James Rainwater

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Leo James Rainwater (Council, EEUU 1917 - ide. 1986) foi un físico estadounidense galardoado co Premio Nobel de Física do ano 1975.

Biografía[editar | editar a fonte]

Naceu o 9 de decembro de 1917 na cidade de Council, situada en Idaho. En 1918, despois da morte do seu pai pola epidemia de gripe española, a súa familia trasladouse ata Hanford, no estado de California. Alí estudou física no Instituto Tecnolóxico de California, onde se licenciou en 1939 e, posteriormente, conseguiu o doutoramento na Universidade de Columbia en 1946. En 1952 foi nomeado profesor de física na Universidade de Columbia.

Investigacións científicas[editar | editar a fonte]

Durante a Segunda Guerra Mundial entrou a traballar no proxecto de desenvolvemento da bomba atómica. A partir de 1949 comezou a desenvolver a súa teoría de que, contrariamente ao que entón se cría, non todos os núcleos atómicos son esféricos. As súas ideas foron probadas e confirmadas máis adiante por Aage Niels Bohr e os experimentos de Ben Roy Mottelson realizados no Instituto Niels Bohr de Copenhague (Dinamarca).

James Rainwater tamén contribuíu na comprensión científica das radiografías e participou na Comisión de enerxía atómica e proxectos de investigación navais por decisión do goberno dos Estados Unidos.

En 1975 foi galardoado, xunto a Aage Niels Bohr e Ben Roy Mottelson, co Premio Nobel de Física.

Leo James Rainwater morreu o 31 de maio de 1986 na súa cidade natal de Council.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]