ovidio por Plinio o Vello, foi composta en Tomis nos anos finais da súa vida, mais os estudosos modernos consideran que foi un erro de Plinio e que o poema non é xenuíno.[17]
  • Nux ("A nogueira")
  • Somnium ("O soño")

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O dístico elexíaco é unha estrofa clásica de dous versos, un hexámetro e un pentámetro.
  2. A métrica nas linguas grega e latina é cuantitativa, isto é, fúndase na repetición dun determinado patrón de sílabas de duración longa (habitualmente transcritas en métrica co signo de raia longa baixa ou __) ou ben breve (transcrito co signo U) denominado pé. Cada sílaba longa equivalía en duración a dúas breves.
  3. O anapesto é un pé formado por tres sílabas, as dúas primeiras breves e a terceira longa.
  4. A anécdota aparece nunha das Vidas (biografías) do poeta.
  5. Seneca, Cont. 2.2.8 e 9.5.17
  6. Trist. 4.10.33–4
  7. Trist. 2.93ff.; Ex P. 5.23ff.
  8. Fast. 4.383–4
  9. Trist. 4.10.21
  10. Trist. 1.2.77
  11. Ovidio, Tristia 2.207
  12. Hornblower, Simon; Spawforth, Antony; Eidinow, Esther (2014). The Oxford Companion to Classical Civilization. Oxford University Press. p. 562. ISBN 978-0-19-870677-9. 
  13. Brill's New Pauly: Encyclopaedia of the Ancient World s.v. Ovid
  14. Quint. Inst. 10.1.98. Cfr. Tacitus, Dial. Orat. 12.
  15. Inst. gramm. 5, 13, Gramm. Lat. 2, 149, 13 Keil.
  16. Ex P. 1.2.131
  17. Plinio Nat. 32.11 e 32.152 e Knox, P. "Lost" en Knox, P. (2009)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ovidio

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ovidio (2005). Metamorfoses. Trad. José Antonio Dobarro Posada & Estrella Fernández Graña. Santiago de Compostela e Vigo: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia. ISBN 84-453-3947-8. 
  • E. Knox, Peter E. (ed.), Oxford Readings in Ovid. Oxford: Oxford University Press, 2006. páx 541.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]