Partido Republicano Radical

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Republicano Radical, máis coñecido simplemente como Partido Radical, foi un partido político español fundado por Alejandro Lerroux en 1908 en Santander, ao escindirse da histórica Unión Republicana de Nicolás Salmerón.

Historia[editar | editar a fonte]

A súa base ideolóxica foi moi cambiante, oscilando as súas formulacións entre o radicalismo anticlerical e violento, participando moi activamente nos feitos da Semana Tráxica de Barcelona (1909), o republicanismo moderado e o conservadorismo e a colaboración coa dereita monárquica e confesional, durante a Segunda República. O partido sufriu diversas escisións ao longo da súa existencia. En 1929, o sector máis progresista, liderado por Marcelino Domingo, separouse do PRR para fundar o Partido Republicano Radical Socialista, que acabaría en gran parte confluíndo na Izquierda Republicana de Manuel Azaña. En abril de 1934, xa co Partido Radical dentro do goberno republicano, Diego Martínez Barrio saíu do partido cos cadros máis moderados para fundar o Partido Radical Demócrata, en desacordo coa liña dereitista da maioría radical.

No derradeiro alento do reinado de Afonso XIII, o Partido Radical foi un dos asinantes principais do Pacto de San Sebastián, e como tal participou no Comité Provisorio que comandou o derrocamento da Monarquía e do Goberno Provisorio que substituíu ao Goberno da Monarquía trala proclamación da II República, o 14 de abril de 1931. Durante o primeiro bienio republicano, no que ocupou 89 asentos nas Cortes Constituíntes, o Partido Radical distinguiuse por combater desde o centro-dereita as políticas de esquerdas dos gobernos de Azaña. Tralas eleccións de 1933, que deron maioría ás dereitas no Parlamento e nas que obtivo 104 escanos, o Partido Radical liderou o goberno da República, primeiro en solitario (un gabinete monocolor apoiado pola CEDA), e despois en coalición coa Confederación Española de Derechas Autónomas de Gil-Robles. Ao longo do seu mandato, tivo que facer fronte á Revolución de Outubro de 1934. Tras controlar a situación no resto do país, o Goberno radical detivo a Companys, suspendeu a Generalitat e mandou á Lexión a combater a insurrección obreira en Asturias, que foi duramente reprimida polos xenerais Franco e Goded. Os gobernos radicais sucedéronse, progresivamente debilitados por numerosos escándalos de corrupción (entre eles, o do Estraperlo) en que se viron envolvidos os seus líderes, e cada vez máis impotentes para estabilizar unha situación social cada vez máis crispada e enrarecida, ata 1936, en que o triunfo da coalición das esquerdas deu paso ao Goberno da Fronte Popular. Como o resto de partidos políticos activos durante a República salvo o chamado Movemento Nacional (FET y de las JONS), o Partido Radical Republicano foi ilegalizado trala vitoria do bando nacional na guerra civil.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]