Rainer Maria Rilke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rilke en 1900.

Rainer Maria Rilke, nado en Praga o 4 de decembro de 1875 e finado en Val-Mont (Suíza) o 29 de decembro de 1926, foi un escritor en lingua alemá e francesa, especialmente recoñecido pola súa poesía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

René Karl Wilhelm Johann Josef Maria Rilke naceu en Praga, daquela pertencente ao Imperio Austrohúngaro. Nesa cidade pasou a infancia e a adolescencia. Era fillo do oficial ferroviario Josef Rilke (1838-1906) e de Sophie Entz (1851-1931), procedente dunha familia de industriais de Praga de orixe xudea, pero convertida ao cristianismo para eludir o antisemitismo. O matrimonio separouse en 1884 ao marchar Sophie á corte de Viena tratando facer valer as súas pretensións nobiliarias. A relación entre a nai e o seu único fillo foi problemática, pois Sophie non puidera superar a morte prematura da súa primeira filla, e obrigou a René (en francés, "renacido") a vestir con roupas de nena até os cinco anos.

René ingresou en 1886 na Escuela Militar secundaria de Sankt Pölten,obrigado polo seu pai, e abandonouna en 1891 por problemas de saúde. Máis tarde denominouna "abecedario de horrores". Entre 1892 e 1895 preparou o exame de ingreso na Universidade. En 1895 e 1896 estudou literatura, historia da arte e filosofía en Praga e despois en Múnic. Tras abandonar Praga, Rilke mudou o seu primeiro nome de René a Rainer.

En 1894 publicou o seu primeiro libro de poemas, Leben und Lieder, moi influenciado pola poesía de Heinrich Heine. En 1895 publicou Larenopfer e en 1896 Traumgekrönt.

En 1897 coñeceu en Múnic a Lou Andreas-Salomé (1861-1937), antiga coñecida de Friedrich Nietzsche, casada e catorce anos maior ca el, coa que mantivo unha relación até 1899, e seguiu sendo a súa principal confidente até a súa morte. A través dela, que foi alumna de Sigmund Freud en 1912 e 1913, Rilke coñeceu a psicanálise.

En 1898 Rilke viaxou durante varias semanas por Italia. En 1899 viaxou a Rusia, e en Moscova coñeceu a Lev Tolstoi. Entre maio e agosto de 1900 regresou a Rusia xunto a Lou Andreas-Salomé, visitando Moscova e San Petersburgo. Nesa época escribiu Das Stundenbuch, publicado en 1905.

En outono de 1900 Rilke mudouse á colonia de artistas de Worpswede, preto de Bremen, e alí coñeceu á pintora Paula Modersohn-Becker e á escultora Clara Westhoff (1878-1954), coa que casou na primavera seguinte. En decembro de 1901 naceu a súa filla Ruth. No verán de 1902 transladouse a París coa intención de escribir un ensaio sobre o escultor Auguste Rodin (1840-1917).

Réquiem de Rilke.

Malia que nun principio non se adaptou á vida en París, o encontro con artistas e intelectuais resultoulle moi estimulante. Quedou entusiasmado coa escultura de Auguste Rodin e a pintura de Paul Cézanne (1839-1906). Nesta época coñeceu tamén ao pintor español Ignacio Zuloaga. Nos anos seguintes París foi a residencia principal do escritor, que seguiu viaxando por Italia, Dinamarca, Suecia, Países Baixos, Bélxica e Francia, así como por varias cidades de Alemaña e o Imperio austrohúngaro, hospedándose sempre en casas de amigos. Entre 1905 e 1906 foi secretario de Auguste Rodin.

As obras máis importantes do período parisino foron Neue Gedichte (1907), Der neuen Gedichte anderer Teil (1908), Réquiem (1909) e a novela Die Aufzeichnungen des Malte Laurids Brigge, comezada en 1904 e completada en xaneiro de 1910. Esta última obra consiste nunha serie de confesións espirituais escritas por un dinamarqués exiliado en París, cunha carga forte autobiográfica.

Castelo de Duino.

Trala publicación desta obra, tivo unha prolongada crise creativa. En 1912 comezou Duineser Elegien, que rematou en febreiro de 1922. Este libro de poemas debe o seu nome á estancia de Rilke entre outubro de 1911 e maio de 1912 no castelo de Duino (preto de Trieste), propiedade da súa amiga e protectora a condesa Marie von Thurn und Taxis. Nesta época comezou a tradución dos sonetos de Louise Labé e continuou traballando con lentitude na súa obra poética.

En novembro de 1912 Rilke viaxou a España, visitando Toledo, Córdoba, Sevilla e estando dous meses en Ronda, onde traballou na Sexta das Duineser Elegien.

