Saltar ao contido

Cabalo de mar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cabalo de mar
Rango fósil: Mioceno - actualidade

Hippocampus sp.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Syngnathiformes
Familia: Syngnathidae
Subfamilia: Hippocampinae
Xénero: Hippocampus
Rafinesque, 1810[1]
Especies

Ver especies

Anatomía do cabalo de mar.

Os cabalos de mar[2], cabaliños de mar[3] ou hipocampos[4] (xénero Hippocampus), constitúen un grupo de peixes mariños pertencentes á familia Syngnathidae, que tamén inclúe ós peixes pipa.

Hippocampus abdominalis.

O seu nome débese ó peculiar parecido que presenta a súa cabeza coa dos cabalos. De feito, a característica de ter a cabeza en ángulo recto co resto do corpo non se dá en ningún outro xénero de peixes.

Hippocampus barbouri.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

O corpo dos cabalos de mar está cuberto por unha armadura de placas ou aneis de constitución ósea. A súa forma de nadar é moi diferente á dos demais peixes. Adoptan unha posición erecta, impulsándose coa súa aleta dorsal. O desprazamento vertical conségueo axustando o volume de aire das vexigas natatorias e mediante as aletas pectorais. As aletas son moi tenues e teñen forma de abano. A dorsal impulsa os desprazamentos horizontais, e axítaa unhas tres veces e media por segundo. Non teñen aleta anal, no seu lugar teñen unha cola prénsil, que se enrola en espiral e lles permite aferrarse a corais e plantas subacuáticas.

Hippocampus bargibanti.

Son miméticos, e, segundo a especie, capaces de desenvoler longos filamentos de pel, ou cambiar a súa cor, para confundirse entre as macroalgas do seu contorno.[5] Esta estratexia de camuflaxe é vital para a súa supervivencia, xa que, ó seren moi lentos de movementos, non poden fuxir eficazmente dos seus predadores. Os cabalos de mar atópanse en estómagos de grandes peixes peláxicos, tales como o atún, a castañeta vermella, o peixe dourado, ou de cangrexos e aves de mar.

Hippocampus erectus.

Respiran mediante branquias e o seu corpo sopórtase grazas a unha columna vertebral.[6] Para comunicarse cos seus conxéneres, provocan unha especie de triscazo con rápidos movementos da súa cabeza, facendo rozar unha parte do cranio cunha parte do seu esqueleto externo superior. Este son tamén é perceptible en catividade, cada vez que aspiran unha presa co seu tubo bucal.

Hippocampus kuda.

O olfacto percíbeo mediante unhas fosas olfactivas situadas diante dos ollos, que filtran a auga, que é analizada con precisión por células especializadas. O seu oído está composto por uns pequenos ósos, chamados otólitos, que son utilizados para recibir vibracións externas.

Hippocampus pontohi.

Nesta especie animal é o macho quen se ocupa do desenvolvemento dos ovos. A femia usa o seu ovopositor para inserir os ovos maduros dentro da bolsa incubadora do macho, onde son fertilizados. Esta bolsa denominada marsupium, que permite diferenciar externamente os sexos, transfórmase facilitando nutrientes ós embrións, os cales nunhas tres semanas estarán preparados para afrontar por si mesmos a aventura da súa vida.

Hippocampus whitei.

O tamaño dos adultos varía de acordo á especie, desde o máis pequeno Hippocampus satomiae, que foi descuberto en Australia mide 14 mm de lonxitude,[7] ata o Hippocampus ingens que supera os 29 cm de lonxitude.

O Rexistro Mundial de Especies Mariñas (WoRMS en inglés), acepta 54 especies no xénero,[8] estando catalogadas a maioría pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza:[9]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Normalmente encóntrase en augas tropicais pouco profundas, e de temperaturas quentes, aínda que o seu rango de profundidade oscila entre 0 e 2.543 m, e o rango de temperatura pode estar entre 3.04 e 28.40 °C.[12] Viven entre os corais, macroalgas fanerógamas mariñas e mangleiros. Hai especies de cabaliños de mar que se caracterizan por ser territoriais, as femias adoitan ter aproximadamente 100 m² de espazo territorial, mentres que os machos non adoitan superar o metro cadrado.

O cabaliño de mar, ou hipocampo, distribúese en augas tropicais e temperadas, tanto en ambas as dúas costas do océano Atlántico, incluíndo o mar Mediterráneo; como no Indo-Pacífico, dende a costa leste africana ata o Pacífico central, incluído o mar Vermello.[13]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Os cabalos de mar son depredadores de pequenos invertebrados. Posúen un sistema visual con ollos que teñen mobilidade independente entre si, axúdanlles a recoñecer as súas presas, pequenos crustáceos que forman parte do zooplancto. Cando a presa se pon ao seu alcance é aspirada a través do seu fociño óseo por medio dun rápido movemento da súa cabeza. Tragan enteiras as súas presas ao non dispoñer de dentes, e vense obrigados a consumir gran cantidade de comida, xa que practicamente carecen de estómago.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Aparéanse estacionalmente, cando se incrementa a temperatura da auga. Despois dun baile cerimonial, a parella de cabaliños entrelaza as súas colas, e, tras unha serie de "bambeos" mesturados con períodos de pausa, que poden ser de 15 a 20 minutos, o macho deixa caer o seu líquido seminal ao exterior, e a fertilización dos ovos prodúcese segundo os ovos van entrando no saco do macho. As femias transplantan os seus ovos con axuda dunha papila xenital, apéndice cloacal ou ovopositor, duns tres milímetros de longo, na bolsa ventral dos machos, onde poden desenvolverse ben protexidos. Tanto a entrada dos ovos no saco, coma a súa fertilización, acontecen nun proceso extraordinariamente rápido (apenas 6 segundos). Esta estratexia é un xeito máis de asegurar que os ovos proceden exclusivamente dunha soa femia, co que se asegura a monogamia xenética para ese lote de ovos.

O osixeno difúndese a través dos capilares do tecido que reviste os ovos. As hormonas axudan a crear un fluído placental, que baña unha pequena parte do ovo que sobresae dos tecidos da bolsa. O medio creado polo fluído na bolsa altérase durante o proceso de procreación, pasando de ser parecido aos fluídos corporais, a parecerse á auga do mar circundante, presumiblemente para reducir o estrés das crías no momento do alumeamento.

O período de xestación dura entre 10 días e 6 semanas, dependendo das especies e da temperatura da auga do mar. Pasado este prazo, o macho deixa saír as crías do interior da súa bolsa durante varias horas, contraendo o seu corpo para facer presión e liberalas. O nacemento das crías parece ser esgotador para o pai. Agarrándose firmemente coa cola sobre un soporte, frega a súa bolsa contra unha cuncha ou rocha ata que saen as crías, con fraccións dos tecidos internos do pai. As crías son réplicas en miniatura dos seus pais, duns sete a once milímetros de longo. Os primeiros días entrarán e sairán da bolsa segundo haxa perigo ou non no exterior.[14] Chega a ter entre 200 e 300 crías dependendo do número de apareamientos.[15]

As femias parecen madurar ao mesmo tempo que os machos, sendo visible o seu ovopositor.

A reprodución pode estar influenciada pola luz, a temperatura e as turbulencias da auga do mar da zona.

  1. Hippocampus Rafinesque, 1810, WoRMS
  2. "Cabalo". Real Academia Galega. Consultado o 27 de novembro de 2016. 
  3. "Cabaliño". Real Academia Galega. Consultado o 27 de novembro de 2016. 
  4. "Hipocampo". Real Academia Galega. Consultado o 27 de novembro de 2016. 
  5. Kuiter,R.H. Cabalos de Mar, Peixes Pipa e Especies Emparentadas. Grupo Editorial M&G Difusión S.L. (2001)
  6. Garrick-Maidment,Neil. (Edición revisada 2003) Seahorses.Conservation and care. Kingdom Books.
  7. Lourie, Sara A. y Kuiter, Rudie H. (2008) Three new pygmy seahorse species from Indonesia (Teleostei: Syngnathidae: Hippocampus) Zootaxa 1963:54-68. Magnolia Press
  8. Bailly, N. (2013). Hippocampus Rafinesque, 1810. In: Froese, R. and D. Pauly. Editors. (2013) FishBase. Accessed through: World Register of Marine Species at http://www.marinespecies.org/aphia.php?p=taxdetails&id=126224. Consultado o 1 de novembro de 2013.
  9. IUCN 2013. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2013.1. <www.iucnredlist.org>. Consultado o 1 de novembro de 2013
  10. Hippocampus debelius Gomon & Kuiter, 2009.
  11. "Hippocampus tyro Randall & Lourie, 2009.". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2013. Consultado o 28 de marzo de 2014. 
  12. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2018. Consultado o 28 de marzo de 2014. 
  13. http://iobis.org/mapper/?taxon=Hippocampus
  14. http://marenostrum.org/caballitos/primera.html
  15. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2013. Consultado o 28 de marzo de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]