O inicio da Primeira Guerra Mundial sorprendeuno en Alemaña. Non puido regresar a París, onde as súas propiedades foron confiscadas e subhastadas por ser súbdito dun país inimigo. Pasou a maior parte da guerra en Múnic. Entre 1914 e 1916 mantivo un turbulento romance coa pintora Lou Albert-Lasard.

A comezos de 1916 foi chamado a filas, e viuse obrigado a incorporarse ao exército austrohúngaro en Viena. Amigos influentes intercederon por el e o 9 de xuño dese mesmo ano foi dispensado do servizo militar. Regresou a Múnic, onde permaneceu até o final do conflito, cunha breve estancia en Bieren (Westfalia) en casa de Hertha König. A traumática experiencia do servizo militar, que lle lembrou a época de formación na Escola Militar de Sankt Pölten, estivo a piques de acabar coa súa carreira como poeta.

Tumba de Rilke no camposanto de Raron (Suíza).

O 11 de xuño de 1919 Rilke viaxou desde Múnic a Suíza. En principio tiña unha invitación para dar unha conferencia en Zurich, pero aproveitou para quedar, escapando do caos da posguerra e continuar traballando nas Duineser Elegien. Resultoulle difícil encontrar un lugar adecuado onde instalarse, e residiu sucesivamente en varias localidades, como Soglio, Locarno e Berg am Irchel. No verán de 1921 fixou a súa residencia permanente no castelo de Muzot, preto de Sierre, en Valais. En maio de 1922 o seu protector Werner Reinhart (1884-1951), comprou o edificio para evitarlle o pago do aluguer.

En febreiro de 1922, nun período intensamente creativo completou as Duineser Elegien nunhas semanas. Antes e despois diso traballou en Die Sonette an Orpheus. A partir de 1923 tivo que afrontar un serio problema de saúde, cunha prolongada estancia nos sanatorios de Schöneck e Val-Mont. Entre xaneiro e agosto de 1925 estivo en París, considerando que un cambio de residencia e de hábitos podería ser beneficioso para a súa saúde. A pesar da doenza, escribiu numerosos poemas entre 1923 e 1926, amais dunha extensa obra lírica en francés. Nesta época tivo unha relación coa artista Baladine (Elisabeth Dorothea Spiro), nai do pintor Balthus (Balthasar Klossowski).

Trala súa morte sóubose que sufrira leucemia. Foi sepultado o 2 de xaneiro de 1927 no camposanto de Raron (Valais). El mesmo escolleu o seu epitafio:

Rose, oh reiner Widerspruch, Lust,
Niemandes Schlaf zu sein unter soviel
Lidern.

Rosa, oh contradición pura no deleite
de ser o soño de ninguén baixo tantas
pálpebras.

Obras[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Leben und Lieder (1894)
  • Larenopfer (1895)
  • Traumgekrönt (1897)
  • Advent (1898)
  • Mir zur Feier (1909)
  • Das Stunden-Buch
    • Das Buch vom mönchischen Leben (1899)
    • Das Buch von der Pilgerschaft (1901)
    • Das Buch von der Armut und vom Tode (1903)
  • Das Buch der Bilder (4 partes, 1902-1906)
  • Neue Gedichte (1907)
  • Duineser Elegien (1922)
  • Die Sonette an Orpheus (1922). Traducido ao galego por Lois Tobío Fernández como Os sonetos a Orfeu, publicado en 1980 por Ediciós do Castro.

Prosa[editar | editar a fonte]

  • Geschichten vom Lieben Gott (relatos, 1900)
  • Auguste Rodin (1903)
  • Die Weise von Liebe und Tod des Cornets Christoph Rilke (narración lírica, 1906)
  • Die Aufzeichnungen des Malte Laurids Brigge (novela, 1910)

Cartas[editar | editar a fonte]

  • Briefe an Auguste Rodin (1928)
  • Briefwechsel mit Marie von Thurn und Taxis (1954)
  • Briefwechsel mit Thankmar von Münchhausen 1913 bis 1925 (2004)
  • Briefwechsel mit Rolf von Ungern-Sternberg und weitere Dokumente zur Übertragung der Stances von Jean Moréas (2002)

Cartas completas[editar | editar a fonte]

  • Gesammelte Briefe in sechs Bänden (1936-1939)
  • Briefe (1950).
  • Briefe in Zwei Bänden (1991)

Obra completa[editar | editar a fonte]

  • Sämtliche Werke in 12 Bänden (1976)
  • Werke (1996 e 2003)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rainer Maria Rilke